¿Qué son os coidados paliativos?

¿Qué son os coidados paliativos?

Información

¿Que son os coidados paliativos?

Os coidados paliativos son os coidados de pacientes e familias con enfermidades cunha expectativa de vida limitada en etapas avanzadas que presentan moitos problemas e necesidades físicas, sociais, psicolóxicas e espirituais. (Baseado na Organización Mundial da Saúde 2002)

Os coidados paliativos:

  • alivian a dor e os outros síntomas;
  • respectan a vida, e contemplan a morte como un proceso natural;
  • non intentan precipitar nin atrasar o momento da morte;
  • integran os aspectos psicolóxicos, sociais e espirituais da atención ao paciente;
  • ofrécenlle ao paciente un soporte que lle permita vivir tan activamente como sexa posible, ata a súa morte;
  • ofrécenlle á familia un soporte que lle axude a encarar o sufrimento do paciente e do seu propio dó;
  • empregan un enfoque de equipo para responder ás necesidades do paciente e da súa familia, incluíndo o acompañamento psicolóxico do dó, de ser necesario;
  • pretenden mellorar a calidade de vida e poden tamén influír favorablemente sobre o curso da enfermidade;
  • poden aplicarse nun estadio temperán da enfermidade, paralelamente a outras terapias enfocadas a prolongar a supervivencia (por exemplo, a quimioterapia ou a radioterapia); son igualmente compatibles coas probas necesarias para diagnosticar e tratar mellor as complicacións da enfermidade.

¿Quen ten dereito aos coidados paliativos?

Todas as persoas que teñan enfermidades avanzadas, progresivas e complexas, así somo as súas familias.

O persoal médico e de enfermaría ten a responsabilidade de empregar os principios dos coidados paliativos na atención destes pacientes e as súas familias.

Exemplos de coidados paliativos:

Os coidados e a atención completa de pacientes e das súas familias nalgunha destas situacións:

  • insuficiencia cardíaca que non mellora cos tratamentos dispoñibles e non permite un transplante cardíaco
  • dependencia total nunha enfermidade dexenerativa do sistema nervioso
  • insuficiencia hepática crónica e cirrose que non mellora cos tratamentos desa enfermidade e non permite un transplante de fígado
  • cancro que non mellora cos tratamentos contra o tumor
  • outras...

¿Como se proporcionan os coidados paliativos?

Os coidados paliativos son unha tarefa na que están implicados todos os profesionais do sistema sanitario, especialmente os que forman os dispositivos do Plan galego de coidados paliativos: unidades de coidados paliativos; unidades de hospitalización a domicilio; equipos de atención primaria e equipos de soporte de coidados paliativos.

Segundo a complexidade do problema e as necesidades do paciente e da familia, nuns casos os coidados serán dispensados por un dispositivo e noutros casos intervirán outros dispositivos.

Sempre será atendido e coidado dunha forma integral e coordinada entre todos estes dispositivos.

 

Lugar de aplicación dos coidados: DOMICILIO

  • Dispositivo ou equipo: Equipos de atención primaria
  • Dispositivo ou equipo: Unidades de hospitalización Domiciliaria
  • Dispositivo ou equipo: Equipos de soporte de coidados paliativosEquipos de soporte de coidados paliativos

Lugar de aplicación dos coidados: HOSPITAL

  • Dispositivo ou equipo: Unidades de coidados paliativos
  • Dispositivo ou equipo: Equipo de soporte de coidados paliativos
  • Dispositivo ou equipo: Outros servizos do hospital

¿Quen traballa nos coidados paliativos?

O traballo en coidados paliativos require a participación de persoal médico, de enfemaría, auxiliares de clínica, psicólogos ou psicólogas, traballadores sociais ou traballadoras sociais e outros profesionais sanitarios que traballan en equipo para atender todas as facetas dos coidados.

¿Como se traballa en coidados paliativos?

O traballo de equipo consiste en valorar os problemas e necesidades do paciente e da súa familia, planificar os coidados e avalialos.

A figura do coidador (o familiar ou achegado, que é a persoa que asume a carga principal dos coidados) é de especial importancia nos coidados e merece especial consideración e apoio.

Todos os profesionais do Plan galego de coidados paliativos comparten protocolos e guías de actuación ante os problemas e coordínanse para prestar os mellores coidados.

O Plan proporciona a atención as 24 horas do día tanto no hospital coma no domicilio, coa colaboración do 061.

¿Como podo recibir coidados paliativos?

Se vostede ou o seu familiar queren saber se precisan coidados paliativos, o seu médico ou médica responsable valorará a indicación. Se están indicados, valorarase ser atendido no dispositivo do Plan máis axeitado ás súas necesidades.

Vostede pode solicitar información respecto ao Plan de coidados paliativos falando co seu médico ou médica responsable ou ben nos servizos de atención ao paciente. O lugar apropiado de atención a un paciente en situación avanzada e complexa virá dada en función da suma de diversas variables (nivel de sufrimento, apoios existentes e decisión do paciente e a familia, entre outros). A posterior evolución do paciente permitirá a adecuada reordenación de servizos que irá requirindo. A Atención Primaria é o elemento inicial e fundamental para promover dita asistencia. Os dispositivos específicos (Unidades de Coidados Paliativos e Equipos de Soporte de Coidados Paliativos) e de Hospitalización a Domicilio (HADO) reservaranse para a atención de enfermos e situacións de complexidade. O despregue destes dispositivos estase a desenvolver continuamente, polo que as informacións son as dispoñibles na data da actualización de esta páxina