Introdución

Introdución

Que é o Plan Galego de Coidados Paliativos?

 
O Plan de coidados paliativos (PCP) é aquel que desenvolve a atención a pacientes diagnosticados de enfermidades oncolóxicas e non oncolóxicas progresivas e en estadio avanzado, tendo en conta que, dado o seu prognóstico limitado, o máis importante é proporcionar os coidados necesarios para atender as necesidades físicas, psicosociais e espirituais do paciente e da súa familia.

Por medio deste Plan, o Servizo Galego de Saúde quere facer efectivo o dereito de todos os cidadáns á atención integrada no final da vida, así como os coidados precisos para os enfermos crónicos e as súas familias.

O obxectivo é soster a mellor calidade de vida do enfermo, e apoiar aos seus familiares e achegados.

O acceso aos coidados paliativos basearase na necesidade, e non debe ser influído polo tipo de enfermidade, nin pola localización xeográfica , nin polo estatus socioeconómico ou outros factores semellantes.
Valores
  • Universalidade
  • Equidade
  • Integridade
  • Accesibilidade
  • Promoción da autonomía e dignidade das persoas
  • Atención interdisciplinar
  • Satisfacción
  • Transparencia

Principios

  • Calidade de vida. O fin do Plan de coidados paliativos é soster a calidade de vida, para o que nin anticipa nin pospón a morte.
  • Apoio e confort. O Plan de coidados paliativos recoñece o dereito do paciente e da súa familia a recibir apoio e respecto en todo momento.
  • Paciente tratado integralmente. O Plan de coidados paliativos considera e trata o paciente como un todo individual con necesidades físicas, psicosociolóxicas e espirituais.
  • Paciente e familia como unidade obxecto da atención. O Plan de coidados paliativos intenta atender todas as necesidades do paciente, así como as necesidades psicosociais e espirituais da súa familia (entendida esta como as persoas vinculadas directamente á vida e/ou ao coidado do paciente).
  • Autonomía persoal. O Plan de coidados paliativos recoñece o dereito dos pacientes a tomar decisións baseadas no coñecemento e comprensión da súa situación e a que estas decisións sexan respectadas.