Para poder participar nunha das áreas especiais das categorías que conten con elas, o/a aspirante deberá acreditar nos termos exixidos no pacto de contratación unha experiencia profesional mínima de dous meses, na/nas referida/s áreas e categoría, dentro do Sistema nacional de saúde e/ou formación práctica específica na categoría e área/s solicitada/s, impartida polo Servizo Galego de Saúde.
Non é necesaria a acreditación documental por parte do/da aspirante do requisito de formación práctica específica impartida polo Servizo Galego de Saúde, posto que se carga automaticamente ao ter superado a mesma.
Poderán equipararse á formación práctica específica impartida polo Servizo Galego de Saúde determinadas titulacións académicas nas que a formación práctica estea incluída no programa curricular da propia titulación, previo informe favorable da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria e o acordo da Comisión Central.
Tal e como se recolle na Resolución do 13 de decembro de 2016, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se autorizan e se publican diversos acordos adoptados pola Comisión Central de Seguimento do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia (DOG núm. 243, do 22 de decembro de 2016):
I. Titulacións académicas equiparables á formación práctica específica impartida polo Servizo Galego de Saúde como requisito de acceso ás áreas especiais na categoría de Persoal de Enfermaría:
Analizados os programas formativos das distintas especialidades de enfermaría relacionadas no anexo I do Real decreto 639/2014, do 25 de xullo, e logo do informe favorable da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, acórdase equiparar, na categoría de enfermeiro/a, á formación práctica específica impartida polo Servizo Galego de Saúde o título oficial de enfermeiro/a especialista en enfermaría pediátrica para o acceso ás áreas especiais de Hospital de Día Onco-Pediátrico, Prematuros-Neonatos e UCI Pediátrica.
II. Experiencia profesional mínima de dous meses na/s área/s solicitada/s e categoría:
Para os efectos de acreditación do requisito de experiencia exixido para o acceso ás listas de área especial e co obxecto de homoxeneizar criterios na selección fixa e temporal do persoal estatutario, terán a consideración de experiencia profesional no Sistema Nacional de Saúde os servizos prestados por conta e baixo a dependencia de institucións sanitarias do Sistema sanitario público español/Unión Europea/ Espazo Económico Europeo/Suíza.
III. Formación Práctica impartida polo Servizo Galego de Saúde, conforme ao procedemento e instrucións que, en desenvolvemento do Pacto de Contratacións, se elabore no seo da Comisión Central de Seguimento do Pacto.