A Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria é o órgano responsable da coordinación asistencial das áreas sanitarias e dos centros e servizos de financiamento público.
Correspóndenlle as seguintes funcións:
a) A definición de programas e obxectivos asistenciais das entidades, organismos, estruturas e centros sanitarios, no marco da planificación sanitaria elaborada pola Consellería de Sanidade e, especialmente, da Estratexia Sergas 2020 e do Plan de saúde da Consellería de Sanidade.
b) A coordinación, o control e a avaliación da actividade asistencial e a xestión das demoras na atención sanitaria nas áreas sanitarias.
c) A ordenación, planificación e innovación estratéxica dos recursos asistenciais; o desenvolvemento e coordinación da política autonómica en relación coa prestación farmacéutica.
d) O desenvolvemento da función de compra de servizos sanitarios e sociosanitarios, a determinación e avaliación de obxectivos de carácter asistencial que deben cumprir os centros a través das fórmulas que en cada momento se determinen e aqueloutras funcións relacionadas e necesarias para conseguir estes obxectivos.
e) O establecemento das directrices de carácter xeral e o seguimento das actividades asistenciais desenvolvidas polas áreas sanitarias, organismos e centros do Sistema público de saúde de Galicia mediante a subscrición dos oportunos acordos de xestión.
f) A análise das necesidades de concertación de centros e servizos, así como a proposta de subscrición dos correspondentes concertos e o seu seguimento e control.
g) A promoción da integración e a coordinación de todos os dispositivos e recursos, fomentando as actuacións multidisciplinares dos diferentes ámbitos ou niveis, para garantir a continuidade asistencial.
h) O impulso da efectividade e da eficiencia nos procesos asistenciais, e a promoción da seguridade, e da calidade e a súa mellora continua.
i) A actualización e a transformación organizativa e funcional dos centros e áreas sanitarias de cara a mellorar os niveis de efectividade, calidade, seguridade e eficiencia.
Están adscritas á Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e a Fundación Pública Instituto Galego de Oftalmoloxía-INGO.