Diario Oficial de Galicia
venres, 4 de decembro de 2009
I. DISPOSICIÓNS XERAIS
Número do Dog:
238
Páxina do Dog:
18.619
Data da Disposición:
3 de decembro de 2009
Sección:
I. DISPOSICIÓNS XERAIS
Organismo:
CONSELLERÍA DE SANIDADE
Rango:
Decreto
Título:
Decreto 429/2009, do 3 de decembro,
polo que se modifica o Decreto 177/1995, do 16 de xuño,
polo que se regula a tarxeta sanitaria.
Decreto 429/2009, do 3 de decembro, polo que
se modifica o Decreto 177/1995, do 16 de xuño, polo
que se regula a tarxeta sanitaria.
O sistema de tarxeta sanitaria permite a
acreditación e identificación da cidadanía galega
para o acceso ás prestacións
sanitarias do Sistema Público de Saúde de Galicia, ademais
de facilitar os datos necesarios para a asistencia sanitaria.
O Decreto 177/1995, do 16 de xuño, regulou a tarxeta sanitaria sinalando que é o documento que identifica os cidadáns residentes en Galicia protexidos
polo sistema sanitario público. Coa redacción actual,
non se inclúen os galegos e
as galegas que realicen estancias temporais
en Galicia e residan no estranxeiro.
Por outra banda, o artigo 17 da Lei
40/2006, do 14 de decembro, que aprobou
o estatuto da cidadanía española no exterior, recoñece o dereito á protección
da saúde aos españois residentes no exterior, coa
finalidade de acadar unha equiparación coas prestacións do Sistema Nacional de Saúde.
Ademais, o artigo 4.1º da Lei
8/2008, do 10 de xullo, de saúde
de Galicia, determina que son titulares do dereito á
protección da saúde e á atención sanitaria con cargo
a fondos públicos no ámbito da Comunidade Autónoma de
Galicia non só os que residan nos seus
concellos, senón tamén os transeúntes na forma e nas condicións que estableza a lexislación vixente.
Tendo en conta o anterior,
resulta necesario modificar o Decreto 177/1995, do 16 de xuño,
polo que se regula a tarxeta sanitaria, co obxecto de dar cobertura sanitaria aos
cidadáns galegos que, residindo no estranxeiro,
realicen estancias temporais na
Comunidade Autónoma de Galicia e non teñan ningunha outra vía para recibir a atención sanitaria.
Esta cobertura formalizaríase mediante a expedición dunha tarxeta coa
que os interesados puidesen acceder ás prestacións sanitarias, dentro
dos límites determinados neste decreto e nas disposicións de desenvolvemento que para tal efecto se diten.
Na súa virtude,
por proposta da conselleira
de Sanidade, de conformidade co ditame
do Consello Consultivo de Galicia, e segundo o disposto no artigo 37.1º da Lei
1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, o Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de decembro de dous mil nove
DISPÓN:
Artigo 1º
Modifícase o artigo 1 do Decreto 177/1995, do 16 de xuño, polo que se regula a tarxeta
sanitaria, que quedará redactado como segue, engadíndolle un segundo parágrafo:
«Aos galegos e ás galegas de orixe
ou ascendencia a que fai
referencia o artigo 4 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia que, residindo no estranxeiro,
realicen estancias temporais na
Comunidade Autónoma de Galicia e non teñan dereito á asistencia
sanitaria de acordo coas disposicións vixentes en materia
de Seguridade Social, as do Estado de procedencia e/ou os convenios internacionais
establecidos para o efecto, expediráselles unha tarxeta sanitaria que garanta o seu acceso ás prestacións que se determinen neste decreto e nas disposicións que no seu desenvolvemento se diten».
Artigo 2º
Engádese un artigo 3 ao
Decreto 177/1995, do 16 de xuño, polo que se regula a
tarxeta sanitaria, coa seguinte redacción:
«Artigo 3º
A tarxeta sanitaria a que se refire
o artigo 1 parágrafo segundo dará acceso, no ámbito da Comunidade
Autónoma de Galicia, á seguinte cobertura:
a) Son continxencias protexidas,
exclusivamente, a enfermidade común, o accidente non
laboral e a maternidade.
b) Para o caso de enfermidade común ou accidente non laboral, as prestacións
que inclúe a cobertura son:
-Prestacións de medicina xeral,
especialidades e tratamento médico, nas modalidades de urxencia e, de
ser preciso, de hospitalización, coa excepción dos
menores e as mulleres xestantes, aos
que se lles garante a protección da saúde e a protección sanitaria, nos termos do artigo 4.2 da
Lei 8/2008, do 10 de xullo,
de saúde de Galicia.
-O tratamento cirúrxico unicamente na modalidade
de urxencia. Quedan excluídas
a cirurxía plástica e reparadora, a implantación de próteses de calquera tipo, así
como os transplantes de órganos e tecidos.
-A prestación farmacéutica en internamento
hospitalario. No resto dos supostos, a prestación
farmacéutica prestarase nas
mesmas condicións que aos traballadores en activo.
c) Para o caso de maternidade, as prestacións
que inclúe a cobertura son:
-Asistencia médica no embarazo, parto e puerperio.
-A prestación farmacéutica en internamento
hospitalario. No resto dos supostos, a prestación
farmacéutica darase nas mesmas condicións que aos traballadores en activo».
Disposición adicional
As referencias á Consellería de Sanidade e Servizos Sociais contidas no Decreto
177/1995, do 16 de xuño, polo que se regula a tarxeta sanitaria, entenderanse
referidas á consellería con competencias en materia
de sanidade.
Disposición derradeira
Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario
Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, tres de decembro de dous mil nove.
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente (Decreto 428/2009)
Pilar Farjas Abadía
Conselleira de Sanidade