Diario Oficial de Galicia
luns, 2 de xuño de 2008
I. DISPOSICIÓNS XERAIS
Número do Dog:
105
Páxina do Dog:
10.255
Data da Disposición:
15 de maio de 2008
Sección:
I. DISPOSICIÓNS XERAIS
Organismo:
CONSELLERÍA DE SANIDADE
Rango:
Decreto
Título:
Decreto 107/2008, do 15 de maio, polo que se regula a sinalización, información e publicidade das oficinas de farmacia.
Decreto 107/2008,
do 15 de maio, polo que se regula a sinalización, información e publicidade das
oficinas de farmacia.
A Lei galega
5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, ditada en virtude dos
artigos 28.8º 33 do Estatuto de autonomía de Galicia, que outorga á comunidade
a competencia de desenvolvemento en materia de ordenación farmacéutica,
establece os principios xerais de ordenación, planificación e atención que
afectan o conxunto de establecementos e servizos farmacéuticos contidos nesta,
sen prexuízo dos principios de carácter básico recollidos na Lei 14/1986, do 25
de abril, xeral de sanidade, Lei 29/2006, do 26 de xullo, de garantías e uso
racional dos medicamentos e produtos sanitarios, e, especificamente, polo que
respecta ás oficinas de farmacia, na Lei 16/1997, do 25 de abril, de regulación
dos servizos das oficinas de farmacia.
A citada Lei 5/1999, constitúe un marco de regulación que require a
promulgación de diversas normas regulamentarias que desenvolvan determinados
aspectos; no capítulo III do título II, relativo á atención farmacéutica na
atención primaria, defínese a oficina de farmacia como un establecemento
sanitario de interese público, integrado na atención primaria.
Por outra banda, o Decreto 97/1998, do 20 de marzo, que regula a publicidade
sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, establece uns principios mínimos
aos que debe someterse a publicidade sanitaria que se desenvolva no ámbito da
comunidade autónoma, promovendo que as mensaxes publicitarias con repercusión
para a saúde da cidadanía sexan ordenados e correctos.
A diversidade existente no relativo á sinalización, identificación e
información nas oficinas de farmacia en Galicia, así como a ausencia dunha
normativa específica sobre a súa publicidade fai necesario abordar unha
regulación destes aspectos, e introducir unha serie de prescricións co fin de
que as prácticas que se realicen neste ámbito respondan á condición de
establecementos sanitarios, contribuíndo a que os/as usuarios/as as perciban
como tal, e garantindo a súa liberdade de elección.
Así mesmo, hai que ter en conta que a regulación a que está sometida a oficina
de farmacia ten por obxecto favorecer a accesibilidade da cidadanía ao servizo
farmacéutico, e neste contexto compre establecer un marco legal onde, en
condicións de igualdade, se poida desenvolver a sinalización destes
establecementos, a información que transmitan ás usuarias e usuarios, e as
características e requisitos dentro dos que debe enmarcarse a publicidade que
realicen.
Tendo en conta o anterior, e ao abeiro do establecido na disposición derradeira
primeira da Lei 5/999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, por proposta
da conselleira de Sanidade, de acordo co ditame nº 382/2008 do Consello
Consultivo de Galicia, de vinte e tres de abril de dous mil oito, e logo de
deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día quince de
maio de dous mil oito,
DISPOÑO
Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.
É obxecto desta norma regular a sinalización, información e publicidade que
realicen as oficinas de farmacia e boticas anexas situadas na Comunidade
Autónoma de Galicia.
Artigo 2º.-Identificación e sinalización das oficinas de farmacia.
1. Na fachada das oficinas de farmacia existirá un rótulo no que figurará de
forma facilmente visible a palabra Farmacia ou Botica Anexa, segundo o caso,
así como, o nome e apelidos do farmacéutico/a/s, titular/es, ou rexente,
segundo o caso, e sigla de control de Sanidade do establecemento.
Así mesmo, poderán figurar na fachada da oficina de farmacia as palabras
Óptica, Ortopedia, Laboratorio de análises clínicas, ou denominación doutra especialización,
no caso de que o establecemento conte coa correspondente autorización de
funcionamento para estas actividades sanitarias.
2. Co obxecto de lles facilitar ás usuarias e usuarios a identificación das
oficinas de farmacia, deberán contar na súa fachada cunha cruz verde, cun
tamaño máximo de 90 cm × 90 cm, con dispositivo que permita a súa iluminación
na que deberá figurar a palabra Farmacia ou Botica Anexa, segundo o caso.
Durante el horario de funcionamento as oficinas de farmacia deberán ter
iluminada a cruz verde. Fóra do dito horario a cruz deberá estar apagada.
Poderán instalarse tantas cruces como número de fachadas teña o establecemento,
cando esta dea a diferentes rúas.
3. No caso de que existan especiais dificultades para a localización ou
visibilidade da oficina de farmacia, a correspondente delegación provincial da
Consellería de Sanidade poderá autorizar, sen prexuízo das demais autorizacións
exixibles, logo de solicitude por parte do/a interesado/a, a instalación de
carteis indicadores, así como a colocación da citada cruz, en lugar e número
diferentes aos indicados no punto anterior.
4. As oficinas de farmacia que se encontren desenvolvendo o servizo de garda
deberán estar convenientemente sinalizadas, coa cruz verde luminosa iluminada,
sen prexuízo do disposto no artigo 3º.4 para as urxencias localizadas.
5. As palabras Farmacia e Botica Anexa, así como a cruz verde de
identificación, serán de utilización exclusiva para as oficinas de farmacia.
Non se poderán usar estes termos e símbolo para outro tipo de establecementos,
agás no suposto recollido no parágrafo segundo do punto 1, deste artigo.
Artigo 3º.-Información nas oficinas de farmacia.
1. Na zona de atención ao usuario, así como nos escaparates das oficinas de
farmacia, unicamente poderá figurar información relativa a produtos ou
actividades dirixidas á prevención da enfermidade, promoción da saúde e uso
racional do medicamento, así como a de medicamentos, produtos sanitarios ou de
dispensación en oficinas de farmacia que teñan expresamente autorizada a súa
publicidade.
2. Con carácter voluntario, nas oficinas de farmacia poderá figurar información
relativa a acreditacións ou certificacións en relación con sistemas de
calidade, e con carácter obrigatorio a información relativa a acreditacións,
certificacións ou catalogacións outorgadas pola Administración sanitaria.
3. A información relativa aos horarios de atención ao público e de servizo de
urxencias das oficinas de farmacia deberá cumprir o establecido na súa normativa
reguladora.
4. Naquelas oficinas que teñan autorizado o servizo de urxencias de forma
localizada, deberá indicarse de forma visible e clara o modo de acceder ao dito
servizo na fachada ou exterior da propia oficina de farmacia, nas farmacias da
zona farmacéutica, así como nos centros de atención primaria e hospitalaria
máis próximos.
Artigo 4º.-Publicidade das oficinas de farmacia.
1. A publicidade da oficina de farmacia poderá realizarse unicamente a través
dos envoltorios, bolsas de plástico ou papel utilizados para os produtos
dispensados con datos xerais da oficina de farmacia como nome e apelidos do
titular e/ou titulares, enderezo, nº de teléfono, nº de fax, enderezo de correo
electrónico, horarios de atención ao público e outras actividades sanitarias
autorizadas.
2. Prohíbese de forma expresa a realización de promocións que poidan contribuír
a favorecer o consumo de medicamentos ou produtos sanitarios.
3. Así mesmo, poderá realizarse información dirixida ao público nos listíns
telefónicos incluíndo, como máximo, os datos xerais enumerados no parágrafo
anterior.
4. A través dos medios de comunicación social poderá informarse unicamente da
relación de oficinas de farmacia que se atopan en servizo de garda.
Artigo 5º.-Información e publicidade relativa ás campañas sanitarias.
1. De acordo co establecido no artigo 8 da Lei 5/1999, do 21 de maio, de
ordenación farmacéutica de Galicia, as oficinas de farmacia poderán colaborar
na realización e difusión de campañas sanitarias organizadas pola
Administración sanitaria relativas ao uso racional do medicamento, protección e
promoción da saúde, así como en programas de saúde pública e drogodependencias,
nos termos establecidos pola autoridade sanitaria.
2. A través dos envoltorios, bolsas de plástico ou papel utilizados para os
produtos dispensados poderase reflectir mensaxes relacionadas co uso racional
do medicamento ou con campañas sanitarias propostas polos colexios oficiais de
farmacéuticos, sen prexuízo do sinalado no artigo 6º.
3. As campañas sanitarias relacionadas co ámbito da oficina de farmacia que
estean organizadas polos colexios oficiais de farmacéuticos deberán estar en
consonancia coas organizadas pola Administración sanitaria e deberán ser
previamente comunicadas á Consellería de Sanidade a través da correspondente
delegación provincial.
Artigo 6º.-Infraccións e sancións.
O incumprimento do disposto neste decreto quedará sometido ao réxime de
infraccións e sancións que establece a Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de
sanidade, na Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, e o Decreto
97/1998, do 20 de marzo, polo que se regula a publicidade sanitaria na
Comunidade Autónoma de Galicia.
Disposición transitoria
Establécese un período de doce meses desde a entrada en vigor desta norma, como
período de adaptación das oficinas de farmacia e boticas anexas ao establecido
nesta.
Disposición derrogatoria
Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao
establecido neste decreto.
Disposición derradeira
Esta norma entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial
de Galicia.
Santiago de Compostela, quince de maio de dous mil oito.
Emilio Pérez Touriño
Presidente
María José Rubio Vidal
Conselleira de Sanidade