Decreto 176/2000, do 22 de xuño, polo que se regula o
Programa de atención ás persoas maiores dependentes a través do cheque
asistencial.
Unha das principais características demográficas de
Galicia é o seu envellecemento da poboación. Segundo o Padrón Municipal de
Habitantes e Estatística de Poboación de 1996, a porcentaxe de maiores de 65
anos da Comunidade Autónoma é do 18,3% e a das provincias de Lugo e Ourense
supera o 24%. A da poboación española, sen embargo, non chega ó 16%.
Esta situación é consecuencia do descenso da
natalidade e do aumento da esperanza de vida, que na nosa Comunidade Autónoma é
similar á doutros países industrializados, alcanzando unha media de idade de 74
anos para os homes e 81 para as mulleres.
Os coidados que precisan as persoas maiores, na súa
inmensa maioría, préstanse polas propias familias, realidade en principio moi
positiva polo que manifesta de actitude solidaria delas cara ós seus
compoñentes de maior idade e/ou precariedade.
Tendo en conta que a atención destas persoas non
sempre pode ser asumida en exclusividade por esta rede natural, xa sexa pola
gran carga de coidados ou a complexidade deles, xa porque en determinados casos
pode obrigar a unha formación e/ou supervisión profesional ou á utilización de
recursos especializados, faise preciso desenvolver un sistema de actuacións
específicas, que contribúan a garantir unhas condicións de vida digna para as
persoas afectadas e a súa vez constitúan un apoio para as súas familias.
Así mesmo, estas actuacións deben te-la virtualidade
de adaptarse ás necesidades reais destas persoas e as súas familias e poder
desenvolverse na totalidade do territorio de Galicia para que, cando os seus
destinatarios o desexen e resulte conveniente, poidan seguir vivindo no seu
contorno natural sen verse obrigados a abandonalo en contra da súa vontade.
Coa finalidade de cumprir estes obxectivos, a Xunta
de Galicia vai implanta-lo Programa do cheque asistencial, que inclúe a
creación dun sistema de axudas económicas para cofinancia-los gastos de persoas
maiores que presenten importantes situacións de dependencia e precisen da axuda
doutra persoa para levar a cabo as actividades da vida cotiá.
Deste xeito, preténdese crear un dispositivo dotado
dunha gran flexibilidade para atende-las necesidades particulares de cada unha
desas persoas e as súas familias, e instáurase a liberdade de elección do
usuario para escolle-lo provedor do servicio.
Xuntamente con isto, ademais, foméntase a creación
de emprego estable a través do desenvolvemento da economía social e os
servicios de proximidade, así como o xurdimento de novas empresas de servicios
xerontolóxicos, aínda moi incipientes en Galicia. Para que o sector dos
servicios sociais que, pola potencialidade amosada para xerar novos postos de
traballo, se converteu nun dos principais xacigos de emprego, poida continuar
co proceso de expansión iniciado nos últimos anos, as entidades poderán
acollerse ás axudas para a creación de emprego nos termos que defina a
normativa da Xunta de Galicia.
Ademais, coa liberdade de elección por parte do
usuario e o carácter público e institucional do programa, posibilítase a
creación de servicios de calidade, tanto de tipoloxía residencial como de
atención diúrna ou a domicilio.
Coa implantación das axudas públicas previstas no
programa, que considera a problemática das persoas maiores dependentes e as
súas familias dun xeito flexible e adaptado ás súas necesidades específicas e,
cando sexa desexable e posible, favorecerá o mantemento no seu ambiente
familiar e social, dáselle cumprimento ó disposto no artigo 3º da Lei 4/1993,
do 14 de abril, reguladora do sistema de servicios sociais na Comunidade
Autónoma galega, que sinala, entre outros, como principios inspiradores do
sistema de servicios sociais os de responsabilidade pública, recoñecemento e
apoio da iniciativa social, recoñecemento da iniciativa privada, coordinación,
globalidade, normalización, integración e universalidade.
Así mesmo, dáselle cumprimento ó disposto no Decreto
240/1995, do 28 de xullo, que regula os servicios sociais de atención primaria
e, en particular, o relativo ó contido dos programas propios deste primeiro
nivel de atención, en tanto o programa garante a atención básica e xeralizada
na totalidade do territorio autonómico cuns contidos mínimos na prestación dos
servicios. Así mesmo, a Orde do 22 de xullo de 1996, pola que se regula o
servicio de axuda no fogar concreta as atencións que deberá incluír esta
prestación básica, para lles ofrecer unha atención integral e polivalente ós
usuarios.
Seguindo a liña xa establecida pola Lei 7/1985, do 2
de abril, reguladora das bases de réxime local, pola Lei 5/1997, do 22 de
xullo, de Administración local de Galicia e pola propia Lei galega de servicios
sociais, o programa outórgalles unha participación especial ós servicios
sociais dependentes dos concellos, atribuíndolles competencias de xestión,
tramitación e seguimento nas súas diversas fases. A través desta co-xestión
preténdese o achegamento progresivo cara á única vía para o acceso, a detección
de necesidades e a orientación de recursos, cobrando especial importancia os
principios de normalización, integración e descentralización.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de
Sanidade e Servicios Sociais, de acordo co dictame do Consello Consultivo de
Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión
do día vintedous de xuño de dous mil,
DISPOÑO:
Capítulo I
Normas xerais
Artigo 1º.-Obxecto do decreto.
O obxecto do presente decreto é o establecemento e a
regulación do Programa de Atención ás Persoas Maiores Dependentes a través do
Cheque Asistencial.
Artigo 2º.-Contido e finalidades do programa.
2.1. O programa de atención ás persoas maiores
dependentes comprende o conxunto de axudas públicas individuais destinadas a cofinancia-los
gastos que se deriven da atención ás persoas maiores de 65 anos en situación de
severa e grande dependencia, que consiste na necesidade de axuda de terceira
persoa para a realización de actividades da vida diaria.
2.2. O programa ten como finalidade acadar unha
mellor atención e calidade de vida para os maiores dependentes a través do seu
apoio directo e ás súas familias, así como contribuír á creación de emprego
estable no ámbito dos servicios sociais.
Capítulo II
Da acción protectora
Artigo 3º.-Modalidades do programa.
Son modalidades do programa de atención ás persoas
maiores dependentes.
1. Cheque Residencia: comprende as axudas
individuais destinadas a cubri-lo custo de estadías permanentes en centros
asistenciais incluídos no programa.
2. Cheque Centro de Atención Diúrna: inclúe as
axudas destinadas a cubri-los custos ocasionados por coidados de recuperación e
mantemento da capacidade funcional en centros de atención diurna incluídos no
programa.
3. Cheque Atención de Axuda no Fogar: comprende as
axudas destinadas a cubri-los custos ocasionados por servicios profesionais de
atención integral, prestados no propio fogar familiar polas entidades incluídas
no programa, que aparecen regulados na Orde do 22 de xullo de 1996, pola que se
regula o servicio da axuda no fogar.
4. Cheque Estadía Temporal ou Programas de Respiro:
comprende as axudas destinadas a financia-los gastos derivados de estadías
temporais, polo tempo máximo que se fixe na normativa de desenvolvemento deste
decreto, en residencias incluídas no programa. Esta modalidade poderá incluír
programas de formación e apoio psicolóxico para os coidadores habituais.
Artigo 4º.-Requisitos dos beneficiarios.
Poderán ser beneficiarios do programa de atención ás
persoas maiores dependentes os maiores de 65 anos nos que concorran os
seguintes requisitos:
1. Estar empadroado e ter residencia efectiva en
calquera dos concellos da Comunidade Autónoma galega alomenos durante o ano
completo inmediatamente anterior á formulación da solicitude.
Non obstante o disposto no parágrafo anterior, tamén
poderán ser beneficiarios das axudas os cidadáns españois residentes no
estranxeiro que tiveran a súa ultima veciñanza administrativa en Galicia se as
anteditas persoas fixasen a súa residencia no territorio da Comunidade Autónoma
de Galicia.
2. Padecer unha situación de dependencia física e/ou
psíquica que lle faga precisar de axuda doutra persoa para realiza-las
actividades esenciais da vida diaria.
3. Non ter desfrutado do servicio que se solicita
nun período de 6 meses anteriores á formulación da solicitude.
No caso do Cheque Residencia será requisito
imprescindible non ser ou ter sido residente en calquera residencia pública ou
privada da terceira idade no período dun ano completo e inmediatamente anterior
á formulación da solicitude.
Poderase excepcionar dos requisitos recollidos no
punto 3 anterior aqueles supostos nos que, salvadas as obrigas legais
pertinentes, variasen as circunstancias económicas que posibilitaron o acceso ó
servicio ou o ingreso na residencia. En todo caso, a acreditación das
devanditas variacións reflictirase expresamente no informe social.
Artigo 5º.-Requisitos das solicitudes.
Unha vez aberta a convocatoria, a solicitude de
axuda presentarase en exemplar normalizado e por duplicado no rexistro do
concello de residencia. Os servicios sociais de atención primaria do referido
concello elaborarán o oportuno expediente no que deberán facer consta-los
seguintes documentos debidamente cubertos:
a) Modelo oficial de solicitude, debidamente
cuberta, asinada pola persoa interesada, ou o seu representante legal, sempre
que este último o acredite na forma establecida no artigo 32 da Lei 30/1992, do
26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común.
Se a persoa interesada estivese incapacitada por
sentencia xudicial deberá acompañarse sentencia de incapacitación xudicial e
auto de nomeamento de titor.
b) Informe social do traballador social de atención
primaria, conforme ó sinalado no artigo 6.3º e de acordo co modelo que se
estableza na convocatoria.
c) Informe de valoración da dependencia funcional
segundo modelo que se estableza na convocatoria.
d) Certificado de empadroamento cun ano de
anterioridade á formulación da solicitude.
e) Fotocopia compulsada do documento nacional de
identidade da persoa interesada e, se é o caso, do representante legal.
f) Fotocopia compulsada da última declaración da
renda, e patrimonio, se é o caso, dos membros da unidade de convivencia ou
certificación de non ter presentadas as devanditas declaracións.
g) Xustificante das pensións dos membros da unidade
de convivencia expedido polo organismo competente.
h) Declaración xurada de non ter percibido o
servicio que se solicita no período de 6 meses anteriores á formulación da
solicitude ou, se é o caso, non ser ou non ter sido residente en ningunha
residencia da terceira idade no período dun ano completo e inmediatamente
anterior á formulación da solicitude, excepto cando se dea a excepción
recollida no último parágrafo do artigo 4º.3.
i) No caso dos emigrantes que fixasen a súa
residencia no territorio da Comunidade Autónoma galega, deberán presentar
ademais un certificado no que conste a súa última veciñanza administrativa en
calquera dos concellos da Comunidade Autónoma.
j) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes
efectuadas ou concedidas, coa mesma finalidade, das distintas administracións
públicas competentes.
Artigo 6º.-Resolución.
6.1. A consellería competente en materia de
servicios sociais é o órgano competente para efectua-la convocatoria e regulará
as axudas económicas deste programa.
Os delegados provinciais da consellería competente
en materia de servicios sociais serán os competentes para resolve-los
expedientes de solicitude das axudas e da súa notificación ós interesados. O
prazo de resolución en ningún caso superará os seis meses.
6.2. Tendo en conta as dispoñibilidades
orzamentarias, as solicitudes valoraranse en función do baremo que se aprobe na
normativa de desenvolvemento, no que se terán en conta as situacións de
dependencia persoal, familiar, social, económica e outras circunstancias
debidamente motivadas.
6.3. Para acredita-la necesidade social os servicios
sociais de atención primaria do concello correspondente emitirán un informe
social onde o traballador social reflicta a situación persoal, familiar,
económica e necesidades de atención e que conteña unha valoración dela, así
como a proposta técnica que se considere oportuna.
Para a valoración da prioridade na selección
consideraranse os ingresos da unidade de convivencia procedentes de soldos,
rendas, xuros bancarios, pensións ou outras axudas concedidas por persoas
físicas ou institucións públicas ou privadas.
Considerarase unidade de convivencia os solicitantes
que vivan sos e, se é o caso, o conxunto de persoas que convivan no mesmo marco
físico e se atopen vinculadas co solicitante por matrimonio ou calquera outra
forma de relación estable análoga á conxugal, por adopción ou acollemento ou
por parentesco de consanguinidade ou afinidade ata o cuarto e segundo grao
respectivamente.
Artigo 7º.-Contía e pagamentos.
7.1. O importe máximo das distintas modalidades de
cheque fixarao anualmente a consellería competente en materia de servicios
sociais.
A contía da axuda establecerase en función dos
ingresos da unidade de convivencia e do crédito dispoñible anualmente ó respecto.
7.2. Unha vez notificada a concesión da axuda
solicitada, devengarase desde o primeiro día do mes seguinte á data de inicio
da atención concedida e, en función da modalidade de atención outorgada,
manterase dentro do límite do exercicio económico, sempre e cando non se
produzan variacións das circunstancias que deron lugar á concesión da axuda que
provoquen a súa extinción.
Na normativa de desenvolvemento fixaranse os prazos
e condicións para o pagamento ás entidades prestadoras do servicio, así como as
posibles deduccións polas incidencias que se puidesen producir.
7.3. A concesión da axuda ó beneficiario
acompañarase da entrega dos correspondentes cheques. Con estes cheques, maila a
diferencia que proceda con cargo ós seus ingresos persoais, dos seus familiares
e/ou doutras axudas que poida ter, o beneficiario aboará o importe dos
servicios á entidade prestadora dos deles.
Mensualmente, a entidade correspondente remitirá á
delegación provincial da consellería competente en materia de servicios sociais
para o seu pagamento os cheques correspondentes ó mes anterior, acompañados da
documentación que esixa a normativa de desenvolvemento.
Artigo 8º.-Prórroga das axudas.
8.1. As axudas quedarán prorrogadas automaticamente
desde primeiros de ano, en función das dispoñibilidades orzamentarias e de
conformidade co establecido nos parágrafos seguintes.
8.2. Na modalidade de Cheque Residencia, durante o
mes de outubro de cada ano, os beneficiarios ou os seus representantes legais,
se é o caso, deberán remitir á correspondente delegación provincial da
consellería competente en materia de servicios sociais unha declaración xurada
relativa á non-modificación das circunstancias que motivaron a concesión ou ben
con expresión das circunstancias que se modifican, así como copia da
declaración da renda, e patrimonio se é o caso, do ano anterior ou
certificación de non ter presentadas estás. A non-presentación da referida
documentación no prazo establecido, entenderase como renuncia á prórroga da
axuda, logo de requirimento ó respecto.
8.3. Na modalidade de Cheque Centro de Atención
Diúrna e de Axuda no Fogar, os servicios sociais de atención primaria do
concello deberán emitir un informe social complementario por cada expediente,
elaborado polo traballador social, no que se valorará a conveniencia da
continuidade, modificación ou extinción da modalidade de cheque, acompañado da
oportuna proposta. O devandito informe social deberá ser remitido no mes de
outubro de cada ano á delegación provincial da consellería competente en
materia de servicios sociais para os efectos da prórroga do cheque do ano
seguinte.
8.4. Quedan exceptuados da presentación da
documentación prevista nos dous parágrafos anteriores os beneficiarios de
cheques concedidos no último trimestre do ano.
8.5. Na modalidade de Cheque Estadía Temporal ou
Programas de Respiro non existe posibilidade de prórroga.
Artigo 9º.-Extinción.
9.1. O dereito á percepción das distintas
modalidades do cheque extinguirase por calquera das causas seguintes:
1. A ocultación ou falseamento de datos na
solicitude inicial ou na actualización deles as prórrogas.
2. Non facilita-los datos requiridos ou obstrui-lo
labor inspector e de seguimento dos servicios do concello ou da consellería
competente en materia de servicios sociais.
3. Non destina-los cheques destas axudas para a
finalidade pola que se concederon.
4. Non comunicar calquera alteración ou modificación
das condicións ou circunstancias que motivaron a súa concesión.
5. Por perda dos requisitos esixidos para o seu
recoñecemento.
6. Polo cesamento das condicións que motivaron a súa
concesión.
7. Por falecemento do beneficiario.
9.2. A concorrencia dos supostos previstos nos
puntos 1, 2, 3, e 4 do punto anterior determinará, ademais da perda do dereito
á axuda, a obriga a reintegra-la contía das axudas percibidas indebidamente,
así como a imposibilidade de realizar novas peticións de calquera das
modalidades de Cheque Asistencial nos dous anos seguintes á comisión da
falsidade, sen prexuízo das demais responsabilidades a que houbese lugar en
dereito.
Capítulo III
Das entidades prestadoras
Artigo 10º.-Requisitos.
As entidades prestadoras dos servicios recollidos no
programa someteranse a un procedemento de autorización administrativa previa,
para o cal deberán reuni-los seguintes requisitos:
10.1. Con carácter previo á solicitude da súa
inclusión no programa, deberán constar inscritas no Rexistro de Entidades
Prestadoras de Servicios Sociais dependente da consellería competente en
materia de servicios sociais.
10.2. Nos centros de atención a persoas maiores
tipificados como residencias e/ou centros de día, deberán contar co previo e
preceptivo permiso de inicio de actividades outorgado con carácter definitivo
pola consellería competente en materia de servicios sociais, así como aquelas
outras autorizacións administrativas que lle sexan esixidas pola normativa
vixente de aplicación.
En todo caso, observaranse como mínimos garantidos
os requisitos fixados na Orde do 18 de abril de 1996, pola que se desenvolve o
Decreto 243/1995, do 28 de xullo, no relativo á regulación das condicións e
requisitos específicos que deben cumpri-los centros de atención ás persoas
maiores.
No suposto de comisión de infraccións graves ou moi
graves, previstas na Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais de
Galicia, as entidades afectadas non serán autorizadas para a súa inclusión no
programa durante un período de 3 ou 5 anos, respectivamente. A presente
restricción unicamente afectará o centro respecto ó que se produciu a
infracción e non ó resto de centros que puidesen ser xestionados pola entidade.
10.3. No suposto de que o servicio consista na
atención de axuda no fogar aplicarase o disposto no Decreto 240/1995, do 28 de
xullo, polo que se regulan os servicios de atención primaria e na Orde do 22 de
xullo de 1996, pola que se regula o servicio de axuda no fogar, da Consellería
de Sanidade e Servicios Sociais ou, se é o caso, na normativa na materia que a
substitúa.
Artigo 11º.-Causas de non admisión.
Non serán admitidas no programa de cheque
asistencial:
1. As entidades que trala instrucción do oportuno
expediente foran sancionadas por infracción da Lei 4/1993, de servicios
sociais, e non cumpriran a sanción imposta.
2. As entidades, respecto do centro no que se dictou
resolución de medidas cautelares, con base nos incumprimentos ou riscos
detectados no decurso de actuacións inspectoras, durante o tempo que persista o
incumprimento ou risco que as xustificou.
Artigo 12º.-Obrigas das entidades.
As entidades que sexan titulares de centros ou
desenvolvan programas de axuda no fogar nos termos expresados no artigo 10,
poderán solicita-la súa inclusión no programa de cheque asistencial, de acordo
coa normativa de desenvolvemento do presente decreto, comprometéndose a
asumi-las seguintes obrigas:
-Presta-los servicios correspondentes á tipoloxía do
centro ou programa de conformidade coa lexislación na materia, e demais
especificacións que se determinen nas normas de desenvolvemento deste decreto.
-Respecta-los prezos dos servicios obrigatorios que
non excederán ós publicados anualmente pola consellería competente, nos que
estarán incluídos os impostos correspondentes.
-Implantar na súa organización os modelos de xestión
e avaliación informática do programa de cheque asistencial, que facilite a
Dirección Xeral de Servicios Socias, así como achega-los datos estatísticos
normalizados.
-Comunica-la incidencia deste programa na creación
de emprego, así como a súa establidade, nos termos que se especifiquen na
normativa de desenvolvemento deste decreto.
-Someterse ás inspeccións e actuacións de
comprobación de calidade que desenvolva a consellería competente.
Artigo 13º.-Autorización.
13.1. O titular ou representante legal da entidade
prestadora de servicios sociais deberá presentar na Dirección Xeral de
Servicios Sociais solicitude normalizada, para a súa inclusión no programa do
cheque asistencial, xunto coa documentación que se determine na orde de
desenvolvemento deste decreto.
13.2. Recibida a documentación e completada, se é o
caso, o órgano instructor do expediente realizará as comprobacións oportunas
respecto da situación administrativa da entidade e centro, e solicitará os
informes ou documentación que considere oportuno.
13.3. Unha vez formulada proposta de resolución pola
unidade correspondente, a Dirección Xeral de Servicios Sociais resolverá e
notificará o que proceda no prazo máximo de tres meses.
13.4. As entidades en todo caso deberán reuni-los
requisitos previstos no Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o
réxime de autorización e acreditación de centros de servicios sociais.
Artigo 14º.-Baixas.
14.1. O órgano competente para resolve-los
expedientes de baixa será a Dirección Xeral de Servicios Sociais. A baixa das
entidades prestadoras de servicios sociais, respecto dalgún ou tódolos seus
centros e/ou servicios de axuda no fogar, no programa de cheque asistencial
poderá producirse de oficio ou por petición de parte.
14.2. Acordarase de oficio e logo de expediente
incoado para tal fin, nos seguintes supostos:
a) Pola causa de non admisión prevista no artigo
11.1º deste decreto.
b) Por cesamento de actividades do centro ou deixar
de presta-lo servicio de axuda no fogar.
c) Por incumprimento dalgunha das obrigas previstas
no artigo 12º do presente decreto.
14.3. Acordarase por petición de parte no seguinte
suposto:
As entidades incluídas no programa poderán
solicita-la súa baixa nel, cunha antelación mínima de 6 meses á data na que se
pretenda facer efectiva esta, co fin de lles evitar prexuízos ós beneficiarios.
A solicitude acompañarase da relación de beneficiarios do
programa e do calendario previsto.
A solicitude e demais documentación presentada e
requirida, se é o caso, será obxecto de análise e comprobación, dictándose a
oportuna resolución no prazo dun mes desde a solicitude, que se notificará
acompañada das medidas cautelares precisas para a correcta atención ós
beneficiarios, que serán de obrigado cumprimento para a entidade. Transcorrido
o dito prazo, entenderase estimada a petición.
14 .4. No suposto previsto no artigo 11.2º deste
decreto suspenderase a inclusión da entidade no programa de cheque asistencial,
nos termos establecidos na resolución de medidas cautelares.
Capítulo IV
Control da calidade
Artigo 15º.-Seguimento e control.
15.1. Nas modalidades de Cheque de Atención Diúrna e
Cheque Atención de Axuda no Fogar corresponderalles ós concellos respectivos, a
través dos servicios sociais de atención primaria, asumi-lo proceso de
seguimento continuo das axudas concedidas no seu termo municipal.
15.2. A consellería competente en materia de
servicios sociais poderá levar a cabo calquera inspección e control das axudas
sobre a súa adecuación ó fin para o que foron concedidas. Así mesmo, para os
efectos de realiza-la necesaria avaliación do programa, os servicios sociais de
atención primaria dos concellos facilitaranlles ás delegacións provinciais da
consellería a información precisa e os beneficiarios deberán facilita-la
realización das valoracións da súa dependencia.
15.3. Na modalidade de Cheque Residencia, os centros
cunha periodicidade anual enviarán á Delegación Provincial da consellería
competente en materia de servicios sociais informe de seguimento do traballador
social sobre a situación do beneficiario.
Artigo 16º.-Avaliación do programa.
Coa finalidade de realizar un seguimento e
avaliación periódica deste programa, e de propoñer, se é o caso, as medidas
conducentes á súa mellora, crearase unha Comisión de Seguimento e Avaliación do
Programa de Cheque Asistencial presidida polo titular da consellería competente
en materia de ser
vicios sociais e coa composición que se determine na
normativa de desenvolvemento do presente decreto.
CapítuloV
Réxime económico
Artigo 17º.-Financiamento.
Poderán cofinanciar e participar neste programa as
persoas físicas e entidades públicas ou privadas, sen prexuízo da
responsabilidade pública da Administración autonómica no programa, e da
equidade no acceso a el a través dun procedemento único para a solicitude,
tramitación e resolución das axudas, e salvagardando sempre a liberdade de
elección dos beneficiarios, entre os centros ou entidades prestadoras incluídas
no programa.
Artigo 18º.-Adhesión e cofinanciamento.
18.1. A participación no programa do cheque
asistencial por parte dos entes públicos e privados formalizarase a través de
convenios singulares de adhesión e cofinanciamento do programa. Estes convenios
especificarán, en todo caso, a contía total do financiamento que se achega, ó
tempo de duración da adhesión e colaboración co programa, e as modalidades de
cheque que se van financiar. Poderán tamén regula-las especificidades que se
pacten, como grupos de poboación ós que se dirixe a axuda, ámbito territorial,
ou outras que se determinen. As entidades adheridas poderán asumir determinadas
actuacións relativas á información e difusión do programa.
18.2. As entidades confinanciadoras que o dexesen
aparecerán como tales en tódalas actuacións de difusión do programa que se
realicen durante o período da súa colaboración. Así mesmo, poderán participar
na Comisión de Seguimento e Avaliación do Programa que se cree para o efecto
durante o dito período, e terán acceso a toda a información estatística
dispoñible relativa á xestión do programa. Os cheques cofinanciados levarán o
anagrama da entidade cofinanciadora.
18.3. Para os efectos de que as entidades privadas
cofinanciadoras se poidan acoller ás desgravacións fiscais que correspondan no
marco da normativa tributaria de aplicación, e especificamente nas previstas na
Lei 30/1994, do 24 de novembro, de fundacións e de incentivos fiscais á
participación privada en actividades de interese xeral, e a normativa de
desenvolvemento, en especial no Real decreto 765/1995, do 5 de maio, a
consellería competente en materia de servicios sociais, logo de solicitude da
entidade interesada, emitirá un certificado especificando o importe das achegas
realizadas pola entidade cofinanciadora.
Disposicións adicionais
Primeira.-En todo o non regulado no presente decreto
haberá que aterse ó disposto na Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios
sociais e no Decreto 258/1990, do 27 de abril, polo que se establece o réxime
xeral das axudas e subvencións en materia de servicios sociais, e demais
normativa de desenvolvemento.
Segunda.-A concesión das axudas reguladas no
presente decreto terá como límite global o crédito asignado para o efecto nos
orzamentos anuais da Comunidade Autónoma.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade e
Servicios Sociais para dictar cantas disposicións sexan necesarias para a execución
e desenvolvemento do presente decreto.
Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día
seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.