Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento e execución da Lei de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.
O artigo 49 da
Constitución española encoméndalles ós poderes públicos a realización dunha
política de previsión, tratamento, rehabilitación e integración dos diminuídos
físicos, psíquicos e sensoriais, ós que lles prestarán a atención específica
que requiran e ós que ampararán especialmente para o desfrute dos dereitos que
a Constitución lles outorga a tódolos cidadáns.
O artigo 4.2º do Estatuto
de autonomía atribúelles ós poderes públicos de Galicia a promoción das
condicións para que a liberdade e a igualdade dos individuos e dos grupos en
que se integran sexan reais e efectivas, removendo os obstáculos que impidan ou
dificulten a súa plenitude. O artigo 27 do Estatuto de autonomía, nos seus
puntos 3º, 7º e 8º, atribúelle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en
materias de ordenación do territorio e do litoral, de urbanismo e vivenda e de
obras públicas que non teñan a cualificación legal de interese xeral do Estado,
así como de transportes non incorporados á rede estatal e con itinerarios que
se desenvolvan integramente no territorio da Comunidade Autónoma. Pola súa
parte, no artigo 34.1º atribúelle, no marco das normas básicas do Estado, o
desenvolvemento lexislativo e execución do réxime de radiodifusión e televisión
nos termos e casos establecidos na lei que regula o Estatuto xurídico da radio
e da televisión.
A Comunidade Autónoma, en
virtude das anteriores competencias e da competencia exclusiva que en materia
de acción social lle atribúe o artigo 27.23º do Estatuto de autonomía de
Galicia, aprobou a Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión
de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia, toda vez que a anterior
normativa sobre a materia evidenciábase claramente insuficiente para atende-las
demandas de integración do colectivo das persoas con limitacións, tanto polo
seu restrinxido ámbito de aplicación coma pola falta de base legal necesaria
para a previsión dun réxime sancionador axustado.
Este decreto contén a
normativa de desenvolvemento necesaria para a adecuada execución dos preceptos
lexislativos, estructurándose en dous artigos polos que se aproban o
Regulamento e os correspondentes anexos, unha disposición derrogatoria e dúas
finais.
O regulamento está
estructurado en 94 artigos, os cales desenvolven os 44 artigos da lei,
incorporándose ó texto os preceptos da mesma en todos aqueles casos en que non
se requiría un desenvolvemento. Con isto preténdese que esta norma teña a
máxima utilidade, de maneira que só co manexo do regulamento e os seus anexos
se poidan resolve-los problemas que xurdan na práctica.
Na redacción da parte
dispositiva do regulamento mantívose a sistemática da lei, coa necesaria
ampliación do número de seccións dos capítulos I e II do título II polo gran
número de cuestións obxecto de desenvolvemento nas ditas materias.
O título I dedícase ó
establecemento de disposicións preliminares e o título II, baixo a rúbrica de disposicións
xerais, regula no seu capítulo I as barreiras arquitectónicas urbanísticas,
distinguindo entre os espacios de uso público de nova creación e os xa
existentes e establecendo a completa regulación das materias nas que a lei
remitía a un futuro desenvolvemento regulamentario, tales como parámetros para
considerar un itinerario adaptado ou practicable, características dos aseos de
uso público, especificacións e dimensións das prazas de aparcamento reservadas
para uso de persoas con mobilidade reducida e normas de accesibilidade sobre
mobiliario urbano.
O capítulo II do título
II contén as normas sobre barreiras arquitectónicas na edificación,
distinguindo tamén entre os edificios de nova planta e os xa existentes e entre
edificios de uso público e uso residencial.
En canto ós edificios de
uso público regúlanse tódalas materias que precisaban desenvolvemento como o
número mínimo de prazas de aparcamento que deberán ser reservadas, condicións
de itinerarios e ramplas, características de aseos, servicios e instalacións
así como o número mínimo de dormitorios adaptados en servicios residenciais de
uso público e de prazas de espectadores en locais públicos.
Respecto dos edificios de
uso residencial establécense tódalas normas técnicas para que poidan considerarse
practicables na base 4 do código de accesibilidade e na sección cuarta do
capítulo II desenvólvese especialmente a reserva de vivendas para persoas con
limitacións así como o procedemento de adxudicación delas partindo da creación
de dous rexistros, un de vivendas para persoas con mobilidade reducida
permanente nas áreas provinciais do Instituto Galego da Vivenda e Solo e outro
de demandantes de vivendas adaptadas nas áreas de Servicios Sociais dependentes
da Dirección Xeral de Servicios Sociais.
Os capítulos III e IV do
título II desenvolven, respectivamente, os preceptos legais sobre barreiras no
transporte e na comunicación, regulando o primeiro deles as condicións de
accesibilidade das instalacións ó servicio do transporte e de todo o material
móbil de nova adquisición, o número mínimo de vehículos especiais ou taxis
adaptados e os criterios e o procedemento de adxudicación das tarxetas de
accesibilidade.
O título III regula o
fondo para a supresión de barreiras e o título IV desenvolve as medidas de
control previstas legalmente, establecendo un control previo a través das
licencias, autorizacións e visado de proxectos técnicos e un control de
execución das obras e instalacións así como do funcionamento dos medios de
transporte e de comunicación.
O título V dedícase ó
réxime sancionador, regulándose a composición da Comisión Técnica de
Accesibilidade, e o título VI desenvolve o artigo 44 do texto lexislativo e
establece o réxime de organización e funcionamento do Consello Galego para a
Promoción da Accesibilidade e a Supresión de Barreiras, regulando
pormenorizadamente a súa composición, funcións e estructura.
Finalmente, o anexo I
está constituído polo código de accesibilidade, que establece unha serie de
parámetros de accesibilidade a través dun conxunto de normas técnicas que
serven para defini-la condición de adaptado ou practicable de calquera espacio,
servicio ou instalación. Os anexos II e III conteñen, respectivamente, os
símbolos internacionais de accesibilidade homologados e os modelos de tarxetas
de accesibilidade, recollendo respecto ás tarxetas de estacionamento para
persoas con minusvalidez a recomendación do Consello da Unión Europea, de data
4 de xuño de 1998 así como a súa posterior aclaración sobre formato e colores
dictada no ano 1999.[1]
En cumprimento do
disposto nas disposicións adicionais quinta e sexta e na disposición derradeira
primeira da Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de
barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 166, do 29 de agosto), por
proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, de acordo co dictame
do Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia
na reunión do día vinteoito de xaneiro de dous mil,
DISPOÑO:
Artigo 1º
Apróbase o Regulamento de
desenvolvemento e execución da Lei de accesibilidade e supresión de barreiras
na Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 2º
Apróbanse os anexos I
(código de accesibilidade), II (símbolos de accesibilidade homologados) e III
(modelos de tarxetas de accesibilidade), en substitución do anexo da Lei de
accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.
DISPOSICIÓN
DERROGATORIA
Queda derrogado o Decreto
286/1992, do 8 de outubro, de accesibilidade e eliminación de barreiras e en xeral
calquera disposición de igual ou inferior rango que se opoña ó establecido no
presente decreto.
DISPOSICIÓNS
DERRADEIRAS
Primeira.-Autorízase o
conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para dicta-las disposicións que
sexan necesarias en desenvolvemento deste decreto.
Segunda.-O presente
decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial
de Galicia.
Regulamento de desenvolvemento e execución da Lei de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia
TITULO
I
Disposicións
preliminares
Artigo 1º.-Obxeto.
Este regulamento ten por
obxecto desenvolve-la Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e
supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia, establecendo de forma
pormenorizada as normas que garantan ás persoas con mobilidade reducida ou con
calquera outra limitación a accesibilidade e a utilización do contorno urbano,
de edificios, medios de transporte e sistemas de comunicación sensorial; e
promovendo, pola súa banda, a utilización de axudas técnicas axeitadas que
permitan mellora-la calidade de vida das persoas.
Así mesmo, tamén é
obxecto deste regulamento o establecemento das medidas de fomento para
consegui-la integración das persoas con limitacións, a regulación do control do
cumprimento da normativa de aplicación na materia, o desenvolvemento do réxime
sancionador previsto para o caso do incumprimento da normativa vixente, a
desaparición progresiva de todo tipo de barreira ou obstáculo físico ou
sensorial así como a definición concreta dos parámetros de accesibilidad
recollidos no código de accesibilidade que deben ser tidos en conta en cada
caso.
Artigo 2º.-Ámbito de
aplicación.
Este regulamento é de
aplicación a tódalas actuacións levadas a cabo na Comunidade Autónoma de Galicia
por entidades públicas ou privadas, así como polas persoas individuais, en
materia de planeamento, xestión ou execución urbanística; nova construcción,
rehabilitación ou reforma de edificacións; transporte e comunicación.
Artigo
3º.-Accesibilidade.
De acordo coa previsión
legal sobre a materia, enténdese por accesibilidade aquelas características do
urbanismo, da edificación, do transporte ou dos medios e sistemas de
comunicación que permiten a calquera persoa a súa utilización e desfrute de
maneira autónoma, con independencia da súa condición física, psíquica ou
sensorial.
Artigo 4º.-Niveis de
accesibilidade.
Establécense os seguintes
tipos de espacios, instalacións e servicios en función do seu grao de
accesibilidade a persoas con mobilidade reducida ou calquera outro tipo de
limitación.
a) Enténdese por espacio,
instalación ou servicio adaptado aquel que se axusta ás esixencias funcionais e
de dimensións que garanten a súa utilización autónoma e cómoda por persoas con mobilidade
reducida ou posuidores de calquera outro tipo de limitación.
b) Enténdese por espacio,
instalación ou servicio practicable aquel que sen axustarse estrictamente a
tódolos requirimentos antes sinalados, é posible a súa utilización de forma
autónoma por persoas con mobilidade reducida ou posuidoras de calquera outro
tipo de limitación.
c) Enténdese por espacio,
instalación ou servicio convertible aquel que sen axustarse a tódolos
requirimentos antes sinalados, é posible a súa transformación como mínimo en
practicable, mediante a realización de modificacións de pouca entidade e baixo
custo que non afecten a súa configuración esencial.
Neste regulamento e no
código de accesibilidade que figura como anexo I del establécense os parámetros
e demais requisitos esixibles para que un espacio, instalación ou servicio
posúa a condición de adaptado ou practicable.
Artigo 5º.-Barreiras.
1. En materia de
accesibilidade enténdese por barreiras calquera impedimento, traba ou obstáculo
que limite ou impida o acceso, a liberdade de movemento, a estadía, a
circulación e a comunicación sensorial das persoas con mobilidade reducida ou
calquera outra limitación.
2. As barreiras
clasifícanse en:
-Barreiras
Arquitectónicas Urbanísticas (BAUR): son aquelas barreiras existentes nas vías
e espacios libres de uso público.
-Barreiras
Arquitectónicas Urbanísticas na Edificación (BAED): son aquelas barreiras
existentes nos accesos e/ou no interior dos edificios, tanto de titularidade
pública como privada.
-Barreiras no Transporte
(BT): son aquelas barreiras que existen nos medios de transporte e nas súas
infraestructuras.
-Barreiras na
Comunicación (BC): é todo aquel impedimento para a expresión e recepción de
mensaxes a través dos medios ou sistemas de comunicación.
Artigo 6º.-Persoas con
limitacións ou mobilidade reducida.
1. Para os efectos deste
regulamento enténdese por persoas con limitacións aquelas que temporal ou
permanentemente teñen limitada a capacidade de utiliza-lo medio e relacionarse
con el.
As limitación máis frecuentes
son as derivadas de:
1) Dificultades de
manobra: limitan a capacidade de acceder ós espacios e de moverse neles.
2) Dificultades para
salvar desniveis: preséntanse cando hai que cambiar de nivel ou superar un
obstáculo illado dentro dun itinerario.
3) Dificultades de
alcance: derivadas dunha limitación de alcanzar obxectos situados en alturas
normais.
4) Dificultades de
control: preséntanse como consecuencia da perda de capacidade para realizar
movementos precisos cos membros afectados polas deficiencias.
5) Dificultades de
percepción: preséntanse como consecuencia de deficiencias visuais ou auditivas.
2. Para os efectos deste
regulamento enténdese por persoas con mobilidade reducida aquelas que temporal
ou permanentemente teñen limitada a posibilidade de desprazarse como
consecuencia da súa discapacidade sensorial, física ou psíquica.
Artigo 7º.-Vías e
espacios libres de uso público.
Considéranse vías e
espacios libres de uso público, para efectos de barreiras arquitectónicas urbanísticas
e no ámbito de aplicación deste regulamento:
-Os que forman parte do
dominio público e están destinadas ó uso ou ó servicio público.
-Os que formando parte de
bens de propiedade privada son susceptibles de seren utilizados polo público en
xeral con motivo das funcións que, directa ou indirectamente, desenvolve neles
algún ente público.
-Os que formando parte de
bens de propiedade privada están afectados por unha servidume de uso público.
-Os que son susceptibles
de seren utilizados polo público en xeral, sexa ou non mediante o pagamento dun
importe, cota ou similar.
Artigo 8º.-Edificios
públicos, privados e espacios comunitarios.
1. Para os efectos deste
regulamento e para a eliminación de barreiras arquitectónicas na edificación
(Baed), considéranse edificios de titularidade pública os que pertencen ó
Estado, á Comunidade Autónoma de Galicia e a entidades locais ou outras
entidades de carácter público ou coa participación maioritaria de carácter
público.
2. Considéranse edificios
de titularidade privada os que pertencen a unha persoa física ou xurídica.
3. Considérase que un
edificio de titularidade pública ou privada está destinado ó uso público cando
un espacio, instalación ou servicio daquel é susceptible de ser utilizado por
unha pluralidade indeterminada de persoas para a realización nel de actividades
de interese social ou dun uso que implique concorrencia de público.
4. Considéranse espacios
de uso comunitaro aqueles que están ó servicio dun conxunto de espacios
privados edificados e á disposición dos seus usuarios.
5. En supostos de
edificios en réxime de propiedade horizontal nos que exista algún piso, local
ou espacio destinado ó uso público unicamente terá tal consideración a parte do
edificio destinada a tal fin.
Artigo 9º.-Medios de
transporte.
Para os efectos da
accesibilidade nos transportes de uso público considéranse medios de transporte
todos aqueles que teñen por finalidade o transporte público de persoas.
Por outra banda, para os
efectos do outorgamento da tarxeta de estacionamento para persoas con
minusvalidez considéranse transportes privados os automóbiles privados que
transportan a cotío persoas con mobilidade reducida.
Artigo 10º.-Axudas
técnicas.
Enténdese por axuda
técnica calquera medio que actuando como intermediario entre a persoa de
mobilidade reducida ou que posúe calquera outra limitación e o contorno,
posibilite a eliminación de todo o que pola súa existencia, características ou
ausencia lle dificulte a autonomía individual e, polo tanto, o acceso ó nivel xeral
de calidade de vida.
Artigo 11º.-Medios de
comunicación.
Para os efectos deste
regulamento cómpre considerar como medios de comunicación non só aqueles que
teñen como finalidade a comunicación persoal e individualizada, como teléfono,
telégrafo, fax ou calquera outro medio ou instrumento electrónico, informático
ou telemático senón tamén os que teñen por finalidade a comunicación de masas,
como prensa, radio, televisión e outros.
TÍTULO
II
Disposicións
xerais
Capítulo
I
Disposicións
sobre barreiras arquitectónicas urbanísticas (Baur)
Sección
primeira
Características
das urbanizacións
Artigo
12º.-Accesibilidade en espacios de uso público de nova creación.
1. As vías públicas,
parques e demais espacios de uso público deberán ser planificados e urbanizados
de xeito que resulten accesibles. Para iso, os criteiros básicos que establece
a Lei 8/1997 e o presente regulamento deberán ser recollidos nos plans xerais
de ordenación municipal e demais instrumentos de planeamento previstos na lexislación
urbanística así como nos instrumentos de execución que os desenvolven e nos
proxectos de urbanización, de dotación de servicios, de obras e de
instalacións.
2. Para tal efecto, nos
informes de carácter técnico que se emitan con carácter previo para a
aprobación definitiva de instrumentos de planeamento deberá facerse constancia
expresa do cumprimento dos criterios fixados na Lei 8/1997 e no presente
regulamento.
Artigo 13º.-Adaptación
dos espacios de uso público existentes.
1. As vías públicas, os
parques e en xeral tódolos espacios de uso público existentes, así como as
instalacións de servicios e mobiliario urbano ó servicio deles, deberán ser
adaptados gradualmente na forma que se determina neste regulamento.
2. Para iso, as entidades
locais deberán executar plans especiais de actuación co obxecto de adapta-las
vías públicas, parques e outros espacios de uso público ás normas de
accesibilidade previstas neste regulamento de acordo coas seguintes regras e
condicións:
a) Establecerán as regras
e condicións técnicas propias de cada ámbito de actuación para consegui-la
conversión progresiva dos espacios convertibles en adaptados, dentro do marco
das determinacións establecidas por este regulamento.
b) Cando por dificultades
orográficas ou rúas preexistentes non sexa posible a creación dun itinerario
adaptado deseñarase como mínimo un itinerario practicable que permita o
desprazamento de persoas con mobilidade reducida.
c) Dadas as
características territoriais de Galicia, nestes plans distinguiranse as
actuacións que se van desenvolver nos núcleos urbanos das previstas nos núcleos
rurais e nas redes viarias que os relacionan.
d) A previsión de
itinerarios adaptados en espacios de uso público que se encontren declarados
bens de interese cultural, sempre que as modificacións necesarias afecten a
elementos obxecto de protección realizarase mediante un programa de
accesibilidade que terá por obxecto mellora-la accesibilidade e a eliminación
daquelas barreiras que non precisen a realización de obras que afecten a
elementos protexidos.
Nos casos en que isto non
sexa posible habilitaranse as axudas técnicas necesarias para que estes
espacios se axeiten na medida do posible para a súa visita por persoas con
limitacións ou con mobilidade reducida.
e) De acordo co previsto
na disposición adicional primeira da Lei 8/1997, a elaboración dos plans de
adaptación e supresión de barreiras elaborados polas administracións públicas
galegas serán revisados cada cinco anos e o prazo para a súa execución non
superará os dez anos, podendo subvencionarse con cargo ó fondo para a supresión
de barreiras de acordo co previsto no artigo 61º do presente regulamento.
3. As administracións
públicas galegas establecerán anualmente unha porcentaxe das súas partidas
orzamentarias e de investimento para a supresión das barreiras arquitectónicas
urbanísticas existentes.
Artigo 14º.-Sistemas de
espacios de uso público.
Para os efectos deste
regulamento os espacios públicos están integrados polos seguintes elementos:
a) Os diferentes trazados
que integran a rede viaria, como os itinerarios de peóns ou mixtos de peóns e
vehículos.
b) Os parques, xardíns e
espacios libres de uso público.
c) Os aparcadoiros
vinculados ós espacios e vías de uso público.
d) Os elementos de urbanización,
como pavimentos, xardinería, saneamento, rede de sumidoiros, iluminación, redes
de telecomunicación e redes de subministración de auga, electricidade, gases e
aqueloutras que materialicen nas indicacións do planeamento urbanístico.
e) O mobiliario urbano
que se integre nas redes viarias e nos espacios de uso público.
Sección
segunda
Condicións
de accesibilidade das redes viarias
Artigo 15º.-Condicións de
adaptación.
As vías públicas deberán
estar adaptadas de acordo coas seguintes condicións de accesibilidade:
-Dispoñer dun itinerario
adaptado de peóns, ou mixto de peóns e vehículos, segundo as esixencias
sinaladas na base 1.1 do código de accesibilidade.
-Os elementos de
urbanización existentes neste itinerario estarán adaptados de acordo coa base
1.2 do código de accesibilidade.
-O mobiliario urbano
inserto dentro do itinerario será adaptado de acordo coa base 1.4 do código de
accesibilidade.
Artigo 16º.-Itinerarios.
1. Para os efectos deste
regulamento considérase itinerario aquel ámbito ou espacio de paso destinado ó
tránsito de peóns ou mixto de peóns e vehículos que teña un percorrido que
permita acceder ós diferentes espacios de uso público e edificacións do seu
contorno.
2. O deseño e trazado dos
percorridos de uso público ou comunitario destinados ó transito de peóns
realizarase mediante itinerarios peonís que resulten adaptados consonte as
condicións establecidas na base 1.1 do código de accesibilidade e na base 1.2
cando sexa necesario salvar desniveis.
3. Poderán quedar exentos
do previsto no punto anterior aqueles itinerarios nos que o custo de execución
como adaptado sexa superior en máis dun 50% ó custo como non adaptado.
4. Pódese admiti-la
substitución do itinerario de peóns adaptado por un itinerario mixto adaptado
naqueles tramos nos que o custo da execución do itinerario de peóns adaptado
supere en máis dun 50% do custo dun itinerario mixto adaptado. Nos puntos de
conexión entre ámbolos itinerarios deberase poder estacionar un vehículo no
espacio equivalente ó dunha praza de estacionamento adaptado, nas condicións
previstas na base 1.3 do código de accesibilidade.
5. En lugares naturais
protexidos pódense admitir solucións alternativas ós itinerarios peonís adaptados
sempre que o proxecto sexa aprobado polo organismo competente na materia.
6. En núcleos rurais,
cando as características morfolóxicas das edificacións e rúas preexistentes ou
a orografía dificulten a creación de itinerarios peonís adaptados, poderanse
admitir substitucións polos itinerarios mixtos previstos no punto cuarto ou
outras solucións alternativas.
7. Nos supostos previstos
nos catro puntos anteriores realizarase unha proposta alternativa que requirirá
previamente á aprobación do instrumento urbanístico correspondente ou, se é o
caso, á concesión da licencia municipal, o informe favorable do Consello
Autonómico para a Promoción da Accesibilidade e a Supresión de Barreiras.
Artigo 17º.-Comunicación
vertical, ramplas, ascensores e escaleiras.
1. A comunicación
vertical dos itinerarios realizarase como mínimo cun elemento -rampla ou
ascensorque deberá adaptarse consonte co establecido neste regulamento.
2. As ramplas que se
sitúen nos itinerarios deberán estar adaptadas consonte coas condicións
establecidas na base 1.2.4 do código de accesibilidade e na base 1.2.7 cando se
trate de ramplas mecánicas do tipo de tapices rodantes.
3. Cando as
características de uso ou topográficas dunha vía ou espacio público requiran
salvar bruscas pendentes poderanse utilizar ascensores para comunica-los
diferentes niveis de utilización pública. En todo caso, a súa instalación
realizarase conxuntamente cunha escaleira alternativa que deberá te-la
condición de adaptada.
Os ascensores que se
sitúen en itinerarios ou espacios de uso público deberán estar adaptados
consonte coas condicións establecidas na base 1.2.6 do código de
accesibilidade.
4. Cando en itinerarios
ou espacios de uso público existan diferencias de nivel que requiran a creación
de escaleiras estas deberanse de adaptar de acordo coas condicións establecidas
na base 1.2.3 do código de accesibilidade. En todo caso, a súa construcción
deberase realizar conxuntamente cunha rampla adaptada ou un ascensor que cumpra
as condicións de accesibilidade previstas no parágrafo anterior.
Sección
terceira
Condicións
de accesibilidade en parques, xardíns e demais espacios libres de uso público
Artigo 18º.-Condicións de
adaptación.
Os parques, xardíns e
demais espacios libres de uso público deberán ser adaptados de acordo coas
seguintes condicións de accesibilidade:
-Dispoñer dun itinerario
adaptado que permita un percorrido polo seu interior e o acceso ós elementos
singulares do espacio e ós servicios hixiénicos, segundo as esixencias
sinaladas na base 1.1 do código de accesibilidade.
-Os elementos de
urbanización que forman parte do citado itinerario estarán adaptados de acordo
coa base 1.2 do código de accesibilidade.
-O mobiliario urbano será
adaptado de acordo coa base 1.4 do código de accesibilidade e o previsto no
artigo seguinte e na sección 6ª deste regulamento dedicada ó mobiliario urbano.
Artigo 19º.-Itinerarios,
comunicación vertical, ramplas, ascensores, escaleiras e instalacións mínimas.
Os parques, xardíns e demais
espacios libres de uso público deberán cumpri-las prescricións sobre
itinerarios, comunicación vertical, ramplas, ascensores e escaleiras previstas
nos artigos 16º e 17º deste regulamento.
En cada espacio de uso
público adaptado deberá existir como mínimo un elemento de mobiliario urbano
para cada uso diferenciado que reúna a condición de adaptado.
Os espacios de
aproximación ó mobiliario urbano adaptado e o itinerario adaptado de acceso a
elas deberán ter tódolos elementos de urbanización adaptados consonte as
condicións establecidas neste regulamento.
Artigo 20º.-Servicios
hixiénicos.
1. Os aseos de uso
público que se dispoñan nestes espacios deberán dispoñer polo menos dunha
unidade adaptada composta como mínimo por un inodoro e un lavabo que poida ser
accesible a calquera tipo de persoa, que poderá ser substituída pola
adaptación, como mínimo, dun inodoro e un lavabo no interior dos aseos para
cada sexo.
2. Para acceder a estes
servicios hixiénicos adaptados deberá existir un itinerario adaptado consonte
as condicións establecidas neste regulamento.
3. Un servicio hixiénico
considérase adaptado cando reúne as condicións establecidas na base 1.5 do
código de accesibilidade.
Sección
cuarta
Condicións
de accesibilidade dos aparcamentos
Artigo 21º.-Reserva de
prazas adaptadas.
1. Nas zonas destinadas ó
estacionamento de vehículos lixeiros, sexan de superficie ou subterráneas, que
se sitúen en vías ou espacios de uso público ou dean servicio a equipamentos
comunitarios, reservaranse con carácter permanente e tan próximo como sexa
posible dos accesos de peóns, prazas debidamente sinaladas para vehículos
acreditados que transporten persoas en situación de mobilidade reducida.
2. As prazas adaptadas
deberán ter un itinerario de peóns adaptado consonte o establecido no código de
accesibilidade que posibilite a comunicación desde as mesmas ata a vía pública.
3. Estas prazas e o
itinerario de acceso a elas sinalaranse co símbolo internacional de
accesibilidade situado sobre o pavimento. Así mesmo, instalaranse sinais
verticais co texto: «Praza reservada para persoas con mobilidade reducida».
4. Un aparcamento
considérase adaptado cando reúne as condicións establecidas na base 1.3 do
código de accesibilidade.
Sección
quinta
Características
dos elementos de urbanización
Artigo 22º.-Elementos de
urbanización.
1. Para os efectos do
presente regulamento considéranse elementos de urbanización calquera compoñente
das obras de urbanización, entendendo por estas as referidas á pavimentación,
xardinería, saneamento, sumidoiros, iluminación, redes de telecomunicación e
redes de subministración de auga, electricidade, gases e aqueloutras que
materialicen as indicacións do planeamento urbanístico.
2. Os elementos de
urbanización integrados en espacios de uso público posuirán con carácter xeral
unhas características de deseño e execución tales que non constitúan obstáculo
á liberdade de movementos das persoas con limitacións e mobilidade reducida,
debendo ademais, se é o caso, axustarse ás condicións de adaptación
establecidas na base 1.2 do código de accesibilidade.
Sección
sexta
Características
do mobiliario urbano
Artigo 23º.-Elementos de
mobiliario urbano.
1. Para os efectos deste
regulamento considéranse elementos de mobiliario urbano o conxunto de obxectos
existentes nas vías e espacios públicos que se atopen superpostos ou apoiados
ós elementos de urbanización ou da edificación de forma que sexa posible o seu
traslado ou modificación sen alteracións substanciais daquelas, tales como
semáforos, postes de sinalización e semellantes, cabinas telefónicas, fontes
públicas, papeleiras, veladores, toldos, marquesiñas, quioscos, contedores,
varandas, bolardos, controis de aparcamento e calquera outro de semellante
natureza.
2. Os elementos de
mobiliario urbano deseñaranse e colocaranse de maneira que non obstaculicen a
circulación de calquera tipo de persoas e permitan, se é o caso, ser usados coa
máxima comodidade.
3. Os elementos de
mobiliario urbano considéranse adaptados cando reúnan as condicións establecidas
na base 1.4 do código de accesibilidade.
Artigo 24º.-Sinais e
elementos verticais.
1. Os sinais de tráfico,
semáforos, postes de iluminación ou calquera outro elemento vertical de
sinalización que se sitúe nun itinerario ou espacio de acceso peonil deberán
ser deseñados e colocados de forma que resulten adaptados, situándose de
maneira que non obstaculicen a circulación de calquera tipo de persoas e
permitan, se é o caso, ser usados coa máxima comodidade.
2. Os elementos saíntes
que se sitúen nas aliñacións das frontes de edificios que interfiran un
itinerario ou espacio peonil, tales como marquesiñas, toldos ou outros
semellantes, deberán evitar en todo caso ser un obstáculo para a libre
circulación de todo tipo de persoas.
Sección
sétima
Obras
nas vías públicas
Artigo 25º.-Protección e
sinalización de obras na vía pública.
1. Todo tipo de obra ou
elemento provisional, como gabias, andamios ou semellantes, que impliquen
perigo, obstáculo ou limitación de percorrido, acceso ou estadía peonil deberá
sinalizarse e protexerse de maneira que garanta a seguridade física de tódolos
viandantes.
2. A protección e
sinalización das obras en vías e espacios públicos deberá ser adaptada nos
termos previstos na base 1.4.3 do código de accesibilidade.
En todo caso, a
protección realizarase mediante valos estables e continuos, dotados de
sinalización luminosa de cor vermella nos casos de insuficiente iluminación, de
maneira que poidan advertirse con antelación por persoas con calquera tipo de
limitación. En situacións de evidente perigo para a seguridade dos invidentes
instalaranse sinais acústicos intermitentes con límites que non molesten o
resto da comunidade.
3. Os itinerarios peonís
cortados por obras substituiranse por outros que permitan o paso a persoas con
mobilidade reducida.
Sección
oitava
Sinalización
Artigo 26º.-Símbolos
homologados e esixencias de sinalización.
1. No anexo II a este
regulamento recóllense os logotipos dos símbolos de accesibilidade homologados
para o seu uso.
2. Co obxecto de
facilita-lo acceso e uso dos edificios, instalacións e servicios adaptados,
sinalaranse permanentemente co símbolo internacional de accesibilidade e con
aqueloutros sinais ou textos complementarios que faciliten unha mellor
información ás persoas con limitacións:
-Os itinerarios peonís
adaptados, cando existan outros itinerarios alternativos non adaptados.
-Os itinerarios mixtos de
peóns e vehículos adaptados, cando existan outros itinerarios alternativos non
adaptados.
-As prazas de
estacionamento adaptadas e os itinerarios peonís adaptados de acceso a elas,
incluíndo as reservadas en edificios e instalacións de uso público, tales como
estadios e polideportivos, teatros e cines, prazas de touros, salas de
conferencias, hoteis, centros relixiosos e culturais, etc.
-Os elementos de
mobiliario urbano adaptados que polo seu destino ou uso requiran sinalización.
-Os servicios hixiénicos
adaptados.
-Os edificios de uso
público adaptados.
-Os transportes públicos
que posúan a condición de adaptados.
-As paradas de transporte
público adaptadas.
-As paradas de taxis nas
que exista un servicio permanente de taxi con vehículo adaptado.
3. A localización e
características da sinalización descríbese para determinados casos concretos
neste regulamento así como no código de accesibilidade, debendo realizarse nos
supostos de carencia de regulación específica de forma que calquera usuario
poida obter información sobre a existencia de vías, espacios, edificios,
instalacións e servicios adaptados.
Capítulo
II
Disposicións
sobre barreiras arquitectónicas
na
edificación (Baed)
Sección
primeira
Edificios
de uso público
Artigo
27º.-Accesibilidade en edificios de uso público.
1. Para os efectos deste regulamento
considéranse edificios de uso público os edificios de titularidade pública ou
privada destinados a un uso que implique concorrencia de público, de acordo co
previsto no artigo 8º do presente regulamento.
2. Considéranse incluídos
dentro deste epígrafe de edificios de uso público, xunto a outros de natureza
semellante, os seguintes:
-Edificios públicos e de
servicios das administracións públicas.
-Centros sanitarios e
asistenciais ou calquera outro centro social.
-Estacións ferroviarias,
de metro e autobuses.
-Portos, aeroportos e
heliportos.
-Centros de ensino.
-Garaxes e aparcadoiros
colectivos.
-Centros de traballo que
empregen un número de 50 ou máis traballadores.
-Embarcacións marítimas e
fluviais destinadas ó transporte público de persoas cunha eslora entre
perpendiculares igual ou superior a 18 metros.
-Centros sindicais.
-Museos, arquivos,
bibliotecas e salas de exposicións.
-Teatros, salas de cines
e espectáculos.
-Casas de cultura.
-Instalacións deportivas.
-Lonxas, mercados, prazas
de abastos e establecementos comerciais e bancarios de superficie igual ou
superior a 500 m.
-Centros relixiosos.
-Instalacións hoteleiras
e hosteleiras.
3. A construcción,
ampliación ou reforma de edificios de uso público efectuarase de maneira que se
garanta que os mesmos resulten adaptados para persoas con limitacións coas
excepcións e alternativas establecidas no presente regulamento e no código de
accesibilidade.
Artigo 28º.-Edificios de
nova planta.
1. A construcción dos espacios,
instalacións ou servicios propios das edificacións de titularidade pública ou
privada destinadas a un uso que implique concorrencia de público realizarase de
forma que resulten accesibles nas condicións que se establezan no cadro contido
na base 2.1.4 do código de accesibilidade.
2. Os proxectos destes
edificios deberanse axustar ás determinacións contidas no regulamento e na base
2 do código de accesibilidade, na que se establecen as esixencias
arquitectónicas que hai que ter en conta no deseño deste tipo de edificios.
Artigo 29º.-Adaptación de
edificios de uso público existentes.
1. Deberán cumpri-las
determinacións contidas no regulamento e no código de accesibilidade as obras
de restauración, rehabilitación, ampliación ou reforma de edificios que
comporten un cambio de uso ou afecten un 20% ou máis da superficie inicial do
edificio. A existencia de reformas fraccionadas non impedirá a aplicación deste
precepto cando a suma delas teña algunha das características citadas.
2. Poderán quedar exentos
do previsto na punto anterior aquelas ampliacións ou reformas que requiran
medios técnicos ou económicos desproporcionados. Considérase que se requiren
medios técnicos ou económicos desproporcionados cando o orzamento das obras que
se van realizar para adaptar un espacio, instalación ou servicio dunha
edificación sexa superior en máis dun 50% ó custo que resultaría de realiza-las
obras necesarias para facelos practicables. Esta circunstancia deberá
xustificarse na documentación do proxecto cun estudio comparativo dos custos.
Neste caso, os espacios e
elementos dos edificios ampliados ou reformados serán como mínimo practicables.
3. Con independencia das
ampliacións ou reformas anteriormente citadas os edificios de uso público
existentes deberán adaptarse gradualmente ás normas sobre accesibilidade
previstas neste regulamento de acordo coas seguintes regras e condicións:
a) As administracións
públicas galegas establecerán anualmente unha porcentaxe das súas partidas
orzamentarias de investimento para a supresión das barreiras existentes nos
edificios de uso público da súa titularidade ou sobre os que dispoñan, por
calquera título, do dereito de uso. Con tal finalidade elaboraranse plans de
adaptación e supresión de barreiras dentro do prazo de dous anos desde a
entrada en vigor do presente regulamento. Estes plans serán revisados cada
cinco anos e o prazo para a súa realización non superará os dez anos, podendo
ser subvencionados con cargo ó fondo para a supresión de barreiras previsto na
Lei 8/1997 e no presente regulamento.
b) Ós inmobles que se
encontren declarados bens de interese cultural ou incluídos nos catálogos
municipais de edificios protexidos non lles será de aplicación o disposto neste
regulamento, sempre que as modificacións necesarias afecten elementos obxecto
de protección.
Neste suposto,
procederase á realización dun programa de accesibilidade, que terá por obxecto
mellora-la accesibilidade e a eliminación daquelas barreiras arquitectónicas
que non precisen a realización de obras que afecten elementos protexidos.
Nestes casos, habilitaranse as axudas técnicas necesarias para que estes
edificios se adecuen, na medida do posible, para a súa visita por persoas con
limitacións ou con mobilidade reducida.
c) As administracións
públicas galegas e as persoas físicas e xurídicas titulares de edificios de uso
público confeccionarán programas específicos para a supresión de barreiras na
edificación, os cales custos poderán subvencionarse polo fondo para a supresión
de barreiras previsto na Lei 8/1997.
Artigo 30º.-Accesos desde
o exterior.
1. Todo edificio de uso
público deberá ter como mínimo un acceso ó seu interior desde a vía pública a
través dun itinerario que deberá cumpri-las condicións establecidas para
itinerarios adaptados ou practicables, segundo o caso, neste regulamento e no
código de accesibilidade.
2. No suposto dun
conxunto de edificios, polo menos un dos itinerarios que os una, entre eles e
coa vía pública, debe cumpri-las condicións establecidas para itinerarios
adaptados ou practicables, segundo o caso, no presente regulamento e no código
de accesibilidade.
3. Cando exista un acceso
alternativo para persoas con mobilidade reducida, este non poderá ter un
percorrido superior a seis veces o cotián, nin poderá condicionarse o seu uso a
autorizacións expresas ou outras limitacións.
Artigo 31º.-Mobilidade
vertical.
1. Para facilita-la
mobilidade vertical entre espacios, instalacións e servicios comunitarios
situados en edificios de uso público, a comunicación entre plantas realizarase como
mínimo mediante un elemento ascensor ou rampla, adaptado ou practicable,
segundo o caso.
2. As escaleiras de uso
público deben ser adaptadas, consonte o establecido na base 2.2.2 do código de
acesibilidade e na base 2.2.4 cando se tratase de escaleiras mecánicas. En todo
caso, a súa construcción deberá realizarse conxuntamente cunha rampla ou
ascensor adaptados de acordo coas condicións establecidas, respectivamente, nas
bases 2.2.1 e 2.2.3.
3. Os tapices rodantes
adaptaranse ás condicións previstas na base 2.2.5 do código de accesibilidade.
4. Os foxos dos
ascensores posuirán dimensións que permitan a instalación dun ascensor adaptado
ou practicable segundo as condicións sinaladas na base 2.2.3 do código de
accesibilidade.
Artigo 32º.-Mobilidade horizontal.
1. A mobilidade ou
comunicación horizontal entre espacios, instalacións e servicios comunitarios
situados en edificios de uso público permitirá o desprazamento e manobra de
persoas con limitacións. Para tal efecto, como mínimo as portas interiores e
corredores axustaranse ás condicións sinaladas na base 2.1.1 e 2.1.2 do código
de accesibilidade.
2. Por outra banda, debe
haber como mínimo un itinerario interior adaptado ou practicable, segundo o
caso, que faga posible a aproximación ós diferentes elementos de uso público, e
que se axustará ás condicións sinaladas na base 2.1.1 e 2.1.2 do código de
accesibilidade.
3. Cando existan
desniveis salvaranse mediante ramplas adaptadas que se axustarán ás condicións
sinaladas na base 2.2.1 do código de accesibilidade e na base 2.2.5 cando se
trate de ramplas mecánicas do tipo de tapices rodantes.
Artigo 33º.-Servicios
hixiénicos.
Os servicios hixiénicos
de uso público que existan neste tipo de edificios disporán, como mínimo, dunha
unidade adaptada nas condicións previstas na base 2.3.1 do código de
accesibilidade ou dun aseo adaptado para cada sexo se se atopan dentro dos
vestiarios dunha instalación deportiva.
Artigo 34º.-Dormitorios.
1. Os servicios
residenciais de uso público disporán de dormitorios adaptados de acordo coas
condicións sinaladas na base 2.3.2 do código de accesibilidade e na proporción
mínima de prazas que se establece no mesmo.
2. A reserva de prazas en
establecementos destinados a fins asistenciais e sociais regularase pola súa
propia normativa, debendo dispoñe-los que teñan unha capacidade inferior a 25
prazas, como mínimo, dunha praza adaptada.
Artigo 35º.-Vestiarios.
Os vestiarios de uso
público disporán, como mínimo, dunha peza adaptada para cada sexo, que se
axustará ás condicións sinaladas na base 2.3.3 do código de accesibilidade.
Artigo 36º.-Mobiliario.
Como mínimo un elemento
de mobiliario de uso público para cada uso diferenciado será adaptado e
axustarase ás condicións sinaladas na base 2.3.4 do código de accesibilidade.
Artigo 37º.-Aparcadoiros.
1. Nos garaxes ou
aparcadoiros de uso público, xa sexan exteriores ou interiores, que estean ó
servicio dun edificio de uso público, reservaranse prazas de estacionamento
adaptadas tan cerca como sexa posible dos accesos peonís e de forma permanente.
2. As prazas adaptadas
deberán ter un itinerario de peóns adaptado nas condicións establecidas na base
2 do código de accesibilidade.
3. As prazas e espacios
anexos axustaranse ás condicións sinaladas na base 3 do código de accesibilidade.
4. Estas prazas e o
itinerario de acceso a elas sinalizaranse co símbolo de accesibilidade situado
sobre o pavimento. Así mesmo, instalaranse sinais verticais co texto: «Praza
reservada para persoas con mobilidade reducida».
5. O número de prazas adaptadas
que deben ser reservadas calcularase en función da capacidade total do
aparcamento de acordo coa proporción que se establece no código de
accesibilidade.
6. Os edificios
destinados a hospitais, clínicas, centros de saúde e de atención a persoas con
mobilidade reducida, centros de rehabilitación e de día que non dispoñan de
aparcadoiro de uso público terán na vía pública e o máis cerca posible do
acceso, como mínimo, unha praza adaptada reservada para persoas con mobilidade
reducida.
Artigo 38º.-Reserva de
espacios en locais públicos.
1. Os establecementos e
recintos nos que se desenvolvan espectáculos ou acontecementos deportivos, as
salas de conferencias, auditorios cubertos ou non, aulas e outros locais
públicos con actividades semellantes, disporán de espacios reservados de uso
preferente para persoas con mobilidade reducida con independencia do seu
dereito a ocupar calquera outra localidade.
2. Estes espacios
adecuaranse ás condicións establecidas na base 2.3.5 do código de
accesibilidade.
Sección
segunda
Outros
edificios de titularidade privada
Artigo
39º.-Accesibilidade en edificios de titularidade privada e uso residencial.
1. Os edificios,
instalacións e servicios de titularidade privada e uso residencial de nova
construcción, nos que sexa obrigatoria a instalación de ascensor, deberán
reunir, como mínimo, os seguintes requisitos:
a) Dispoñer dun
itinerario practicable, consonte as condicións establecidas na base 4 do código
de accesibilidade, que una as vivendas e os locais do edificio cos espacios e
dependencias de uso comunitario que estean ó servicio del, incluíndo nestas os
garaxes vinculados ás vivendas.
b) Dispoñer dun
intinerario practicable, consonte as condicicións establecidas na base 4 do código
de accesibilidade, que una a edificación coa vía pública, con outras
edificacións ou servicios anexos de uso comunitario e cos edificios veciños.
2. Os edificios de
titularidade privada e uso residencial de nova construcción nos que non sexa
obrigatoria a instalación de ascensor deberán dispoñer dun itinerario
practicable -excepto polo que se refire á existencia dun ascensor nel e á
necesidade de complementadas escaleiras cunha rampla prevista no artigo 31º.2-,
consonte o establecido na base 4 do código de accesibilidade. Desta esixencia
exceptúanse, en todo caso, as vivendas unifamiliares.
Artigo 40º.-Reformas.
1. Os proxectos de
reforma, rehabilitación ou restauración de edificios, servicios ou instalacións
de titularidade privada e uso residencial deberán cumpri-los requisitos
esixidos ós de nova construcción sempre que as obras que se van realizar
supoñan a modificación da configuración do edificio, variando o número de
vivendas ou a superficie delas. A existencia de reformas fraccionadas non impedirá
a aplicación deste precepto cando a suma das mesmas teña algunha das
características citadas.
2. Cando o custo da
adaptación represente un incremento de máis do 50% do custo das obras que se
van realizar, realizarase unha proposta alternativa que requirirá, previamente
á concesión da licencia, o informe favorable do Consello Autonómico para a
Promoción da Accesibilidade e a Supresión de Barreiras.
3. No que se refire ás
obras de adaptación que leven a cabo os propietarios ou usuarios de vivendas,
haberá que aterse ó disposto na Lei 15/1995, do 30 de maio, sobre límites do
dominio sobre inmobles para eliminar barreiras arquitectónicas ás persoas con
discapacidade ou maiores de 70 anos.
Sección
terceira
Accesibilidade
noutros edificios de titularidade pública e uso residencial
Artigo
41º.-Accesibilidade noutros edificios de titularidade pública e uso
residencial.
Os edificios, as
instalacións e os servicios de titularidade pública e uso residencial de nova
construcción, así como os proxectos de reforma, rehabilitación ou restauración
deles deberán, ademais axustarse á normativa propia das vivendas de protección
oficial de promoción pública, cumprir como mínimo coas esixencias de
accesibilidade establecidas nesta lei para os edificios de uso residencial e
titularidade privada.
Sección
cuarta
Reserva
de vivendas para persoas con limitacións
Artigo 42º.-Reserva de
vivendas adaptadas.
1. Como mínimo un 3% das
vivendas de cada promoción de vivendas de protección oficial de promoción
pública deberá reservarse para persoas que dispoñan da certificación de
minusvalidez expedida polos equipos de valoración e orientación (EVO) que
acredite a existencia de graves problemas de mobilidade que requiran a
realización de obras de adaptación no interior das súas vivendas.
2. No caso de
minusválidos menores de idade ou incapaces, poderán acceder ás devanditas
vivendas as persoas que exerzan a patria potestade, a tutela e, se é o caso, as
que acrediten telos ó seu cargo de forma permanente.
3. Igualmente, os
promotores privados de vivendas de protección oficial ou sometidas a calquera
outro réxime de axuda pública deberán reservar, respectando en todo caso a
porcentaxe indicada no punto anterior, a proporción mínima establecida nas
disposicións reguladoras de vivendas de protección oficial, agás das vivendas
promovidas por cooperativas ou para uso propio.
Artigo 43º.-Condicións
das vivendas reservadas.
As vivendas reservadas
para persoas con limitacións deberán posuír as seguintes características:
a) Ter adaptado o seu interior
e os accesos a el consonte as condicións establecidas na base 5 do código de
accesibilidade.
b) Dispoñer dun
itinerario adaptado, consonte as condicións establecidas na base 2.2.1 do
código de accesibilidade, que una as vivendas adaptadas con espacios e
dependencias de uso comunitario.
c) Dispoñer dun
itinerario adaptado, consonte as condicións establecidas na base 2.1.1 do
código de accesibilidade, que una a edificación coa vía pública, con outras
edificacións ou servicios anexos de uso comunitario e cos edificios veciños.
d) No suposto de que o
edificio dispoña de garaxe deberá reservarse igual número de prazas de
aparcadoiro adaptadas, vinculadas ás vivendas e situadas tan cerca como sexa
posible dos accesos peonís, debendo establecerse un itinerario adaptado que
comunique os garaxes coas vivendas agás no referente ós ascensores, que poderán
ser practicables.
Artigo 44º.-Procedemento
de acceso ás vivendas reservadas.
1. A adxudicación de
vivendas de promoción pública estará sometida ó procedemento establecido na súa
normativa reguladora vixente e ó establecido neste regulamento.
2. Ás vivendas reservadas
de protección oficial de promoción privada ou sometidas a calquera outro réxime
de axuda pública accederán prioritariamente persoas en situación de mobilidade
reducida e, no caso de que resulten vacantes, a entidades públicas ou privadas
con personalidade xurídica propia e sin finalidade de lucro para dedicalas a
minirresidencias, pisos compartidos ou calquera outro tipo de vivenda destinada
a persoas con mobilidade reducida. Non obstante o anterior, e polo que se
refire ó acceso ó financiamento cualificado, rexerá o disposto na normativa
reguladora de vivendas de protección oficial.
3. Créase un Rexistro
Central de Vivendas Vacantes para Persoas con Mobilidade Reducida Permanente no
Instituto Galego da Vivenda e Solo, o que se nutrirá directamente das bases de
datos previamente creadas na áreas provinciais dispoñendo da información
correspondente á súa situación, dimensións, características e prezo.
4. Créase un Rexistro de
Demandantes de Vivendas Adaptadas nas áreas provinciais de Servicios Sociais,
as cales remitirán o nome e características dos inscritos ó Instituto Galego da
Vivenda e Solo para a súa posterior adxudicación. Poderán inscribirse neste
rexistro como demandantes de vivendas adaptadas as entidades públicas ou
privadas con personalidade xurídica propia sen ánimo de lucro e as persoas con
graves e permanentes problemas de mobilidade.
5. Para acceder ás
vivendas de promoción privada as entidades públicas ou privadas con
personalidade xurídica propia deberán cumpri-los seguintes requisitos:
-Estar inscritas no
Rexistro de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais.
-Presenta-lo
correspondente certificado da Dirección Xeral de Servicios Sociais que acredite
que a entidade está capacitada para a xestión dun piso tutelado.
Artigo 45º.-Garantías
para a realización de obras de adaptación.
1. Os promotores privados
de vivendas de protección oficial ou sometidas a calquera outro réxime de axuda
pública poderán substituí-las adaptacións interiores de vivendas reservadas
para persoas con mobilidade reducida polo depósito, ó solicitarse a
cualificación provisional ou certificación administrativa equivalente, dun aval
suficiente dunha entidade financeira legalmente recoñecida que garanta a
realización das obras necesarias para as adaptacións correspondentes, segundo o
tipo de limitación que posúa o futuro usuario.
2. O importe do aval será
do 10% do prezo máximo autorizado de venda da vivenda de que se trate. A
constitución do aval axustarase ó modelo sinalado no anexo IV do Real decreto
390/1996, do 1 de marzo, de desenvolvemento parcial da Lei 13/1995, do 18 de
maio, de contratos das administracións públicas.
3. Este aval garantirá a
cobertura das responsabilidades que eventualmente poida contrae-lo promotor por
incumprimento das súas obrigas na materia e, especificamente, o aboamento dos
gastos, por tódolos conceptos, da execución subsidiaria das obras de
adaptación. O aval poderá cancelarse tan pronto presente o promotor escritura
de venda da vivenda avalada a un minusválido, na que se especificará o carácter
de discapacitado do comprador e a realización das obras de adaptación a súa
minusvalidez.
4. As vivendas reservadas
que resultasen vacantes por non demandarse no prazo de seis meses desde a
cualificación definitiva ou certificación administrativa equivalente poderán
ser ofertadas libremente polo promotor. Para acredita-la falta de demanda
deberá acompañarse certificación do Instituto Galego da Vivenda e Solo ou da
Dirección Xeral de Servicios Sociais acreditativa da falta de demanda nos
rexistros previstos no artigo anterior, procedendo no dito caso a cancelación
do aval.
Capítulo
III
Disposicións
sobre barreiras no transporte (BAT)
Sección
primeira
Accesibilidade
dos transportes públicos
Artigo 46º.-Condicións
xerais.
1. Tódolos transportes
públicos de viaxeiros dependentes das administracións galegas que circulen por
terra, mar, aire e leitos fluviais deberán observa-lo disposto neste regulamento
e na base 6ª do código de accesibilidade.
2. Así mesmo, os
transportes públicos de viaxeiros deberán axustarse progresivamente ás medidas
que se dicten e aqueloutras que resulten como consecuencia do avance
tecnolóxico das que estea debidamente acreditada a súa eficacia.
3. En todo caso, na
concesión ou en calquera forma de contratación da xestión dos servicios de
transporte, tanto urbanos como interurbanos, terase en conta a dotación de
sistemas que permitan ou faciliten a accesibilidade como un dos factores a
puntuar entre as propostas dos concursantes cando os ditos sistemas non sexan
aínda de obrigado cumprimento para tódolos vehículos de transporte público
existentes.
Artigo 47º.-Condicións
das instalacións ó servicio do transporte.
1. Toda construcción ou
reforma das infraestructuras ó servicio do transporte público deberá axustarse
ás determinacións contidas neste regulamento para a construcción, itinerarios,
servicios e mobiliario que sexan comúns ós edificios de uso público.
2. En canto ás
adaptacións específicas das devanditas instalacións realizaranse de acordo co
previsto neste regulamento e na base 6 do código de accesibilidade.
3. En todo centro de
servicio do transporte público, como estacións de autobuses, estacións de
ferrocarrís, estacións marítimas, aeroportos ou calquera outro de natureza
análoga, disporase dun servicio de megafonía para información ós viaxeiros das
chegadas e saídas así como de calquera outra noticia ou información.
4. Igualmente, nas
devanditas instalacións disporase de mecanismos de información e sinalización
visual que garantan o acceso á información citada ás persoas con diminución
auditiva.
Artigo 48º.-Condicións
dos medios de transporte.
1. Os medios de
transporte público serán aptos para a súa utilización por todo tipo de persoas,
mantendo as adecuadas condicións de autonomía e comodidade para o seu uso por
persoas con mobilidade reducida ou calquera outro tipo de limitación.
2. Nos autobuses urbanos
e interurbanos, metro, ferrocarril e embarcacións de transporte público de
viaxeiros dependentes das administracións galegas deberá reservarse para
persoas con mobilidade reducida un número de tres asentos por vehículo,
próximos ás portas de acceso e sinalizados adecuadamente. Disporán xunto a eles
dun timbre de aviso de parada nun lugar facilmente accesible.
3. As axudas técnicas
persoais que, se é o caso, sexan utilizadas polos pasaxeiros, disporán do
espacio físico necesario para a súa ubicación.
4. Os pasaxeiros que vaian
acompañados de cans guía poderán viaxar con un ó seu lado, baixo a súa
responsabilidade e sen custo adicional.
5. O chan de tódolos
vehículos de transporte será antiesvarante.
6. Nos autobuses urbanos
e interurbanos de servicio público as persoas con mobilidade reducida poderán
saír pola porta de entrada para evitar o seu desprazamento polo do vehículo.
7. As portas dos
vehículos de transporte público contarán con dispositivos que abran
automaticamente cando ó pecharse aprisionen calquera obxecto.
8. Todo o material móbil
de nova adquisición deberá estar adaptado ás medidas técnicas que se establezan
na base 6 do código de accesibilidade.
Artigo 49º.-Vehículos
especiais e taxis adaptados.
1. Deberá existir polo
menos un vehículo especial ou taxi adaptado que poida ser utilizado polas
persoas de mobilidade reducida nos seus desprazamentos:
-Nos concellos de máis de
25.000 habitantes. O número de vehículos especiais ou taxis adaptados aumentará
nunha praza máis por cada 100.000 habitantes do concello ou fracción.
-Nos concellos cabeceiras
de comarca que se establezan nos plans de desenvolvemento comarcal previstos na
Lei 7/1996, do 10 de xullo, de desenvolvemento comarcal de Galicia, cando no
ámbito das zonas rurais non exista ningún concello que alcance os 25.000
habitantes.
2. Os vehículos especiais
ou taxis adaptados cumprirán as condicións previstas na base 6 do código de
accesibilidade.
Sección
segunda
Tarxetas
de accesibilidade
Artigo 50º.-Tarxeta de
estacionamento para persoas con minusvalidez.
1. A tarxeta de
estacionamento para persoas con minusvalidez concederase ás persoas con graves
problemas de mobilidade como documento acreditativo da súa situación, con
carácter persoal e intransferible, coa finalidade de favorece-lo uso dos
transportes privados e para que o seu titular poida gozar das facilidades de
estacionamento relacionadas coa devandita tarxeta.
2. Os concellos deberán
aprobar normativas que garantan e favorezan a accesibilidade das persoas
titulares deste tipo de tarxeta debendo establecer, como mínimo, o seguinte:
a) Reservas con carácter
permanente de prazas de aparcamento debidamente sinaladas para vehículos que
transporten ás persoas titulares desta tarxeta. Situaranse próximas ós accesos
de peóns dentro das zonas destinadas a aparcamento de vehículos lixeiros, ben
sexan exteriores, interiores ou subterráneos.
b) Ampliación do límite
do tempo, cando este estivera establecido, para aparcamento de vehículos
titulares desta tarxeta.
c) Autorización para que os
vehículos ocupados polas devanditas persoas poidan deterse na vía pública
durante o tempo imprescindible e sempre que non entorpezan a circulación rodada
ou peonil.
3. Terán dereito á
expedición da tarxeta de estacionamento para persoas con minusvalidez todos
aqueles interesados que teñan recoñecida a imposibilidade de uso do transporte
público polos equipos de valoración e orientación (EVO) dependentes das
seccións de cualificación e valoración de minusvalidez.
4. Cando o titular da
tarxeta sexa unha persoa física poderá utilizala en calquera vehículo en que se
traslade, sexa ou non da súa propiedade e sexa o titular da tarxeta o conductor
do vehículo ou non. Cando a titular da tarxeta sexa unha persoa xurídica deberá
incluír a/as matrículas dos vehículos habilitados para transporta-las persoas
con graves problemas de mobilidade. Cando se faga uso dos dereitos que outorga
esta tarxeta colocarase nun lugar visible do vehículo.
Artigo 51º.-Tarxeta de
accesibilidade de usuarios.
1. A tarxeta de
accesibilidade de usuarios concederase ás persoas con algunha limitación, con
carácter persoal e intransferible, como documento acreditativo da súa situación
de discapacidade, para favorece-lo uso e desfrute dos transportes públicos.
2. Os concellos deberán
aprobar normativas que garantan e favorezan a accesibilidade das persoas con
limitacións e que con respecto ás persoas titulares deste tipo de tarxeta
serán, como mínimo, as seguintes:
a) Reserva das prazas nos
transportes colectivos.
b) Bonificación nas
tarifas para as persoas que dispoñan da tarxeta.
c) Reserva da prazas nos
centros de servicio do transporte público.
3. Terán dereito á
expedición da tarxeta de accesibilidade de usuarios todos aqueles interesados
ós que se lles recoñezca a condición de minusválidos polos equipos de
valoración e orientación (EVO) dependentes das seccións de cualificación e
valoración de minusvalidez.
Artigo 52º.-Modelos de
tarxetas.
1. Os modelos de tarxetas
serán únicos para todo o ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. De acordo coas
recomendacións do Consello da Unión Europea a tarxeta de estacionamento para
persoas con minusvalidez axustarase ás características sinaladas no anexo III
do presente regulamento.
3. A tarxeta de
accesibilidade de usuarios axustarase ás características sinaladas no anexo III
deste regulamento.
Artigo 53º.-Expedición
das tarxetas de accesibilidade.
1. Corresponde ó concello
onde resida o interesado a concesión das tarxetas de accesibilidade mediante o
seguinte procedemento:
a) O expediente iniciarase
por instancia da persoa interesada.
b) O ente local
remitiralle copia da solicitude ó equipo de valoración e orientación (EVO)
correspondente para a realización do informe preceptivo e vinculante para a
resolución do procedemento.
2. As tarxetas de
accesibilidade concedidas por unha entidade local de conformidade co
procedemento recollido no punto anterior terán validez en todo o territorio da
Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, en caso de cambio de domicilio do
beneficiario dunha tarxeta de accesibilidade, este deberá solicita-lo traslado
do expediente ó novo municipio de residencia.
3. No caso de que a
cualificación da minusvalidez sexa permanente, a tarxeta caducará ós dez anos
da concesión e, no caso de que a cualificación da minusvalidez sexa provisional
caducará cando transcorre o prazo que esta indique. Para a renovación débese
segui-lo mesmo procedemento que se seguise para o outorgamento da tarxeta
inicial.
4. No suposto de que se
detecte o uso indebido da tarxeta de maneira reiterada e debidamente probada,
con independencia da sanción pecuniaria que puidese recaer no procedemento
sancionador incoado para o efecto, a citada tarxeta será retirada durante un
prazo de dous anos polo órgano que a outorgase.
Capítulo
IV
Disposicións
sobre barreiras na comunicación (BC)
Artigo
54º.-Accesibilidade dos sistemas de comunicación e sinalización.
1. As administracións
públicas galegas deberán promove-la supresión de barreiras na comunicación e o
establecemento dos mecanismos e alternativas técnicas que fagan accesibles os
sistemas de comunicación e sinalización a toda a poboación.
2. Establécense criterios
de accesibilidade na comunicación na base 7 do código de accesibilidade para
efectos de aplicación do que se establece neste artigo.
3. A consellería
competente en materia de servicos sociais, en aplicación dos criterios a que se
fai referencia no punto anterior, deberá:
a) Promover entre os
entes e órganos das administracións públicas galegas a utilización de
mecanismos e alternativas técnicas co obxecto de facilita-la accesibilidade ós
sistemas de comunicación e sinalización, no ámbito das súas respectivas
competencias.
b) Divulga-los criterios
de accesibilidade na comunicación e sinalización no ámbito privado, efectuando recomendacións
a aqueles sectores con especial incidencia en actuacións de interese xeral.
c) Potencia-la
investigación dirixida a elimina-las barreiras na comunicación.
Artigo 55º.-Medidas para
a supresión de barreiras na comunicación.
As administracións
públicas galegas deberán:
a) Fomenta-la supresión
de barreiras na comunicación e sinalización no ámbito privado coa finalidade de
garantir a toda a poboación o dereito á información, á comunicación, á cultura,
ó ensino, á sanidade, ó emprego, ós servicios sociais e ó lecer.
b) Fomenta-la formación
de profesionais intérpretes de lingua de signos e guías intérpretes para
persoas xordo-cegas, facilitando así a comunicación directa ó discapacitado
auditivo ou xordo-cego.
c) Facilita-la
utilización de intérpretes de lingua de signos e de guías intérpretes e persoas
xordo-cegas.
Artigo 56º.-Medios
audiovisuais.
Os medios de comunicación
audiovisuais dependentes das administracións públicas realizarán e manterán
debidamente actualizado un plan de medidas técnicas que permita gradualmante,
mediante o uso da lingua de signos ou de subtitulacións, garantirlle-lo dereito
á información ás persoas con limitacións auditivas.
Artigo 57º.-Persoas con
limitación visual.
1. Os organismos públicos
promoverán as condicións que permitan eliminar ou palia-las dificultades que
teñen as persoas que padecen limitación visual, sexan estas usuarias de
cadeiras de rodas, ambliopes ou cegas, para detectar ou superar obstáculos,
para determinar direccións e para obter informacións visuais.
2. As persoas con
limitacións visuais acompañadas de cans-guía terán acceso ós lugares e nas
condicións que se establecen na Lei 5/1996 da Comunidade Autónoma galega, do 6
de xuño, sobre o acceso ó contorno das persoas con deficiencia visual.
Artigo 58º.-Persoas con
limitación auditiva.
1. Os organismos públicos
promoverán as condicións que permitan eliminar ou palia-las dificultades de
comunicación que teñen as persoas que padecen limitación auditiva.
2. Para supera-las dificultades
derivadas da limitación auditiva, ademais doutras técnicas de comunicación
complementarias, disporanse as seguintes medidas:
a) Establecemento dunha
clara e completa sinalización e información visual.
b) Os medios de
comunicación audiovisual dependentes das administracións públicas fomentarán a
existencia de subtítulos ou lingua de signos nos programas informativos e
culturais, debendo dispoñer polo menos dun programa informativo diario con este
tipo de sistemas de comunicación.
c) Nos lugares de
contacto co público fomentarase a dotación de axudas e mecanismos que
posibiliten a comunicación ás persoas con limitación auditiva, tales como
teléfonos de texto, videoteléfonos e impactos visuais complementarias ós sinais
de aviso e alarma que utilicen fontes sonoras.
TÍTULO
III
Medidas
de fomento
Artigo 59º.-Fondo para a
supresión de barreiras.
1. Consonte o establecido
no artigo 30 da Lei 8/1997, o fondo para a supresión de barreiras destinarase a
subvenciona-la supresión de barreiras arquitectónicas urbanísticas (Baur), na
edificación (Baed), no transporte (BAT) e na comunicación (BC), así como para a
dotación de axudas técnicas de acordo co que estableza anualmente a Lei de
orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. A Comunidade Autónoma
consignará partidas orzamentarias finalistas en cada exercicio para a dotación
deste fondo, que se adscribirá á consellería competente en materia de servicios
sociais.
3. Así mesmo, integrarán
o dito fondo as doazóns, herdanzas e legados, que por vontade expresamente
manifestada deberán dedicarse ós fins previstos neste regulamento.
Artigo 60º.-Destino do
fondo.
1. Unha parte do fondo
destinarase a subvenciona-los programas específicos dos entes locais para a
supresión de barreiras no espacio urbano e rural, nos edificios de uso público
e no transporte público do seu termo municipal, así como á supresión das
barreiras de comunicación existentes.
2. A outra parte do fondo
irá destinada a subvenciona-los programas presentados por entidades privadas e particulares
para a supresión de barreiras e adquisición de axudas técnicas.
3. A consellería
competente en materia de Servicios Sociais establecerá, mediante convocatoria
anual ou a través do instrumento do convenio, os criterios para a súa concesión
de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e as prioridades de
planificación.
4. No tocante ó réxime
orzamentario do fondo haberá que aterse ó disposto nos artigos 71 e 81 e demais
concordantes do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba
o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Artigo 61º.-Programas
específicos de actuación dos entes locais.
1. Os programas
específicos de actuación presentados polos entes locais estarán integrados,
como mínimo, polos seguintes contidos:
a) Un inventario ou
relación daqueles espacios, edificios, locais, infraestructuras, medios de
transportes e comunicación que sexan susceptibles de adaptación. Neste
documento distinguiranse as actuacións que se van realizar en núcleos urbanos
das previstas no medio e núcleos rurais.
b) Relación das
actuacións do programa, establecendo a orde de prioridades nas que as
adaptacións se vaian acometer dentro del.
c) Fases en que se
desenvolve o programa.
d) Dotación económica que
a entidade solicitante destinará ó programa, sinalando a consignación
orzamentaria aprobada para esta finalidade.
e) Custo total estimado
do programa.
2. Terán prioridade para
acceder a este financiamento os entes locais que destinen ó programa unha
contía similar á achegada polo fondo da Comunidade Autónoma.
TÍTULO
IV
Medidas
de control
Artigo 62º.-Principios do
control da accesibilidade.
1. Os concellos e a
Administración autonómica, no ámbito das súas respectivas competencias,
desenvolverán as actividades de control previstas na Lei 8/1997, de
accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia e no
presente regulamento.
2. Son principios da
actividade de control da accesibilidade:
a) Facer cumpri-la
normativa de accesibilidade e supresión de barreiras.
b) Establece-los
mecanismos de coordinación das funcións de control e seguimento para a súa
execución no ámbito que ten atribuído.
c) Promover e facilita-la
participación das organizacións e asociacións representativas dos colectivos de
afectados, na adopción de medidas de control da accesibilidade.
Artigo 63º.-Licencias e
autorizacións.
1. Os concellos e a
Administración autonómica, no ámbito das súas respectivas competencias, esixirán
e verificarán o cumprimento do disposto na Lei 8/1997 e no presente
regulamento, nas aprobacións de instrumentos urbanísticos e no outorgamento de
licencias, autorizacións e calificacións de vivendas sometidas a algún réxime
de protección pública.
2. Para estes efectos, os
distintos instrumentos urbanísticos, así como os proxectos de edificación ou
construcción, deberán facer contar expresamente na súa memoria o cumprimento da
Lei 8/1997 e deste regulamento sinalando as determinacións normativas de
aplicación e as solucións adoptadas para lles dar cumprimento a elas.
3. Os pregos de
condicións dos contratos administrativos conterán cláusulas de actuación
adaptadas ó disposto na Lei 8/1997 e neste regulamento.
Artigo 64º.-Visado de
proxectos técnicos.
Os colexios profesionais
que teñan atribuída a competencia no visado dos proxectos técnicos denegarán os
visados ós proxectos que conteñan algunha infracción das normas contidas na Lei
8/1997, no presente regulamento e na demais normativa de aplicación en materia
de accesibilidade e supresión de barreiras.
Artigo 65º.-Barreiras no
transporte e na comunicación.
1. As administracións
competentes na autorización e regulación dos medios de transporte e
comunicación en Galicia velarán polo cumprimento do disposto na Lei 8/1997 e no
presente regulamento.
2. Para estes efectos,
nos pregos de condicións das convocatorias que se realicen para a autorización
de medios de transportes ou de comunicación, as administracións competentes
farán constar expresamente a esixencia de que os mesmos se adapten ás normas
vixentes en materia de accesibilidade.
Artigo 66º.-Control de
execución.
1. Os concellos e a
Administración autonómica, no ámbito das súas respectivas competencias, con
independencia dos controis previos anteriormente sinalados, desenvolverán
durante a execución de obras e instalacións e o funcionamento de medios de
transportes e de comunicación os controis necesarios para comproba-lo
cumprimento das normas de accesibilidade.
2. Cando a través dos
controis anteriormente previstos se observen accións ou omisións que
contraveñan as normas de accesibilidade e supresión de barreiras procederase a
realiza-la correspondente denuncia perante a Comisión Técnica de
Accesibilidade.
3. Con independencia do
anterior todo o que teña coñecemento da existencia dalgunha infracción do
ordenamento en materia de accesibilidade e supresión de barreiras
arquitectónicas poderá interpoñer, independentemente das accións legalmente
previstas, denuncia perante a Comisión Técnica de Accesibilidade.
4. O incumprimento das
condicións de accesibilidade dará lugar á incoación do procedemento sancionador
previsto no título seguinte e á incoación dos correspondentes expedientes de
protección da legalidade urbanística previstos no título III do Decreto
28/1999, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de disciplina
urbanística para o desenvolvemento e aplicación da Lei do solo de Galicia.
TÍTULO
V
Réxime
sancionador
Artigo 67º.-Infraccións.
1. As accións ou omisións
que contraveñan as normas sobre accesibilidade e supresión de barreiras
constitúen infracción e serán sancionadas consonte o establecido na Lei 8/1997
e neste regulamento.
2. As infraccións
clasifícanse en leves, graves e moi graves.
3. Considérase infracción
leve o incumprimento das normas de condicións de accesibilidade e supresión de
barreiras que non impida a utilización do espacio, o equipamento, a vivenda, o
medio de transporte ou o medio de comunicación por persoas con limitacións.
4. Considérase infracción
grave o incumprimento das normas de condicións de accesibilidade e supresión de
barreiras que obstaculicen, limiten ou dificulten a utilización do espacio, o
equipamento, a vivenda, o medio de transporte ou o medio de comunicación por
persoas con limitacións e en especial as seguintes:
a) O incumprimento das
normas sobre supresión de barreiras urbanísticas en obras de urbanización e o
seu mobiliario de nova construcción, ampliación e reforma de espacios
destinados ó uso público.
b) O incumprimento das
normas sobre supresión de barreiras na edificación, construcción, ampliación ou
reforma de edificios de propiedade pública ou privada destinados a servicios
públicos ou a un uso que implique a concorrencia de público.
c) O incumprimento das
normas de condicións de accesibilidade e supresión de barreiras en edificios de
nova construcción ou rehabilitados totalmente, que deban ser destinados ó uso
de vivenda, ou en edificios de titularidade privada e uso non residencial.
d) O incumprimento das
normas de accesibilidade establecidas para os transportes públicos e medios de
comunicación.
e) A reincidencia por
comisión de máis dunha falta leve no prazo de 2 anos.
5. Considérase infracción
moi grave o incumprimento das normas de condicións de accesibilidade e
supresión de barreiras que impidan o libre acceso e uso de calquera espacio ou
medio, infrinxindo a normativa contida na Lei 8/1997 e neste regulamento e, en
especial, as seguintes:
a) O incumprimento das
normas sobre supresión de barreiras urbanísticas en obras de urbanización e o
seu mobiliario de nova construcción, ampliación e reforma de espacios
destinados ó uso público, e que impidan o libre acceso e uso de calquera medio
ou espacio.
b) O incumprimento das
normas sobre supresión de barreiras na edificación, construcción, ampliación ou
reforma de edificios de propiedade pública ou privada destinados a servicios
públicos ou a un uso que implique a concorrencia de público, e que impidan o
libre acceso e uso de calquera medio ou espacio.
c) O incumprimento da
obriga que se establece na Lei 8/1997 e no presente regulamento, de reserva de
vivendas para a súa utilización por persoas de mobilidade reducida.
d) O incumprimento das
normas de condicións de accesibilidade e supresión de barreiras que supoña
grave perigo ou afecten gravemente a seguridade das persoas.
e) A reincidencia por
comisión de máis dunha falta grave no prazo de 2 anos.
Artigo 68º.-Sancións.
Sen prexuízo da obriga da
reposición da orde xurídica infrinxida, as infracións tipificadas na Lei 8/1997
e no presente regulamento darán lugar á imposición de multas, coa seguinte
graduación, para a que se procurará que a sanción non sexa inferior ó beneficio
obtido:
a) Para infraccións
leves: multas de 100.000 a 1.000.000 de pesetas.
b) Para infraccións
graves: multas de 1.000.001 a 10.000.000 de pesetas.
c) Para infraccións moi
graves: multas de 10.000.001 a 50.000.000 de pesetas.
Artigo 69º.-Graduación
das sancións.
Para gradua-lo importe
das multas terase en conta a gravidade do feito constitutivo de infracción, o
beneficio obtido, o custo económico derivado das obras de accesibilidade
necesarias, o prexuízo directa ou indirectamente causado e a intencionalidade
ou reiteración dos infractores.
Artigo
70º.-Responsabilidade.
1. Son suxeitos responsables
as persoas físicas e xurídicas que incorran nas accións, omisións ou
infraccións tipificadas na Lei 8/1997 e neste regulamento, e en particular as
seguintes:
a) Nas obras e demais
actuacións que se executaran sen a licencia municipal correspondente ou con
inobservancia dela, o empresario das obras, o técnico director das mesmas e o
promotor.
b) Nos actos autorizados
ou de supervisión de proxectos que teñan un contido manifestamente constitutivo
dunha infracción das tipificadas na Lei 8/1997 serán responsables os
facultativos que emitisen o informe favorable, de acordo co ámbito da súa
intervención.
c) Así mesmo, serán
responsables as autoridades e o personal ó servicio das administracións
públicas galegas actuantes que acordaran o outorgamento dun acto autorizado sen
o informe técnico preceptivo previo ou cando este fose vinculante e de carácter
desfavorable. A citada responsabilidade estenderase ós casos de voto favorable
nos supostos de adopción de acordos por órganos colexiados.
2. As multas que se
impoñan ós diferentes suxeitos como consecuencia dunha mesma infracción terán
entre si carácter independente.
Artigo 71º.-Órganos
competentes para a imposición das sancións.
1. Os órganos competentes
para impoñe-las sancións previstas na Lei 8/1997 son as seguintes:
a) Para infraccións leves
e graves un órgano colexiado composto por:
-O director xeral
competente en materia de servicios sociais.
-O director xeral
competente en materia de urbanismo.
-O director xeral
competente en materia de cooperación coas corporacións locais.
O réxime xurídico do
citado órgano colexiado axustarase ás normas contidas no capítulo 2 do título
II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións
públicas e do procedemento administrativo común.
Actuará como presidente o
director xeral competente en materia de servicios sociais e como secretario
deste órgano colexiado, con voz pero sen voto, un dos licenciados en dereito
que forme parte da Comisión Técnica de Accesibilidade.
b) Para as infraccións
moi graves, o Consello da Xunta de Galicia.
Artigo 72º.-Comisión
Técnica de Accesibilidade.
1. A Comisión Técnica de
Accesibilidade é o órgano administrativo competente para a tramitación dos
expedientes sancionadores derivados da Lei 8/1997 e deste regulamento.
2. Son funcións da
Comisión Técnica de Accesibilidade a incoación, tramitación e proposta de
resolución á autoridade competente dos expedientes sancionadores na materia así
como a resolución de calquera cuestión interpretativa sobre o contido deste
regulamento.
3. A Comisión Técnica de
Accesibilidade estará adscrita á dirección xeral competente en materia de
servicios sociais, que a dotará do persoal administrativo necesario para a
tramitación dos expedientes.
4. A composición da Comisión
Técnica de Accesibilidade será a seguinte:
-O subdirector xeral de
Acción Social.
-O xefe de Servicio de
Atención ás Persoas con Minusvalidez.
-1 licenciado en dereito
adscrito á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.
-1 arquitecto superior adscrito
á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.
-1 letrado pertencente á
escala de letrados da Xunta de Galicia, que actuará como asesor xurídico.
Actuará como presidente o
subdirector xeral de Acción Social e como secretario, con voz e voto, un dos
licenciados en dereito que forme parte do órgano, designado polo director xeral
de Servicios Sociais.
Artigo 73º.-Procedemento
sancionador.
1. As infraccións das
normas contidas na Lei de accesibilidade e neste regulamento serán sancionadas
de acordo coa normativa vixente sobre o procedemento sancionador.
2. As persoas protexidas
pola Lei 8/1997 ou as asociacións e federacións nas que se integran terán
sempre a consideración de interesadas nestes procedementos nos termos previstos
na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento
administrativo común.
3. Contra o acordo de
arquivo das actuacións ou resolución desestimatoria expresa ou tácita da
denuncia de posibles infraccións, as persoas, asociacións e federacións antes
referidas quedarán lexitimadas para interpoñer recursos ou, se é o caso, as
accións xudiciais que consideren procedentes.
Artigo 74º.-Destino das
sancións.
Os ingresos obtidos pola
imposición das sancións previstas na Lei de accesibilidade serán destinados ó
fondo de supresión de barreiras arquitectónicas, urbanísticas, do transporte e
da comunicación, así como para a dotación de axudas técnicas.
Artigo 75º.-Prescrición.
1. Os prazos de
prescrición das infraccións son:
-As infraccións moi
graves prescribirán ós catro anos.
-As infraccións graves
prescribirán ós dous anos.
-As infraccións leves
prescribirán ó ano.
2. O prazo de prescrición
empezarase a computar desde o día en que a infracción se cometera, que no caso
de execución de obras entenderase que é no momento no que as obras se atopen
totalmente finalizadas.
TÍTULO
VI
Consello
Galego para a Promoción da Accesibilidade e a Supresión de Barreiras
Artigo 76º.-Consello
Galego para a Promoción da Accesibilidade e a Supresión de Barreiras.
1. O Consello Galego para
a Promoción da Accesibilidade e a Supresión de Barreiras é o órgano de
participación e consulta establecido polo artigo 44 da Lei 8/1997.
2. O consello estará
adscrito á consellería competente en materia de servicios sociais e estará
composto por un número de 15 membros en representación da Xunta de Galicia, das
corporacións locais, das entidades públicas e privadas e das asociacións e
colexios profesionais con interese na materia.
Artigo 77º.-Composición.
1. O Consello Galego para
a Promoción da Accesibilidade e a Supresión de Barreiras, do que os membros
serán propostos polos respectivos órganos ou entidades neste representadas e
nomeados polo conselleiro competente en materia de servicios sociais, terá a
seguinte composición:
-Presidente:
* O conselleiro
competente en materia de servicios sociais.
-Vicepresidente:
* O director xeral
competente en materia de servicios sociais.
-Vocais:
a) Pola Administración
autonómica:
* O director xeral
competente en materia de urbanismo.
* O director xeral
competente en materia de cooperación coas corporacións locais.
* 2 representantes das
consellerías da Xunta de Galicia nomeados entre as persoas propostas polas
diferentes consellerías.
b) Polas administracións
locais:
* 3 representantes designados
pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
c) Polas asociacións de
persoas con limitacións e mobilidade reducida:
* 3 representantes,
nomeados entre as persoas propostas polas entidades representativas
rexistradas.
d) Polos colexios de
profesionais:
* 2 representantes,
nomeados entre as persoas propostas polos colexios profesionais relacionados co
urbanismo, a edificación, o transporte e a comunicación.
e) Expertos:
* 1 experto en materia de
accesibilidade e eliminación de barreiras, nomeado polo conselleiro competente
en materia de servicios sociais.
2. Actuará como
secretario, con voz pero sen voto, un dos licenciados en dereito que forme
parte da Comisión Técnica de Accesibilidade.
3. O Consello Galego para
a Promoción da Accesibilidade e a Supresión de Barreiras poderá establecer
comisións executivas, ponencias e grupos de traballo formadas por membros do
mesmo, para un mellor funcionamento e delegar neles parte das súas funcións.
Artigo 78º.-Funcións.
1. Son funcións do
Consello Galego para a Promoción da Accesibilidade e a Supresión de Barreiras:
a) Emitir informe sobre
os anteproxectos de leis e decretos relativos á promoción da accesibilidade e á
supresión de barreiras e sobre os programas de gasto do fondo para a supresión
de barreiras e os programas específicos de actuación desenvolvidos ó amparo do
mesmo.
b) Asesorar sobre as
propostas que fagan referencia ó ámbito de promoción da accesibilidade e a
supresión de barreiras e asesorar e fomentar, en relación coa accesibilidade e
supresión de barreiras arquitectónicas, as adaptacións e as axudas técnicas.
c) Propoñerlles ós
órganos competentes os criterios de actuacións en materia de urbanismo,
edificación, transporte e comunicación que sexan necesarios para a promoción da
accesibilidade e a supresión de barreiras así como as medidas de fomento que se
consideren oportunas.
d) Resolve-las propostas
alternativas realizadas con base no establecido nos artigos 22.3º da Lei 8/1997
e 16 e 40.2º deste regulamento.
e) Calquera outra función
informativa ou asesora que lle sexa solicitada polas diferentes administracións
públicas galegas en materia de accesibilidade e supresión de barreiras.
f) Impulsar e realizar un
seguimento xeral das accións de control da accesibilidade que leven a cabo as
consellerías e outros órganos ou entes da Xunta de Galicia, así como as outras
administracións públicas ou entidades competentes no control das
accesibilidade.
g) Realizar un seguimento
xeral das denuncias presentadas nas diferentes administracións e do cumprimento
dos prazos de elaboración, revisión e execución dos plans de adaptación e
supresión de barreiras previstos na Lei 8/1997 e neste regulamento.
h) Emitir informes sobre
o cumprimento da normativa, avances técnicos, suxestións e recomendacións sobre
actuacións futuras e demais aspectos relacionados co ámbito das súas
competencias.
2. Para o exercicio das
funcións anteriormente descritas o consello recibirá a necesaria colaboración
de tódalas administracións públicas con competencia sobre a materia.
Artigo 79º.-Pleno do
Consello.
1. O Pleno é o órgano
competente para o exercicio das funcións previstas no artigo anterior.
2. Reunirase en sesión
ordinaria, polo menos, unha vez cada seis meses e, con carácter extraordinario,
cando sexa convocado polo presidente, ben sexa por iniciativa propia ou da
metade dos membros do consello.
3. Para a súa válida
constitución será necesaria a concorrencia de tódolos seus membros en primeira
convocatoria e da maioría deles en segunda, debendo transcorrer trinta minutos
entre ámbalas dúas.
4. Tódolos membros do
pleno terán dereito a voto. Os seus acordos adoptaranse por maioría dos membros
presentes, decidindo o voto do presidente no caso de empate. O secretario, que
non ten a condición de membro e carece de voto de acordo co previsto no artigo
77º, fará constar en acta os votos discrepantes así como a súa fundamentación,
se así se solicitase.
Artigo 80º.-Funcións do
presidente.
1. Son funcións do
presidente ou persoa que o substitúa:
a) Exerce-la
representación do consello.
b) Acorda-la convocatoria
das reunións do Pleno, formula-la orde do día e presidir e modera-lo
desenvolvemento dos debates.
c) Someter á
consideración do consello tódolos asuntos que sexan da súa competencia.
d) Visa-las actas e
certificacións de acordos do consello.
e) Cantas outras resulten
propias da súa condición de presidente.
2. Nos casos de ausencia,
vacante ou enfermidade do presidente será substituído polo vicepresidente.
Artigo 81º.-Funcións do
vicepresidente.
1. Correspóndelle ó
vicepresidente ou persoa que o substitúa:
a) Constituír, xunto co
presidente e o secretario, a Mesa do Pleno do consello.
b) Colaborar co
presidente nas tarefas que lle encomende e substituílo nos casos legalmente
previstos.
c) Presidir e coordinar,
en nome do presidente, aquelas comisións de traballo constituídas polo Pleno.
d) Todas aqueloutras que
sexan inherentes á súa condición de vicepresidente.
2. Nos casos de ausencia,
vacante ou enfermidade do vicepresidente será substituído pola persoa na que o
mesmo delegue.
Artigo 82º.-Funcións do
secretario.
1. O secretario levará a
cabo as seguintes funcións:
a) Convocar, por orde do
presidente, as reunións do Pleno.
b) Asistir ás reunións do
Pleno e das comisións que se constitúan, levantando acta delas.
c) Expedir
certificacións, visadas polo presidente, dos acordos, propostas e informes
aprobados polo Pleno.
d) Executa-los acordos do
consello, xestionando e coordinando as súas actividades e velando polo seu
correcto funcionamento.
e) Prepara-lo despacho
dos asuntos dos que vaia coñece-lo Pleno.
f) Recibir e tramita-las
comunicacións dos membros do consello.
g) Despachar co
presidente os asuntos ordinarios e aqueloutros que lle fosen encomendados.
2. Cando o volume,
axilidade e a eficacia do traballo o aconselle, a Dirección Xeral de Servicios
Sociais poderá propoñer ó conselleiro competente en materia o nomeamento dun
adxunto ó secretario, que asistirá a este e o substituirá en caso de ausencia,
vacante ou enfermidade.
Artigo 83º.-Función dos
vocais.
Os vocais actuarán como
portavoces das administracións, asociacións, entidades ou colexios que
representan.
Artigo 84º.-Duración do
mandato dos vocais.
1. A duración do mandato dos
vocais representativos será de catro anos, sen prexuízo da súa reelección e da
posibilidade de substitución dos titulares, por proposta da administración,
asociación, entidade ou colexio a quen representen.
2. Ademais do disposto no
punto anterior, producido un novo proceso electoral para o respectivo órgano de
representación, procederase a reestructura-la composición do Consello Galego
para a Promoción da Accesibilidade e a Supresión de Barreiras de acordo co grao
de representatividade obtido no referido proceso, sendo o prazo de duración dos
novos membros o que restase a aqueloutros por eles substituídos.
3. O nomeamento dos
vocais deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia.
4. A proposta de
separación dos vocais, titulares ou suplentes, deberalle ser comunicada ó
presidente do consello, a través do secretario, xunto coa proposta do novo
representante.
Artigo 85º.-Dereitos dos
vocais.
Os vocais terán dereito
a:
a) Participar nos debates
e exerce-lo seu dereito ó voto.
b) Acceder á
documentación que conste en poder do consello.
c) Dispoñer da
información dos temas e estudios que se desenvolvan.
d) Coñecer previamente a
orde do día das reunións e a información precisa sobre os temas incluídos nela.
e) Cantas funcións sexan
intrínsecas á súa condición de vocais. En ningún caso poderán atribuírse a
representación ou facultades do consello, agás que expresamente lles fose
outorgado polo Pleno e para cada caso concreto.
Artigo 86º.-Deberes dos
vocais.
Os vocais teñen o deber
de:
a) Asistir ás sesións do
Pleno e das comisións ás que fosen convocados.
b) Adecua-la súa conducta
a este regulamento e ás directrices e instruccións que, no seu desenvolvemento,
dicte o popio consello.
c) Non facer uso da súa
condición de vocal para o exercicio de actividades mercantís.
Artigo 87º.-Ausencia dos
vocais.
1. Todo vocal que prevexa
que non vai poder asistir a unha sesión do Pleno ou das comisións poderá ser
substituído por outro vocal designado para o efecto.
2. O presidente poderá,
no caso de incumprimento dos deberes de vocal ou de ter máis de tres ausencias
consecutivas sen causa xustificada, solicitar á administración, asociacións,
entidades ou colexios que representa que consideren a oportunidade de
propoñe-la súa substitución.
Artigo 88º.-Cesamento dos
vocais.
1. Os vocais perderán a
súa condición por:
a) Falecemento.
b) Transcurso do período
de catro anos de mandato, sen prexuízo do disposto no artigo 84º.
c) Por renuncia aceptada
polo órgano correspondente da administración, asociación, entidade ou colexio a
quen represente.
d) Por incumprimento
reiterado dos deberes establecidos no artigo 86º. Neste caso será de aplicación
o disposto no artigo 87º.
e) Por decisión da
administración, asociación, entidade ou colexio.
En tódolos casos, a perda
da condición de vocal, titular ou substituto deberá ser comunicada ó presidente
do consello, a través do secretario, xunto co nome do novo representante.
2. Se durante o período
do mandato para o que foron elixidas, algunha entidade, colexio ou asociación
causase baixa no rexistro de servicios sociais, o vocal que o represente cesará
nas súas funcións.
3. No caso de que unha
administración, asociación, entidade ou colexio con representación no consello
se integre ou fusione noutra das representadas no mesmo consello, un dos
representantes cesará e o outro representará a nova entidade.
Artigo
89º.-Deliberacións.
1. O presidente tanto do
Pleno como das comisións abrirán a sesión, dirixirá o debate e velará pola
observancia das normas de organización e funcionamento do consello previstas no
presente regulamento.
2. O presidente poderá,
antes de inicia-lo debate e durante este, limita-lo tempo do que dispoñen os
oradores. Acordará o peche do debate e dará paso á votación correspondente.
3. Por proposta do
presidente poderase acorda-la suspensión da sesión, establecendo o momento en
que se reiniciará esta.
Artigo
90º.-Convocatorias.
1. As convocatorias
faranse sempre por escrito e polos medios máis idóneos para garanti-la
recepción coa debida antelación que será, como mínimo, de dez días hábiles para
as sesións ordinarias e de catro para as extraordinarias. Non obstante, o
presidente, no caso de especial urxencia e inaprazable necesidade, poderá
altera-lo referido prazo, sempre que se lles garanta ós vocais do consello o coñecemento
previo e suficiente das convocatorias.
2. As convocatorias
deberán comunica-lo día, a hora e o lugar de reunión, así como a orde do día e
incluír, en todo caso, a documentación adecuada para o seu estudio previo.
3. Na citación da
primeira convocatoria incluirase a da segunda.
Artigo 91º.-Orde do día
das sesións.
1. No caso de reunións
ordinarias, os membros do consello Galego para a Promoción da Accesibilidade e
Supresión de Barreiras poderán enviar propostas de temas e o presidente poderá
decidir sobre a súa inclusión, sempre que se reciban cunha antelación mímima de
quince días naturais ó da súa celebración.
2. A orde do día das
sesións ordinarias conterá a lectura e, se é o caso, a aprobación das actas da
sesión ordinaria anterior e das extraordinarias que se celebrasen entre ámbalas
sesións, así como dos demais puntos que se acorden.
3. A orde do día das
sesións extraordinarias conterá os temas propostos pola presidencia ou, se é o
caso, polas partes que legalmente o solicitaron.
Artigo 92º.-Acta das
sesións.
1. O secretario do
consello asistirá ás sesións do Pleno e das comisións, levantará acta delas, na
que se fará constar:
a) Lugar da reunión, data
e hora de comezo.
b) Nome e apelidos do
presidente, vicepresidente, dos vocais presentes e ausentes que escusasen a súa
asistencia, secretario e das persoas que, se é o caso, fosen chamadas para
comparecer.
c) Carácter ordinario ou
extraordinario da sesión.
d) Asuntos que figuran na
orde do día.
e) Opinión sintetizada de
cada unha das diferentes intervencións dos membros do consello. Calquera vocal
poderá solicitar que se transcriba íntegra a súa intervención, sempre que
incorpore no acto o texto que se corresponda exacta e fielmente con aquela,
facéndose constar así na acta e xuntándose copia autenticada do escrito.
f) Os resultados das
votacións.
g) Hora de remate da
sesión.
Cando non se celebre
sesión, por calquera motivo, o secretario suplirá a acta cunha dilixencia
autenticada coa súa sinatura e a do presidente na que se fará consta-la causa
da non celebración e, se procede, o nome dos asistentes e dos que se escusaron.
3. As actas, logo de
aprobalas, serán asinadas polo secretario e visadas polo presidente. O
secretario será responsable da súa custodia.
Artigo 93º.-Votación e adopción
de acordos.
1. Estableceranse as
seguintes regras:
a) A votación será
nominal se así o acordan a metade dos vocais presentes.
b) A votación será
secreta cando así o acorde o presidente pola natureza das cuestións.
c) Nos demais casos, a
votación será á man alzada.
2. Os vocais
discrepantes, en todo ou en parte, do sentir da maioría, poderán formular
individual ou colectivamente votos particulares que deberán quedar unidos á
resolución correspondente.
3. Os votos particulares
deberán presentarse perante o secretario nun prazo máximo de corenta e oito
horas contadas desde o final da sesión.
Artigo 94º.-Sede do
consello.
O Consello Galego para a
Promoción da Accesibilidade e a Supresión de Barreiras terá a súa sede en
Santiago de Compostela, aínda que poderá celebra-las súas reunións en calquera
localidade da Comunidade Autónoma cando así o decida o presidente.