De
forma natural ó envellecer prodúcense unha
serie cambios que fan máis doado que os anciáns
sufran accidentes. Algúns destes cambios son, por
exemplo, a diminución do oído e da vista,
unha menor habilidade para os movementos e máis
tendencia ó esgotamento xeral. Moitas enfermidades
e algúns tratamentos, que se fan máis frecuentes
coa idade, aumentan o risco de caídas ó
altera-lo equilibrio, producir inestabilidade ou dificulta-la
marcha.
Ademais,
as consecuencias son máis graves co paso dos anos: os
ósos rompen máis doadamente e tanto as fracturas
como as feridas importantes obrigan ó repouso e dependencia
doutras persoas. Moitas veces aparece ansiedade por temor a
caer outra vez e o ancián perde a confianza en si mesmo.
Un número importante de caídas prodúcense
no fogar e en parte son debidas a barreiras ou obstáculos
que poden ser reducidos ou eliminados doadamente cunha serie
de precaucións, medidas simples e cambios de hábitos:
-
Convén utilizar sempre calzado cómodo e
á medida, de tacón baixo e con solas antiesvaradías.
Débense evitar chancas, zapatillas abertas por
detrás e o calzado demasiado frouxo, porque non
suxeitan ben o pé. É importante non camiñar
descalzo e nunca con medias ou calcetíns directamente
en contacto co chan.
-
Utilice roupa cómoda que non dificulte os movementos
e que non poida pisarse ou engancharse.
- Utilice bastón se o precisa, se o seu médico
llo aconsella ou se se sente inseguro ó camiñar,
porque así aumentará a súa base de apoio.
- Na vivenda:
Instale
unha boa iluminación en toda
a casa, e especialmente nas escaleiras. Convén
que os interruptores estean situados ó lado da
porta de cada cuarto e que a luz do dormitorio se poida
acender desde a cama para non se erguer ás escuras.
Procure
que os mobles sexan estables e estean colocados sempre
no mesmo sitio para evitar desorientacións
que facilitarían a caída.
Manteña
o chan libre de obstáculos, cables e outros
obxectos sobre todo nas zonas de paso.
Evite
camiñar sobre superficies esvaradías
(graxentas, acabadas de encerar ou moi pulidas) sobre
todo se están molladas ou se está descalzo.
Convén un pavimento antiesvaradío especialmente
en cociña e baño.
Repara-lo
máis rapidamente posible baldosas levantadas
e outros danos no chan nos que se poida tropezar.
As
alfombras, con frecuencia, provocan caídas.
Se se utilizan deberán estar firmemente
suxeitas ou adheridas ó chan e
sen deixar libres os extremos para que
non se despracen nin se engurren. En xeral
convén evita-las alfombras e tapetes
pequenos sobre todo en zonas de paso.
É
moi importante que as escaleiras estean ben iluminadas,
que dispoñan de pasamáns, se é
posible a ámbolos dous lados, e que os seus
chanzos sexan antiesvaradíos.
Convén
colocar adhesivos antiesvaradíos ou alfombras
plásticas especiais para evitar esvarar na
bañeira ou na ducha e instalar unha barra,
asa ou varanda para agarrar ó ducharse ou mesmo
ó erguerse do retrete. Tamén resultan
de grande axuda os asentos de ducha ou bañeira.
Na
cociña todo debe estar ó alcance da
man para non subir a escaleira ou tallos. Se se derraman
graxas ou outros líquidos, débese limpa-lo
chan inmediatamente.
Evite
movementos e cambios de postura bruscos. Ó
levantarse da cama ou dunha cadeira fágao lentamente,
sentando uns minutos no bordo antes de poñerse
de pé.
Evite
consumir bebidas alcohólicas en exceso.
Visite
o seu médico para o seguimento do seu estado
de saúde e o control da medicación e
os seus posibles efectos secundarios. Recorde que
con moitos medicamentos pode aparecer mareo ou inestabilidade
e se isto sucede debe comentalo. Consulte se nota
perda de visión, de oído, mareos, etc
ELIMINAR OBSTÁCULOS INNECESARIOS, MANTE-LA
ORDE E UN ÁMBITO COÑECIDO E ADAPTADO
ÁS CONDICIÓNS DO ANCIÁN AUMENTAN
A SÚA SEGURIDADE, A SÚA CALIDADE
DE VIDA E A DOS QUE O RODEAN
ESTAS
MEDIDAS SON RECOMENDACIÓNS XERAIS. NON
DUBIDE EN CONSULTAR CO SEU MÉDICO. EL PODERÁ
MODIFICALAS E AXUSTALAS ÁS SÚAS
CONDICIÓNS CONCRETAS