Diario Oficial de Galicia
mércores, 18 de febreiro de 2009
I. DISPOSICIÓNS XERAIS
Número do Dog:
34
Páxina do Dog:
3.292
Data da Disposición:
5 de febreiro de 2009
Sección:
I. DISPOSICIÓNS XERAIS
Organismo:
CONSELLERÍA DE SANIDADE
Rango:
Decreto
Título:
Decreto 29/2009, do 5 de febreiro, polo que se regula o uso e acceso á historia clínica electrónica.
Decreto 29/2009,
do 5 de febreiro, polo que se regula o uso e acceso á historia clínica
electrónica.
Á Comunidade
Autónoma de Galicia, en función da competencia recollida no artigo 33.1º do
Estatuto de autonomía de Galicia, correspóndelle o desenvolvemento lexislativo
e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior.
Esta última está representada, no que aquí concirne, pola Lei 14/1986, do 25 de
abril, xeral de sanidade, que estableceu os principios dunha nova relación
clínica baseada na autonomía da persoa; a Lei 41/2002, básica reguladora da
autonomía do paciente e de dereitos e deberes en materia de información e
documentación clínica, que completa as previsións que a Lei xeral de sanidade
enunciou como principios xerais así como a Lei 16/2003, de cohesión e calidade
que trata o relativo ao sistema de información sanitaria. Así mesmo, no
relativo á confidencialidade dos datos, e á promoción de novas canles
electrónicas de interacción coa cidadanía, é preciso ter en conta a Lei
15/1999, do 13 de decembro, que regula a protección de datos de carácter
persoal e mais o seu regulamento, Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro,
así como a Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos
servizos públicos.
No ámbito da Comunidade galega, o réxime xurídico da historia clínica dos
pacientes está recollido na Lei 3/2001, do 28 de marzo, reguladora do
consentimento informado e da historia clínica dos pacientes, modificada pola
Lei 3/2005, do 7 de marzo.
Mediante este decreto dáse un paso decisivo para a regulación da historia
clínica electrónica, xa que a implantación e uso das tecnoloxías da
información, no acceso e elaboración da historia clínica, constitúe a base para
o logro dunha maior calidade e seguridade na información sanitaria, superando
con moito as formas tradicionais de documentación manual.
A historia clínica electrónica constitúese coma o soporte máis axeitado para a
asistencia sanitaria, facilitando o manexo e accesibilidade da documentación
clínica do/a paciente ou usuario/a, e por iso os profesionais que interveñen
nela teñen o dereito de acceso e obriga de acceder e cubrir a historia clínica
electrónica.
A historia clínica electrónica constitúe a alternativa de futuro á historia
clínica manual pero non destrúe nin altera o seu concepto básico nin o seu
valor documental. Expón cuestións específicas derivadas da funcionalidade do
soporte e, ao mesmo tempo, constitúe unha oportunidade única para solucionar
unha serie de problemas pendentes na historia clínica tradicional.
Este novo soporte de traballo fai necesario regulamentar algúns aspectos referidos
ao manexo electrónico de información persoal por parte das institucións
asistenciais públicas e privadas, xa que co uso da historia clínica electrónica
non só se poden tratar máis datos persoais, senón que tamén pode facer posible
que os devanditos datos sexan máis facilmente accesibles para un número maior
de destinatarios, o que fai imprescindible establecer totais garantías de
confidencialidade e integridade dos datos.
Neste contexto, a Consellería de Sanidade desenvolveu un sistema de historia clínica
electrónica denominado IANUS. Este sistema integra nun único sistema de
información, toda a documentación clínica xerada nos diferentes niveis de
prestación ao longo de todo o proceso asistencial. IANUS configura un modelo de
historia clínica única, que garante, de xeito seguro, a accesibilidade de toda
a información clínica aos profesionais que desenvolven a súa actividade para o
sistema sanitario público de Galicia, promovendo a compartición de información
e a transferencia de coñecemento.
Para estes efectos, debe terse en conta o disposto no Decreto 70/2004, do 25 de
marzo, que establece o código numérico persoal dos profesionais que interveñen
nos procedementos de prestación e xestión de servizos do sistema sanitario
público galego.
Os principios xerais que hai que ter en conta para a regulación nesta materia
son, fundamentalmente, o principio da vinculación asistencial co paciente, o
principio de proporcionalidade e o principio de autonomía.
O principio de vinculación asistencial é a chave que lexitima o acceso á
historia clínica electrónica por parte dos profesionais sanitarios, así como
por parte do persoal con funcións administrativas, de xestión ou de atención ao
paciente.
O principio de proporcionalidade é aquel que marca en cada momento, e en
relación con cada situación concreta, o alcance e medida que pode ter o acceso
á historia clínica electrónica.
Para rematar, o principio da autonomía da vontade do paciente permítelle a este
o acceso á súa historia clínica.
Na súa virtude, por proposta da conselleira de Sanidade, de conformidade co
ditame do Consello Consultivo de Galicia, logo da deliberación do Consello da
Xunta de Galicia, na súa reunión do día cinco de febreiro de dous mil nove,
DISPOÑO:
Capítulo I
Disposicións xerais
Artigo 1º.-Obxecto.
Este decreto ten por obxecto regular o acceso e uso da información contida na
historia clínica electrónica, no ámbito do sistema público de saúde de Galicia
e establecer este sistema como o soporte máis axeitado para o manexo da historia
clínica nos centros sanitarios de Galicia.
Artigo 2º.-Normas aplicables.
Sen prexuízo das normas legais de aplicación na materia, o uso e acceso á
historia clínica electrónica, no ámbito do sistema público de saúde de Galicia,
levarase a cabo na forma establecida neste decreto e nas demais normas que, de
ser o caso, o desenvolvan.
Artigo 3º.-Elaboración e contido da historia clínica electrónica.
1. A elaboración da historia clínica electrónica, nos aspectos relacionados coa
asistencia directa ao/á paciente ou usuario/a, é responsabilidade dos/as
profesionais que interveñen nela.
2. A historia clínica electrónica constitúese como o adecuado soporte a esta
asistencia e por iso os/as profesionais que interveñen na asistencia dos/as
pacientes ou usuarios/as teñen o dereito de acceso e obriga de acceder e cubrir
a historia clínica electrónica.
3. A historia clínica electrónica incorporará a información correspondente ao
contido previsto no artigo 15 da Lei 41/2002, do 14 de novembro, básica
reguladora da autonomía do paciente e de dereitos e obrigas en materia de
información e documentación clínica, e no artigo 16 da Lei galega 3/2001, do 28
de maio, reguladora do consentimento informado e da historia clínica dos
pacientes.
Así mesmo, incorporará a información clínica xerada naquelas actuacións
sanitarias derivadas de programas de saúde pública, baixo o principio de
integrar toda aquela información que poida ser relevante para unha mellor
asistencia futura.
Artigo 4º.-Xestión da historia clínica electrónica.
1. A historia clínica electrónica xestionarase mediante o sistema de
información corporativo denominado IANUS, coa finalidade de garantir a
calidade, accesibilidade e seguridade técnica da información clínica, así como
a coordinación e a continuidade asistencial.
2. Os/as profesionais que necesiten cubrir ou consultar a historia clínica
electrónica dun/dunha paciente ou usuario/a utilizarán IANUS como principal
ferramenta de traballo, sen prexuízo de que determinados departamentos, pola
súas especiais necesidades, utilicen ferramentas informáticas específicas,
sempre que figuren incluídas no catálogo corporativo de aplicacións e sistemas
informáticos da Consellería de Sanidade e deberán estar integradas co sistema
de información IANUS, desde onde será posible consultar a información clínica
xerada por estas.
Artigo 5º.-Comunicación de datos persoais.
1. Os datos de saúde, en canto datos especialmente protexidos, poderán tratarse
e cederse nos termos previstos nos artigos 7, 8 e 11 da Lei orgánica 15/1999,
do 13 de decembro, e o regulamento que a desenvolve.
2. En particular, non será necesario o consentimento da persoa interesada para
a comunicación de datos persoais sobre a saúde a través de medios electrónicos,
entre organismos, centros, servizos e establecementos da Consellería de
Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e o sistema nacional de saúde, cando se
realice para levar a cabo a atención sanitaria das persoas, tanto se se realiza
con medios propios ou concertados.
Artigo 6º.-Intimidade e segredo.
En todos os casos quedará plenamente garantido o dereito do/a paciente ou
usuario/a á súa intimidade persoal e familiar, polo que o persoal que acceda a
calquera dato sobre a súa saúde gardará o correspondente segredo profesional.
Artigo 7º.-Control do acceso.
1. Os/as profesionais poderán consultar a información contida na historia
clínica electrónica no exercicio das funcións e competencias que teñan
recoñecidas.
2. O sistema IANUS identificará de forma inequívoca e personalizada todo profesional
que intente acceder á información contida na historia clínica electrónica
dun/dunha paciente ou usuario/a, e verificará a súa autorización.
3. Estableceranse as medidas técnicas e operativas de control dos accesos
dos/as profesionais á información contida na historia clínica electrónica, na
forma que resulte máis axeitada ás súas circunstancias organizativas. Por
defecto, este acceso realizarase mediante o uso da tarxeta identificativa do
profesional e a súa sinatura electrónica recoñecida.
4. De cada intento de acceso ao sistema IANUS gardaranse, como mínimo, a
identificación do/a profesional de que se trate, a data e a hora en que se
realizou, a parte da historia clínica electrónica a que se accedeu e o tipo de
acceso. Se o acceso ao sistema IANUS é denegado por non cumprirse os criterios
de acceso, esta denegación quedará tamén rexistrada.
Capítulo II
Dos diferentes accesos polos/as profesionais relacionados/as co sistema
sanitario público de Galicia e dos módulos de especial custodia
Artigo 8º.-Acceso á historia clínica electrónica polos profesionais sanitarios.
Os/as profesionais sanitarios teñen acceso á información contida na historia
clínica electrónica, como instrumento fundamental para a axeitada asistencia
sanitaria ao/á paciente ou usuario/a. O sistema IANUS habilitará o acceso á
información contida na historia clínica electrónica dun/dunha paciente ou
usuario/a polos/as profesionais sanitarios que interveñan na súa asistencia
directa nos distintos niveis de prestación.
Artigo 9º.-Acceso polo persoal de xestión e servizos.
O sistema IANUS permitirá o acceso á información contida na historia clínica
electrónica ao persoal de xestión e servizos. O acceso mencionado estará
restrinxido aos datos imprescindibles para o exercicio das súas funcións en
relación co seu posto de traballo, e respectará o dereito á intimidade persoal
e familiar dos/as pacientes ou usuario/as.
Artigo 10º.-Acceso por profesionais sanitarios de centros, servizos e
establecementos concertados para a prestación de servizos.
Permitirase o acceso á información contida na historia clínica electrónica
aos/ás profesionais sanitarios que traballen para as persoas físicas ou
xurídicas que presten servizos concertados en hospitais ou outros centros
sanitarios do Servizo Galego de Saúde, coa acreditación previa do cumprimento
das exixencias contidas na normativa de protección de datos persoais. Este
acceso estará limitado ás historias clínicas dos/as pacientes ou usuario/as que
os centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde remitan aos centros
concertados e no marco temporal que dure esa atención.
Estes centros concertados incorporarán á historia clínica electrónica a
documentación clínica xerada pola asistencia sanitaria prestada.
Artigo 11º.-Acceso para fins estatísticos ou epidemiolóxicos, de investigación
e docencia, publicacións científicas e estudos.
1. O acceso á información contida na historia clínica electrónica con fins
epidemiolóxicos, de saúde pública, de investigación ou de docencia réxese polo
disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de
carácter persoal, na Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, e demais
normas de aplicación en cada caso, entre outras, a Lei 12/1989, do 9 de maio,
da función estatística pública, a Lei 13/1986, do 14 de abril, de investigación
científica e tecnolóxica e a Lei 14/2007, do 3 de xullo, de investigación
biomédica.
O acceso á información contida na historia clínica electrónica con estes fins
obriga a preservar os datos de identificación persoal do paciente ou usuario/a,
separados dos de carácter clínico-asistencial, de maneira que, como regra
xeral, quede asegurado o anonimato, agás que o/a propio/a paciente ou usuario/a
dese o seu consentimento para non separalos, ou ben existan criterios técnicos
e/ou científicos que requiran a identificación da persoa para efectos
epidemiolóxicos e de saúde pública. O acceso aos datos e documentos da historia
clínica electrónica queda limitado estritamente aos fins específicos en cada
caso.
2. O acceso á información contida na historia clínica electrónica con fins de
investigación levarase a cabo unicamente para proxectos de investigación que
sexan cientificamente aprobados. Esta aprobación será efectuada pola Comisión
de Ética de Investigación correspondente, coa autorización previa do órgano da
Consellería de Sanidade competente en materia de investigación e a proposta da
dirección do centro a que pertence o/a investigador/a principal do proxecto.
3. Co obxecto de garantir a confidencialidade da información clínica, para os
efectos da súa difusión ou publicación teranse en conta necesariamente as
seguintes normas:
a) Non se difundirán aqueles datos que permitan a identificación do/a paciente
ou usuario/a.
b) Cando sexa absolutamente necesario identificar o/a paciente ou usuario/a,
será preceptiva a autorización por escrito del.
c) A difusión ou publicación de resultados seguirá en todo caso as normas e
suxestións relativas á boa práctica en investigación.
d) Cando sexa necesaria a publicación de imaxes médicas ou calquera outro
soporte audiovisual que amosen partes do corpo do/a paciente ou usuario/a, e
delas se puidese chegar a coñecer a súa identidade, será obrigatorio o permiso
escrito del.
4. O acceso á historia clínica electrónica dos/as médicos internos residentes
ou alumnos/as de grao de titulacións sanitarias, adscritos en período de
formación regrada a un centro do sistema sanitario público galego, con
finalidade docente, requirirá a autorización da dirección do centro sanitario
por proposta motivada da persoa titor responsable da súa formación.
Artigo 12º.-Acceso para efectos das actividades de inspección, avaliación,
acreditación e planificación sanitaria.
O sistema IANUS permitirá o acceso á información contida na historia clínica
electrónica ao persoal debidamente acreditado que exerza funcións de
inspección, avaliación, acreditación e planificación sanitaria, na medida en
que o precise para o cumprimento das súas funcións de comprobación da calidade
da asistencia, do respecto dos dereitos do/a paciente ou de calquera outra
obriga do centro en relación cos/coas pacientes e usuarios/as ou a propia
Administración sanitaria. O acceso mencionado terá o alcance do labor
encomendado pola autoridade competente, e respectará o dereito á intimidade
persoal e familiar dos/as pacientes ou usuarios/as.
O acceso á información contida na historia clínica electrónica con fins de
avaliación, acreditación e planificación sanitaria obriga a preservar os datos
de identificación persoal do/a paciente ou usuario/a, separados dos de carácter
clínico-asistencial, de maneira que como regra xeral quede asegurado o
anonimato, agás que o/a propio/a paciente ou usuario/a dese o seu consentimento
para non separalos.
Artigo 13º.-Acceso á historia clínica electrónica a requirimento xudicial.
Establécese a plena colaboración coa Administración de xustiza, de xeito que o
sistema IANUS facilitará sempre o acceso á información contida na historia
clínica electrónica do/a paciente ou usuario/a para a investigación xudicial.
Cando a autoridade xudicial o considere imprescindible e así o solicite,
facilitarase a información completa da historia clínica electrónica coa
unificación dos datos identificativos e os clínico-asistenciais. No resto dos
supostos, a información quedará limitada estritamente para os fins específicos
de cada caso.
Artigo 14º.-Acceso á historia clínica electrónica para os efectos de
responsabilidade patrimonial.
Nos supostos de procedementos administrativos de exixencia de responsabilidade
patrimonial sobre a asistencia sanitaria permitirase que os órganos competentes
para a súa tramitación e resolución teñan acceso á información contida na
historia clínica electrónica, limitado estritamente para os fins específicos de
cada caso.
Artigo 15º.-Acceso á historia clínica electrónica para os efectos de
facturación de servizos sanitarios.
Ás compañías de aseguramento privado só se lles facilitarán aqueles datos da
historia clínica electrónica imprescindibles para os efectos de facturación,
coa finalidade da xustificación do gasto. Calquera outra información clínica
solicitada pola compañía aseguradora requirirá o consentimento expreso do/a
paciente.
Artigo 16º.-Módulos de especial custodia.
A través do sistema IANUS estableceranse progresivamente mecanismos que
permitan ao/á paciente ou usuario/a determinar un módulo ou módulos de
información clínica que poidan conter aqueles datos considerados de especial
custodia ou intimidade nas áreas de xenética, sexualidade e reprodución, psiquiatría,
transplante de órganos, enfermidades infecciosas que poidan prexudicar a súa
vida social ou laboral, así coma datos relativos á violencia doméstica.
Artigo 17º.-Control do acceso aos módulos de especial custodia.
Os/as profesionais que, de acordo coas súas funcións, precisen acceder aos
datos de módulos de especial custodia, serán advertidos polo sistema IANUS
desta circunstancia, co fin de que indiquen o motivo do acceso, extremen a
cautela no seu manexo e que incorporen dentro dos módulos correspondentes os
novos datos que se poidan xerar.
No rexistro de accesos quedarán singularizados os correspondentes aos datos de
especial custodia, o que permitirá realizar auditorías específicas.
Artigo 18º.-Acceso de carácter excepcional.
O acceso fóra dos supostos recollidos neste capítulo terá carácter excepcional
e terá que responder a un interese lexítimo susceptible de protección e estar
convenientemente motivado.
Capítulo III
Do acceso polos/as pacientes ou usuarios/as
Artigo 19º.-Dereito de acceso aos datos da historia clínica electrónica.
1. O dereito de acceso á información contida na historia clínica electrónica
poderá exercelo:
a) O/a paciente ou usuario/a, mediante a acreditación da súa identidade.
b) Mediante representación voluntaria, debidamente acreditada, ou legal, nos
casos que corresponda.
c) A través das persoas vencelladas ao/á paciente ou usuario/a por razóns
familiares ou de feito, mediante a acreditación deste vínculo, na medida en que
o/a paciente ou usuario/a o autorice.
d) Por un terceiro, motivado por un risco obxectivo para a súa saúde, coa
acreditación previa daquel risco conforme criterios médico-científicos.
2. No caso de pacientes ou usuarios/as falecidos, o sistema público de saúde de
Galicia facilitará o acceso á información contida na súa historia clínica
electrónica ás persoas vencelladas a eles, por razóns familiares ou de feito,
agás que o/a falecido/a o prohibise expresamente e así se acredite.
Artigo 20º.-Extensión do dereito de acceso aos datos.
O/a paciente ou usuario/a ten dereito de acceso á información contida na
historia clínica electrónica e a obter copia dos informes ou datos que figuran
nela, podéndoo levar a cabo mediante calquera medio que estea conforme coa
normativa aplicable.
Artigo 21º.-Límites.
1. Non se facilitará información que afecte a intimidade dos/as pacientes
falecidos/as, nin ás anotacións subxectivas dos/as profesionais, nin que
prexudique a terceiros.
O dereito ao acceso do/a paciente ou usuario/a á información contida na historia
clínica electrónica non pode exercer en prexuízo do dereito de terceiras
persoas á confidencialidade dos datos que constan nela, recollidos en interese
terapéutico do/a paciente, nin en prexuízo do dereito dos/as profesionais
participantes na súa elaboración, os cales poden opoñer ao dereito de acceso a
reserva das súas anotacións subxectivas.
Para os efectos do disposto no parágrafo anterior enténdese por anotacións
subxectivas as valoracións persoais, sustentadas ou non nos datos clínicos de
que se dispoña nese momento, que non formando parte da historia clínica actual
do/a paciente ou usuario/a, poidan influír no diagnóstico e futuro tratamento
médico unha vez constatadas.
O persoal sanitario deberá absterse de incluír expresións, comentarios ou datos
que non teñan relación coa asistencia sanitaria do/a paciente ou que carezan de
valor sanitario.
2. Tamén pode limitarse o acceso do/a paciente ou usuario/a á información
sanitaria cando se acredite a existencia dun estado de necesidade terapéutica.
3. En todo caso, o acceso dunha terceira persoa á historia clínica electrónica
motivado por un risco para a súa saúde limitarase aos datos pertinentes.
Artigo 22º.-Acceso directo á historia clínica electrónica por medios
electrónicos (internet).
A través do sistema IANUS habilitaranse os mecanismos que permitan o acceso
directo do/a paciente ou usuario/a, por medios electrónicos, á información
contida na súa historia clínica electrónica que autorice a lei, garantindo que
a transmisión dos seus datos non sexa intelixible nin manipulada por terceiras
persoas, e con aplicación das medidas de seguridade previstas na normativa de
protección de datos persoais para os datos de saúde. O exercicio deste acceso
deberá realizarse logo da comprobación polo sistema IANUS da identidade do/a
interesado/a a través da súa sinatura electrónica, ou mediante outro mecanismo
semellante que permita comprobala con plena seguridade.
Artigo 23º.-Formas de exercicio do dereito de acceso á información contida na
historia clínica electrónica.
1. O exercicio deste dereito pódese levar a cabo de dúas formas:
a) Mediante acceso directo polo/a paciente ou usuario/a a través de medios
electrónicos de acordo coa Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico
dos/as cidadáns aos servizos públicos.
b) Mediante solicitude previa dirixida ás unidades de atención ao/á paciente do
sistema sanitario público de Galicia.
2. En todo caso, o/a responsable do ficheiro, conforme a Lei orgánica 15/1999,
informará o/a afectado/a do seu dereito a solicitar a tutela da Axencia
Española de Protección de Datos ou, de ser o caso, das autoridades de control
das comunidades autónomas, conforme o disposto no artigo 18 da Lei orgánica
15/1999, do 13 de decembro.
Artigo 24º.-Acceso á información contida na historia clínica electrónica
mediante solicitude.
1. O exercicio deste dereito de acceso axustarase á normativa aplicable en
materia de fomento da utilización dos medios electrónicos, e levarase a cabo
mediante solicitude de conformidade co previsto no anexo deste decreto.
2. A persoa responsable do tratamento do ficheiro de historia clínica
electrónica, conforme a Lei orgánica 15/1999, deberá contestar a solicitude que
se lle dirixa, en todo caso, con independencia de que figuren ou non datos
persoais do afectado nos seus ficheiros e resolverá sobre ela no prazo máximo
dun mes contado desde a recepción da solicitude. Transcorrido o prazo sen que
de xeito expreso se responda á petición de acceso, o/a interesado/a poderá
interpor a reclamación prevista no artigo 18 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de
decembro.
Poderá denegarse o acceso total ou parcial aos datos de carácter persoal cando
o dereito xa se exerceu nos doce meses anteriores á solicitude, salvo que se
acredite un interese lexítimo para o efecto.
3. Corresponderá ao responsable do tratamento do ficheiro a proba do
cumprimento do deber de resposta, debendo conservar a acreditación do
cumprimento do mencionado deber.
Disposicións transitorias
Primeira.-Acceso á historia clínica en soporte papel.
A historia clínica en soporte papel coexistirá coa historia clínica electrónica
mentres non se produza a dixitalización do sistema de documentación clínica
actualmente existente.
Segunda.-Módulos de especial custodia e acceso vía internet.
No prazo máximo dun ano desde a entrada en vigor deste decreto habilitaranse os
mecanismos necesarios para o cumprimento do disposto no artigo 16 e no artigo
22 relativos aos módulos de especial custodia e ao acceso á historia clínica
electrónica vía internet, respectivamente.
Disposición derrogatoria
Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan a
este decreto.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase a persoa titular da Consellería de Sanidade para ditar as
disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste
decreto.
Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no
Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, cinco de febreiro de dous mil nove.
Emilio Pérez Touriño
Presidente
María José Rubio Vidal
Conselleira de Sanidade
Ver referencia pdf "03400D001P008.PDF"
b) NOMEAMENTOS CONSELLERÍA DE SANIDADE