FV-2010-006-01

COMUNICACIÓN SOBRE RISCOS DE MEDICAMENTOS PARA PROFESIONAIS SANITARIOS

NOTA INFORMATIVA

 

KETOPROFENO E DEXKETOPROFENO DE ADMINISTRACIÓN TÓPICA E         REACCIÓNS DE FOTOSENSIBILIDADE

 

 

Esta Subdirección Xeral de Farmacia comunícalle o seguinte, segundo nos comunica a  Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios do Ministerio de Sanidade e Política Social:

Con obxecto de previr posibles reaccións de fotosensibilidade asociadas ao uso de ketoprofeno ou dexketoprofeno tópicos, recoméndase:

 

-          Valorar detalladamente en cada paciente os antecedentes de reaccións fotoalérxicas relacionadas co uso destes antiinflamatorios tópicos.

 

-          Recomendar aos pacientes que eviten a exposición á luz solar directa ou aos raios ultravioleta, durante o tratamento e até dúas semanas despois de finalizalo. A zona tratada debe estar cuberta coa roupa adecuada, mesmo en días nubrados.

 

 

Ketoprofeno tópico (Arcental® crema, Extraplus® xel, Fastum® xel, Orudis® xel) e dexketoprofeno tópico (Enangel®, Ketesgel®, Quirgel®) están autorizados en España para o tratamento de afeccións dolorosas, floxísticas ou traumáticas, das articulacións, tendóns, ligamentos e músculos. Ambos son antiinflamatorios non esteroideos con estrutura aril-propiónica.  Ketoprofeno é unha mestura racémica dos enantiómeros R e S, dexketoprofeno é o enantiómero farmacolóxicamente activo de ketoprofeno (enantiómero S).

 

A Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS) informa os profesionais sanitarios sobre a revisión actualmente en curso (procedemento europeo de arbitraxe), do balance beneficio-risco de ketoprofeno de administración tópica en relación coas reaccións de fotosensibilidade. As mesmas consideracións son de aplicación para dexketoprofeno de administración tópica.

 

En tanto finaliza esta avaliación, da que se derivarán medidas reguladoras e preventivas, e tendo en conta as recomendacións do Comité de Seguridade de Medicamentos de Uso Humano (CSMH), a AEMPS, con obxecto de previr no posible a aparición de reaccións de fotosensibilidade, recomenda aos profesionais sanitarios o seguinte:

 

-           Valorar detalladamente no paciente os antecedentes de reaccións de fotosensibilidade a ketoprofeno ou dexketoprofeno tópico ou a outros produtos (por exemplo: cosméticos) que puidesen facer sospeitar a susceptibilidade do paciente a este tipo de reaccións, evitando o uso destes AINE tópicos nestes pacientes.

 

 

-       Non superar os 7 días de tratamento continuado con ketoprofeno ou dexketoprofeno tópicos.

 

 

-          Lembrar ao paciente as medidas preventivas básicas para previr no posible as reaccións fotoalérxicas:

 

·         Evitar a exposición á luz solar directa ou a raios ultravioleta durante o tratamento e até dúas semanas despois de finalizado, aínda no caso de aplicarse protectores solares. A zona tratada debe estar cuberta coa roupa adecuada, mesmo en días nubrados.

·         Realizar un lavado de mans coidadoso despois da aplicación do medicamento con obxecto de evitar a súa extensión a outras áreas en contacto coas mans.

 

·         Non utilizar roupas axustadas ou vendaxes oclusivos na zona de aplicación.

 

 

·         Interromper o tratamento no caso de aparición de calquera erupción cutánea na zona de aplicación.

 

 

As reaccións de fotosensibilidade e en particular as fotoalérxicas son un tipo de reacción adversa coñecida para ketoprofeno e descríbense na ficha técnica dos medicamentos que o conteñen. A diferenza das fototóxicas, as reaccións fotoalérxicas están mediadas por un mecanismo inmunolóxico e non dependen esencialmente da dose administrada, por tanto son dificiles de prever agás que exista un antecedente no paciente. En xeral, as reaccións fotoalérxicas preséntanse como eczema vesiculo-bulloso na zona de aplicación, aínda que se deron algúns casos de extensión a outras zonas.

 

A experiencia poscomercialización indica que as reaccións fotoalérxicas constitúen unha proporción importante de reaccións adversas notificadas para ketoprofeno e parecen máis frecuentes que con outros AINE tópicos.  Descoñécese a incidencia desta reacción adversa con ketoprofeno ou dexketoprofeno tópicos xa que non se dispón de estudos específicos que permitan estimala; no entanto, parece que a súa frecuencia de aparición é baixa.

 

Pódense presentar reaccións cruzadas con algúns protectores solares, fenofibrato e outros produtos que inclúen a benzofenona na súa estrutura química. Adicionalmente, pódese presentar reacción fotoalérxica cruzada de dexketoprofeno con ketoprofeno ou con outros AINE arilpropiónicos  administrados por vía tópica.

 

Por estes motivos e seguindo as recomendacións do CSMH, a AEMPS actualizou a ficha técnica e o prospecto dos medicamentos tópicos con ketoprofeno e incluíuse nos envases destes medicamentos un pictograma de advertencia sobre fotosensibilidade.

 

Posteriormente, en decembro de 2009, iniciouse o procedemento de arbitraxe europea antes mencionado, con obxecto de avaliar toda a información de seguridade dispoñible a este respecto e estimar se o balance beneficio-risco de ketoprofeno de administración tópica mantense favorable. Esta avaliación está actualmente en curso e estase levando a cabo polas axencias nacionais de medicamentos no Comité de Medicamentos de Uso Humano (CHMP) da Axencia Europea de Medicamentos (EMA).

 

A AEMPS está a actualizar as fichas técnicas e prospectos de dexketoprofeno tópico e informará do resultado do procedemento de arbitraxe actualmente en marcha, unha vez que este remate.

 

Finalmente lémbrase a importancia de notificar todas as sospeitas de reaccións adversas ao Centro Autonómico de Farmacovixilancia correspondente.

 

 

 

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2010

 

 

 

A Subdirectora Xeral de Farmacia

 

 

 

Carolina González-Criado Mateo

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

INFORMACIÓN PARA OS PACIENTES SOBRE SEGURIDADE DOS MEDICAMENTOS

 

 

REACCIÓNS ALÉRXICAS POR ANTIINFLAMATORIOS TÓPICOS QUE CONTEÑEN

KETOPROFENO E DEXKETOPROFENO DESPOIS DA EXPOSICIÓN Á LUZ SOLAR.

 

 

Con obxecto de previr posibles reaccións de fotosensibilidad asociadas ao uso de ketoprofeno ou dexketoprofeno tópicos, recoméndase:

 

 

                - Evitar a exposición á luz solar directa ou aos raios ultravioleta, durante o tratamento e até dúas                       semanas despois de finalizar o mesmo. A zona tratada debe estar cuberta coa roupa adecuada, mesmo            en días nubrados.

 

 

                - Suspender o tratamento no caso de aparición de calquera alteración da pel sobre a zona de aplicación           do medicamento.

 

 

Ketoprofeno e dexketoprofeno tópicos son dous antiinflamatorios indicados para o tratamento da dor e a inflamación das articulacións, tendóns, ligamentos e músculos (escordaduras, tendinites, inflamación de articulacións, dor lumbar). Atópanse dispoñibles en España en forma de crema ou xel cos seguintes nomes comerciais:

 

§  Ketoprofeno tópico: Arcental® crema, Extraplus® xel, Fastum® xel, Orudis® xel

§  Dexketoprofeno tópico: Enangel®, Ketesgel®, Quirgel®

 

Tras a aplicación destes medicamentos, se o paciente exponse ao sol ou aos raios ultravioleta, pódense presentar reaccións fotoalérxicas, producíndose alteracións na zona onde se aplica o medicamento, xeralmente en forma de dermatitis ou eczema.

 

A Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS), con obxecto de previr as reaccións fotoalérxicas que poden aparecer durante o uso destes medicamentos, recomenda aos pacientes:

 

§  Informar o seu médico se presentaron alerxias previas a estes medicamentos ou a outros produtos de aplicación sobre a pel.

 

§  Dadas as indicacións destes medicamentos, o tratamento continuado non debe prolongarse máis de sete días.

 

§  Suspender o tratamento e acudir ao médico no caso de aparición de calquera alteración da pel sobre a zona de aplicación do medicamento.

 

§  Evitar a exposición á luz solar directa ou aos raios ultravioleta durante o tratamento e até dúas semanas despois de finalizar o mesmo. A zona tratada debe estar cuberta coa roupa adecuada, mesmo en días nubrados.

 

§  Realizar un lavado de mans coidadoso despois da aplicación do medicamento con obxecto de evitar a súa extensión a outras áreas en contacto coas mans.

 

§  Non utilizar roupas axustadas ou vendajes oclusivos na zona de aplicación.

 

Aínda que non se dispón de estudos específicos que comparen directamente distintos antiinflamatorios de administración tópica, os datos dispoñibles indican que este tipo de efectos adversos parecen máis frecuentes con ketoprofeno e dexketoprofeno que con outros antiinflamatorios administrados en crema ou xel.

 

A aparición deste tipo de efecto adverso é pouco frecuente, pero é importante previr a súa aparición, xa que se deron algúns casos graves nas que as alteracións na pel foron máis extensas ou máis severas. Ademais, esta reacción pode ocasionar unha sensibilización para sufrila tamén con outros produtos cunha estrutura química parecida, como poden ser algúns protectores solares ou outros medicamentos.

 

As reaccións fotoalérxicas prodúcense por un mecanismo inmunolóxico, resultando nunha resposta esaxerada das defensas do organismo ante unha substancia activada pola luz solar. A súa aparición non depende da dose do medicamento aplicada e o uso de cremas de protección solar non é útil para previlas.

 

Por este motivo, a AEMPS actualizou o prospecto dos medicamentos que conteñen ketoprofeno en crema ou xel (Arcental® crema, Extraplus® xel, Fastum® xel, Orudis® xel), incluíndose neles advertencias sobre as reaccións de fotosensibilidade e un pictograma de aviso no envase destes medicamentos. Actualmente, a AEMPS está a revisar os prospectos dos medicamentos que conteñen dexketoprofeno en forma de xel (Enangel®, Ketesgel®, Quirgel®).

 

 

 

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2010

 

A Subdirectora Xeral de Farmacia

 

 

 

Carolina González-Criado Mateo