Consellos para pacientes con sonda urinaria

A sonda urinaria é un catéter ou tubo de material flexible que se introduce ata a vexiga para recolle-la urina. Utilízase tanto en homes coma en mulleres e desta forma conséguese aliviar ou elimina-la retención de urina, xa sexa de forma temporal ou permanentemente.

Ademais pode ter outras funcións como controla-la cantidade de urina eliminada por un paciente ou irrigar ou lava-la vexiga. Existen sondas urinarias de diferentes tamaños, tipos e materiais (látex, silicona, Teflón).

O colector urinario é a bolsa conectada á sonda que recolle a urina. Existen dous tipos de bolsas colectoras: “a bolsa de perna”, máis pequena, que xeralmente se usa durante o día e se suxeita á perna mediante bandas elásticas baixo os pantalóns ou saias. O outro tipo de bolsa é máis grande, cólgase da cama e adoita utilizarse durante a noite ou mesmo todo o día en pacientes encamados.

A complicación máis frecuente é a infección urinaria.

As medidas hixiénicas e consellos que figuran a continuación son fundamentais para facilita-lo fluxo de urina a través da sonda e previ-las infeccións:

- Lavado diario da zona xenital con auga e xabón. Nas mulleres esta limpeza debe realizarse dende a uretra (por onde a sonda sae do corpo) cara ó ano, seguindo sempre a mesma dirección: de diante cara a atrás. A hixiene é fundamental para evitar infeccións e ademais do lavado diario, debe asearse minuciosamente a zona despois de cada evacuación intestinal.

- Beber abundantes líquidos: auga, zumes, caldo, macela, etc. Aconséllase ó redor de 2 litros ó día, para aumenta-lo volume de urina e evita-la formación de residuos que taponen a sonda.

- Manter sempre a bolsa a un nivel máis baixo que a vexiga, para evitar que a urina circule en sentido contrario, retroceda e provoque infeccións. Nunca debe pasarse por enriba do corpo do paciente, cando estea deitado.

- Cambiar ou baleira-la bolsa con regularidade e facelo sempre antes de que se encha por completo
, para evitar que a urina reborde e regrese cara á vexiga.

hixiene


-
A válvula de saída da sonda (punta do tubo) non debe contaminarse, convén non a tocar e é preciso lava-las mans antes e despois de manexar, baleirar ou cambia-la bolsa. Cando se deba baleira-la bolsa farase sempre pola espita ou orificio de baleirado e non se desconectará a sonda da bolsa innecesariamente.

- Nos momentos nos que o paciente non leve bolsa
, deberá baleira-la vexiga aproximadamente cada 2 horas desconectando o tapón e coas mesmas precaucións para evitar que se contamine.

- Comprobar que a sonda non estea obstruída:
nin dobrada, nin enrolada, nin taponada por sangue ou moco.

- Convén fixa-la sonda á coxa con esparadrapo evitando que estea tensa para previr tiróns e lesións.


¿Que se debe vixiar especialmente?


- Urina espesa, turbia e con mal olor.

-
Febre

-
Inflamación da zona arredor da entrada da sonda

-
Sangrado dentro ou arredor da sonda

-
Se se recolle pouca ou ningunha urina a pesar de bebe-la cantidade adecuada de líquidos.

-
Fuga de gran cantidade de urina arredor da sonda



O RECAMBIO DA SONDA ANTES DO PRECISO RESULTA INÚTIL E INCÓMODO PARA O PACIENTE, E POR SI SÓ NON CONSEGUE DIMINUÍ-LAS INFECCIÓNS SE NON VAI ACOMPAÑADO DOS DEMAIS COIDADOS NECESARIOS.


ESTAS MEDIDAS SON RECOMENDACIÓNS XERAIS.
O PERSOAL MÉDICO E DE ENFERMERÍA ADAPTARAAS A CADA PACIENTE CONCRETO. CONSÚLTEOS E SIGA OS SEUS CONSELLOS.

O seu navegador non e capaz de executar o obxecto activeX que imprime a pantalla.