Recomendacións para pacientes anticoagulados

Certas condicións e enfermidades aumentan a tendencia do sangue a coagularse e a formar trombos que taponan e obstrúen os vasos sanguíneos. Para estes casos o obxectivo dos anticoagulantes orais é previ-la trombose e a embolia, ó facer que o sangue tarde máis tempo en coagular. Cando o tempo que tarda o sangue en coagular se alonga demasiado hai perigo de hemorraxia, e pola contra se é demasiado curto, o efecto protector é escaso e hai risco de que se formen trombos.

As análises de control son a única forma de coñece-la dose que precisa cada paciente. Non se pode calcular por idade nin peso senón que cada persoa necesita unha dose diferente, que ademais pode non ser sempre a mesma. Por iso é indispensable realizar probas de anticoagulación periódicas, coa frecuencia que lle indique o seu médico, para determina-la cantidade de medicamento que necesita. Ademais certos hábitos, situacións e enfermidades, moitos medicamentos e algúns alimentos alteran o efecto do anticoagulante.

Segui-las seguintes normas e consellos axudará a conseguir un axeitado control do tratamento e a evitar complicacións:

- Asegúrese de que a marca e a dose por comprimido son as mesmas que lle indicou o seu médico.

- Tome a dose exacta que o seu médico lle paute para cada día e nunca cambie as doses pola súa conta sen consultalo.

- Tome sempre o anticoagulante á mesma hora, desta forma evitará esquecementos. En caso de que se entregue unha folla en forma de calendario coa dose diaria: risque a dose para cada día inmediatamente despois de tomala. Así seralle máis doado leva-lo control das tomas.

- Se algún día esquece toma-la dose á hora acostumada pero dáse conta ó longo dese mesmo día tómea o antes posible. Pero se non se acorda ata o día seguinte, manteña a dose que lle toca, é dicir: non varíe pola súa conta nin tome o dobre, pero informe o seu médico do esquecemento.

- Trate de non quedar sen o medicamento. Convén ter na casa a cantidade suficiente para uns cantos días.

- Moitos medicamentos (incluídos os que se adquiren sen receita médica e os productos de herbolario) interfiren co tratamento anticoagulante. Nunca se automedique e advirta sempre da súa condición de paciente anticoagulado.

- O ácido acetil-salicílico (Aspirina®, Adiro®,Tromalyt®, A.A-A.S-A®, etc), os seus derivados (Solusprin®, Disgren®, etc) e os medicamentos que o conteñen (moitos preparados antigripais) aumentan o efecto dos anticoagulantes e o risco de sangrado e o mesmo acontece con moitos antiinflamatorios. O paracetamol (Termalgin®, Gelocatil®, Febrectal®, Efferalgan®, etc) adoita ser unha alternativa para a febre ou dor.

- En calquera caso nunca debe tomar un medicamento novo nin interromper un tratamento sen consultar previamente e deben evitarse as inxeccións intramusculares.

- Antes dunha extracción dentaria ou dunha intervención cirúrxica, acuda ó médico responsable do seu control; se se realiza de urxencia advirta o dentista ou o cirurxián. En caso de accidente, golpes e feridas tamén se deberá informar de que está anticoagulado.

- A alimentación debe ser equilibrada e variada pero regular, sen cambios bruscos. Evite basea-la dieta durante días seguidos nun mesmo tipo de alimento, sobre todo verduras de follas verdes e especialmente grelos e nabizas. Estes alimentos en exceso interfiren coa medicación, e aínda que non están prohibidos deberá toma-la mesma cantidade de verduras tódolos días evitando os cambios repentinos. O seu médico deberá estar informado de calquera cambio, réxime ou dieta (por exemplo de adelgazamento).

- Non abuse de bebidas alcohólicas, porque poden alterar seriamente o control.

- Non falte ó control o día e á hora que lle indiquen. En xeral poderá almorzar antes do control, salvo que ó mesmo tempo se realice outro tipo de análise.

- Se sangra por enxivas, nariz, coa urina, coas deposicións ou estas son mouras ou aparecen hematomas espontaneamente, deberá comunicarllo ó médico responsable do seu control. Pero se o sangrado é importante (abundante) deberá ser valorado de forma urxente.

- A aparición de dor de cabeza intensa e de inicio brusco ou a aparición repentina de dificultade para a fala, perda de forza ou trastornos da visión requiren tamén valoración médica inmediata.

- Consulte se aparecen diarreas, vómitos, perda de forza e de apetito ou ictericia (pel e mucosas amarelentos).

- Durante o tratamento con anticoagulantes orais desaconséllase o embarazo polo risco, para o feto, de malformacións e hemorraxias e porque aumenta o risco de trombose para a nai. Se sospeita que pode estar embarazada deberá poñerse en contacto de inmediato co seu médico.


FAGA UNHA VIDA NORMAL, O MÁIS REGULAR E ORDENADA POSIBLE, SEN CAMBIOS BRUSCOS DE HÁBITOS. NON CAMBIE NUNCA A DOSE NIN TOME MEDICAMENTOS POLA SÚA CONTA. SE SE PRODUCE CALQUERA DESTAS CIRCUNSTANCIAS O SEU MÉDICO DEBE SABELO.

ESTAS MEDIDAS SON RECOMENDACIÓNS XERAIS. NON DUBIDE EN CONSULTAR CO SEU MÉDICO. EL PODERÁ MODIFICALAS E AXUSTALAS ÁS SÚAS CONDICIÓNS CONCRETAS.

O seu navegador non e capaz de executar o obxecto activeX que imprime a pantalla.