O monóxido de carbono (fórmula química = CO) é un gas que non se pode
ver nin oler. Este gas CO, prodúcese cando se queiman combustibles orgánicos:
gas butano ou propano, gasolina, queroseno, gasóleo, carbón, petróleo ou
madeira. As chimeneas, as caldeiras, os automóbiles ou calquera outro motor non
eléctrico, e tódolos aparellos domésticos que queiman combustible, como
quentadores de auga a gas, estufas, fogóns ou fornos de cociña de gas, e tamén
os braseiros de leña, consumen osíxeno e producen monóxido de carbono. Nun
espacio pechado e sen ventilación, cada vez haberá menos osíxeno e máis gas CO.
Nos aparellos a gas, o consumo de osíxeno e a producción de monóxido de
carbono, increméntanse perigosamente cando estes queiman mal por falla dun
mantemento adecuado. Nestes casos, a lapa do queimador faise cada vez máis
amarela e menos azul, e pódese ve-lo charrizo no queimador.
Nunha habitación con escasa ou ningunha aireación, donde un aparello
queima combustible, aumenta rapidamente a concentración de gas CO no aire, xa
que a escaseza de osíxeno deste aire, provoca aínda máis producción de monóxido
de carbono polo queimador do aparello, e ademais, unha vez producido non pode
saír ó aire libre. Cando as persoas respiran o aire deste ambiente, o risco de
intoxicación por monóxido de carbono chega ó seu punto máximo. Esta é a
circunstancia máis perigosa.
Se se respira en cantidade elevada, o gas CO pode causa-la morte por
intoxicación en poucos minutos. Nos pulmóns, este gas pasa ós glóbulos roxos,
ocupando alí o lugar do osíxeno que estes levan ás células de todo o organismo.
A consecuencia é a asfixia destas células por falla do osíxeno necesario,
impedíndose que poidan realiza-las súas funcións.
As mulleres embarazadas, os bebés, e os nenos e nenas pequenos, as
persoas maiores e as que padecen de anemia, problemas do corazón ou
respiratorios, son aínda máis sensibles á presencia de monóxido de carbono no
aire que respiran.
Os
servicios de urxencias médicas de Galicia atenden, cada ano, máis dun cento de
alarmas por posibles intoxicacións debidas ó monóxido de carbono, das que se
confirman unha cuarta parte delas, e das que resultan unha media anual de 3
mortes por esta causa, que serían sinxelamente evitables.
O estudio epidemiolóxico dos casos
de intoxicación ocorridos nos últimos anos, detecta como factores de risco máis
importantes, os seguintes:
·
A derivación anormal da saída de gases de combustión, cara
outra habitación ou vivenda, ou a obstrucción desta saída por mala instalación,
suciedade e descuido.
·
A presencia na habitación dun braseiro tradicional de leña.
·
O quentador de
auga con queimadores en mal estado de mantemento, foi o electrodoméstico máis
frecuentemente implicado.
Os síntomas son moi inespecíficos e similares ós de enfermidades comúns,
como a gripe ou as intoxicacións por alimentos en mal estado.
·
A baixas concentracións
no aire respirado, o gas CO pode causar falta de alento, náuseas e mareos
lixeiros.
·
Ó incrementa-la súa
concentración no aire que se respira, causa dores de cabeza, mareos e náuseas
intensas, confusión mental progresiva e desvanecemento, chegando a causa-la
morte cando este gas séguese a respirar durante un tempo suficiente.
¿Que facer se hai síntomas de intoxicación por gas CO?
Se estando nun ambiente pechado con algún aparello de combustión
encendido, comeza a doerlle a cabeza, sentir náuseas ou vomitar, nunca pense:
“algo que comín sentóume mal”, ou “debo de estar collendo un gripazo”. O máis
probable é que se estea intoxicando por monóxido de carbono, e polo tanto,
inmediatamente:
·
Apague a fonte de
combustión, abra portas e xanelas, e váiase a un lugar donde poida respirar
aire fresco.
·
Chame ó 061 ou acuda
directamente a un centro de urxencias próximo, dicindo que sospeita
intoxicación por monóxido de carbono. Tomaranse axiña as medidas oportunas de
diagnóstico e tratamento.
·
Pense na resposta ás
seguintes preguntas: ¿Alguén máis na súa familia ten os mesmos síntomas?,
¿comezaron todos a ter esos síntomas ó mesmo tempo?, ¿ten vostede na súa casa
algún aparello que usa combustible?, ¿alguén inspeccionou eses aparellos
últimamente?, ¿está vostede seguro de que están funcionando correctamente?.
A clave está nas medidas de prevención:
·
Interésese e vixile a
instalación e o mantemento adecuados dos aparellos de combustión, así como dos
seus conductos de ventilación, seguindo as instruccións dos fabricantes. Ante
calquera dúbida sobre o funcionamento dun aparello de combustión (quentador de
auga, estufa de gas...), fágao revisar por un profesional.
·
Non é nada aconsellable
a utilización de braseiros tradicionais de leña nas vivendas. De facelo, téñao ben
á vista, ventile con frecuencia, e retíreo ou apágueo sempre durante as horas
de sono.
·
Non encenda motores de
combustible en ambientes pechados como galpóns e garaxes, corre un alto risco
de intoxicarse polo gas CO.
·
En tódolos casos de
utilización de aparellos de combustión en lugares pechados, manteña sempre unha
ventilación adecuada. Nunca utilice o forno de gas da cociña para quenta-la súa
casa, aínda que sea por pouco tempo.
·
Nunca queime carbón
dentro de súa casa, aínda que sea na chimenea.
·
Nunca utilice aparellos
con motores de combustible (cortadoras de herba ou maleza, motoserras, motores
ou xeneradores pequenos) dentro dun cuarto pechado.