Xornada "Técnicas xenómicas para a trazabilidade global de patóxenos alimentarios"

Xornada "Técnicas xenómicas para a trazabilidade global de patóxenos alimentarios"

O desenvolvemento de novas tecnoloxías de secuenciación xenómica durante os últimos anos está a supoñer unha revolución tecnolóxica, coa obtención masiva de secuencias xenéticas de xeito simple, rápido e con un custo cada vez menor, o que vai permitir a súa universalización en todos os sectores da saúde pública.

Actualmente, a aplicación destas tecnoloxías está a substituír ás técnicas clásicas de tipado molecular, e xa son moitos os países que están a utilizar a secuenciación de xenomas completos de patóxenos de xeito rutineiro para a investigación de brotes, identificar rutas de transmisión de infeccións, identificar xenes de resistencia a antimicrobianos e investigar a aparición de novas variantes xenéticas de maior virulencia nunha determinada zona do mundo.

Estas técnicas están baseadas na secuencia xenómica dos patóxenos investigados e son, polo tanto, facilmente reproducibles en todos os laboratorios. A información xerada pode almacenarse en bases de datos públicas que permiten un intercambio de datos fácil e rápido, facilitando a investigación transfronteiriza da transmisión de patóxenos e o seu impacto na saúde.

O obxectivo desta xornada é revisar a actual situación das técnicas xenómicas aplicadas ao rastrexo de microorganismos de interese en saúde pública, focalizando nos patóxenos alimentarios e situacións de abrochos.

Debido a que o aforo é limitado, é convinte realizar a inscrición enviando o formulario de inscrición ao correo electrónico: programascontrol.riscosambientais@sergas.es