Ozono

Ozono

Fontes principais

O ozono a nivel do chan fórmase pola reacción coa luz solar de contaminantes como os óxidos de nitróxeno (NOx) e os compostos orgánicos volátiles (COV) procedentes das emisións de vehículos, os disolventes ou a industria. Os niveis de ozono máis elevados rexístranse durante os períodos de tempo asollado e as altas temperaturas. Ao longo do día os valores mais altos rexístranse nas horas centrais e durante a tarde.

 

Referencia lexislativa

O Real decreto 102/2011, do 28 de xaneiro, relativo á mellora da calidade do aire indica no seu anexo I, uns valores límite para o control da calidade do aire en relación ao ozono:

 

Parámetro (Ozono) Limiar
Limiar de información Media horaria 180 µg/m³
Limiar de alerta Media horaria (1) 240 µg/m³
 

(1) A efectos de aplicación do artigo 25 do devandito RD, a superación do limiar débese medir ou prever durante 3 horas consecutivas.

 

Efectos sobre a saúde

Os grupos de risco máis susceptibles de sufrir estes efectos son os nenos, anciáns e persoas con problemas respiratorios.

O exceso de ozono no aire pode producir efectos adversos de consideración na saúde humana. Pode causar problemas respiratorios, pode agravar a asma ou outras enfermidades respiratorias. Así mesmo pode reducir a función pulmonar e orixinar enfermidades pulmonares.

Os síntomas máis frecuentes son dificultade para respirar, opresión no peito, tose e sibilancias. Outros efectos de menor importancia que pode provocar son irritación ocular e de garganta

A superación do limiar de información, pode producir efectos limitados e transitorios na saúde dos grupos de risco. A superación do limiar de alerta pode producir efectos na poboación en xeral.

 

Recomendacións sanitarias

Cando existen niveis moderados de ozono (120 -180 µg/m³) é pouco probable que sexan necesarias accións para a poboación en xeral porque o efecto previsible é suave.
Poñerase especial atención nas persoas con asma ou outras enfermidades respiratorias que deberán reducir a exposición limitando actividades prolongadas ao aire libre.

Cando os niveis de ozono no aire son altos (180 -240 µg/m³) é previsible que se produzan efectos importantes na saúde da poboación xeral en especial nos grupos de risco.
Nos grupos de risco (nenos, anciáns e persoas con problemas respiratorios) recoméndase que reduzan a exposición permanecendo o maior tempo posible en lugares pechados, xa que as concentracións de ozono no interior son xeralmente mais baixas (menos de 50%) que as do aire libre.

Recoméndase que toda a poboación evite a exposición ao aire exterior nas horas centrais do día, cando os niveis de ozono aumentan. Ademais absteranse de facer actividades prolongadas ao aire libre, principalmente as que supoñan esforzos (actividades físicas e deportivas). Ao respirar intensamente haberá mais exposición.

Cando os niveis de ozono no aire están en nivel de alerta (>240 µg/m³), ademais do anteriormente dito, recoméndase que as persoas sensibles permanezan en lugares pechados e deberanse seguir as recomendacións puntuais que indique a Consellería de Sanidade, de ser o caso.