A libre elección de médico de familia e pediatra en atención primaria é un dereito recoñecido na Lei 12/2013 de garantías de prestacións sanitarias. Para un adecuado desenvolvemento da mesma e asegurar un funcionamento eficiente dos centros sanitarios con altos niveis de calidade asistencial, é preciso que vostede coñeza unha serie de cuestións que poden incidir na forma en que se prestan determinados servizos. Estas son:
- Ao inicio do procedemento de elección de profesionais sanitarios/as de atención primaria, vostede recibirá información sobre os horarios de atención, as unidades de apoio dispoñibles e as implicacións que pode haber sobre a atención domiciliaria, atención continuada, transporte sanitario programado e outras prestacións complementarias cando non haxa concordancia entre o domicilio e o ámbito territorial da cota do profesional elixido ou do hospital que lle corresponde a esta.
- Co obxectivo de asegurar unha atención integrada e a continuidade asistencial dentro da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI), a elección de médico de familia ou pediatra conleva a asignación tanto dos servizos de apoio da atención primaria como do hospital que lle corresponde á cota dos profesionais elixidos (a asignación de hospital non impide a elección de centro hospitalario distinto para a atención dun ''problema de saúde novo'').
- Cando exista discordancia entre o seu domicilio e o ámbito territorial do hospital que lle corresponda, non será posible solicitar transporte sanitario programado nin se poderá prestar a atención en réxime de hospitalización a domicilio.
- De elixir un profesional sanitario de atención primaria que traballa nun centro de saúde de fóra do seu concello de residencia, a atención sanitaria domiciliaria non poderá ser proporcionada.
- Para garantir o traballo en equipo no caso de que se opte pola libre elección de médico de familia ou pediatra, o persoal de enfermaría deberá elixirse ou ser asignado na mesma unidade de atención primaria, e viceversa, se se opta por elixir un enfermeiro/a o médico de familia ou pediatra deberá pertencer ao cadro de persoal da mesma unidade de atención primaria.
- Os gastos de desprazamento derivados do exercicio da libre elección polos usuarios, non xerarán ningún tipo de indemnización a cargo do Servizo Galego de Saúde.