Convocatoria 2015-2017

Convocatoria 2015-2017

Convocatoria de axudas 2015-2017 (DOG 16/06/2015) para o desenvolvemento de proxectos de prevención de drogodependencias e condutas adictivas

O 16 de xuño de 2015 publicáronse no DOG as ordes nas cales se establecen as bases reguladoras para o cofinanciamento de proxectos de prevención de drogodependencias desenvolvidos por concellos, agrupacións ou mancomunidades de concellos, así como por entidades privadas sen ánimo de lucro da Comunidade Autónoma de Galicia.

En total, o investimento previsto para os anos 2015, 2016 e 2017 ascende a 2.701.352 euros, dos cales 1.203.000 euros corresponden ás entidades privadas e 1.498.352 euros son para os concellos.

O desenvolvemento destas actuacións ten por obxectivo promover a adopción de estilos de vida saudables e de ocupación do tempo libre entre os adolescentes e mozos galegos, ademais de potenciar, nos diversos colectivos nos cales se intervén, factores de protección e reducir o impacto de determinados factores de risco asociados ao consumo de drogas. Tamén que outros colectivos implicados na prevención, como familiares ou docentes, funcionen como axentes de saúde.

 
Novidades
  • As ordes pasan a ter un carácter bianual (25 meses ao longo de 3 exercicios). Así, redúcese as cargas administrativas e increméntase a estabilidade dos equipos preventivos.
  • Ademais, introdúcese a posibilidade de que as entidades solicitantes incrementen a porcentaxe de cofinanciamento (o mínimo segue a ser 5%), fomentándose que as entidades locais integren a prevención na súa planificación estratéxica con carácter estable. Deste xeito enriquécese a valoración técnica dos proxectos presentados e foméntase o espírito de cofinanciamento das bases reguladoras.
  • Doutra banda, no caso dos concellos, engadíronse dos novos criterios de baremación (a porcentaxe de cofinanciamento e o custo medio por programa e 1.000 habitantes) e, no caso das ONG, un novo criterio (a porcentaxe de cofinanciamento).
  • En ambas as dúas ordes se modificou o cálculo das contías das subvencións para facelo máis sinxelo e simplificouse a documentación solicitada ás entidades beneficiarias, co obxecto de reducir a carga administrativa derivada da tramitación das subvencións.