Saúde Bucodental

Saúde Bucodental

Actualmente os escolares galegos teñen unha saúde bucodental equiparable á dos escolares dos países europeos máis avanzados, unha das principais razóns deste importante avance foi o incremento da educación para a saúde bucodental na escola. Buscouse principalmente a prevención da carie dental, para o que durante máis de dúas décadas se achegou flúor ás pezas dentais, coa promoción dunha dieta non carioxénica e co fomento dunha hixiene oral efectiva despois de cada comida. Para todo isto, a importancia da comunidade educativa foi, e continúa sendo, indiscutible.
Tamén se creou unha rede de Unidades de Saúde Bucodental en Atención Primaria onde, ademais de consultas preventivas individuais con tratamentos protectores, tamén se atalla a evolución da carie dental cando esta xa está presente, mediante o tratamento máis axeitado en cada caso.
A achega de flúor xa non é necesaria actualmente, pero segue sendo preciso continuar coa tarefa educativa das sucesivas xeracións, inculcándolles hábitos hixiénicos adecuados e minimizando o consumo de alimentos carioxénicos. Tamén se segue a mellorar e incrementar os coidados preventivos profesionais levados a cabo nos servizos de Atención Primaria.