Preguntas máis frecuentes sobre o servizo de cita Internet

Preguntas máis frecuentes sobre o servizo de cita Internet

Está dispoñible o servizo de cita Internet as 24 horas?
Sí. Vostede pode empregar este servizo a calquera hora do día para solicitar, consultar ou modificar as súas citas para calquera profesional de atención primaria segundo as especialidades que estean dispoñibles no seu centro de saúde.
Para que profesionais se pode solicitar cita?
Na actualidade o servizo de cita Internet permite solicitar cita para os profesionais de atención primaria das seguintes especialidades:
  • Medicina de familia
  • Pediatría
  • Enfermaría
  • Matrona
  • Odontoloxía
  • Traballo social
Que tipos de citas se poden pedir?
Pódense solicitar distintos tipos de citas segundo a especialidade seleccionada e o sexo e idade do paciente para o que se solicita a cita.
Estes tipos de citas poden ir cambiando no tempo, a medida que cambien os protocolos de citazón do Servizo Galego de Saúde.
Actualmente os tipos de citas dispoñibles son:
  • Medicina de familia:
    • Solicitude de consulta por enfermidade
    • Solicitude de consulta para emisión de receitas
  • Pediatría:
    • Solicitude de consulta por enfermidade
    • Solicitude de consulta para emisión de receitas
    • Revisión de control de idade incluída no programa do neno san
  • Enfermaría:
    • Solicitude de consulta para enfermaría
    • Toma e recollida de mostras de sangue (é preciso dispor dun volante coa solicitude da proba!)
    • Revisión de control de idade incluída no programa do neno san
    • Cita para a vacina da gripe (a cita para a vacina da gripe só estará dispoñible no periodo da campaña de vacinación)
    • Citas para outras vacinas como tétano, alerxias, etc...
  • Matrona:
    • Solicitude de consulta para matrona
    • Cita para a primeira consulta do embarazo
  • Odontoloxía:
    • Solicitude de consulta para odontoloxía
    • Cita para a primeira consulta de odontoloxía da embarazada
    • Cita para a primeira consulta de odontoloxía do neno
  • Traballo social:
    • Solicitude de consulta para traballo social
Para que se utiliza a cita para consulta de enfermidade e cita para emisión de receitas? Que opción debo escoller se preciso unha cita para análises?
As prestacións dispoñibles están explicadas cando vostede as selecciona. Hai que comprobar o que indica a pantalla para cada unha das seleccións que se fagan.
Hai que ter especial atención coas citas para análises, pois para poder ser atendido é preciso dispoñer dun volante que indica as probas que se van a realizar.
Podo pedir cita para calquera centro no caso que o meu médico traballe en varios centros de saúde?
Sí, pero só se vostede está autorizado polo sistema para recibir atención neses centros. O sistema amosa os centros nos que vostede ten dereito a ser atendido. Se bota en falta algún deles, consulte co seu centro de saúde.
Podo pedir cita no caso de que teña asignado temporalmente un médico nun centro que non é o meu habitual?
Sí. Poderá pedir cita indistintamente para o seu médico ou para o que teña asignado no caso de que non se atope no seu domicilio habitual, sempre e cando se lle asignase temporalmente un médico noutro centro de saúde pola súa condición de paciente desprazado. Para poder pedir cita non debe ter ningunha restrición de citación.
Podo pedir cita se son un paciente doutra comunidade autónoma?
Se vostede é un paciente doutra comunidade autónoma, só poderá pedir cita pola Internet se dispón da condición de paciente desprazado, e non existe ningunha restrición adicional que o impida. Para solicitar a condición de paciente desprazado, acuda ao centro de saúde máis próximo.
Que fago se o servizo non me deixa pedir cita para o día que necesito, ou me di que o profesional non ten a axenda dispoñible?
A través deste servizo da Internet pódense solicitar a meirande parte das citas, pero non todas. Nestes casos o mellor é poñerse en contacto co seu centro de saúde, xa que nel os encargados da citación teñen a posibilidade de xestionar as axendas dos profesionais, e no caso de que este non teña a súa axenda dispoñible por calquera motivo poderán asignarlle a cita incluso para outro profesional da mesma especialidade.
Por qué cando pido unha cita sempre me di que non hai ocos dispoñibles e, sen embargo, se chamo ao centro de saúde me dan a cita?
Existen algunhas restricións temporais para citar a través deste servizo da Internet. Por exemplo, non se pode citar para ocos anteriores á media hora dende que se pide a cita. Isto é así porque estímase que ese é o tempo que se vai tardar en chegar ao centro. Ademais, hai determinados profesionais que teñen limitada a hora ata a que se pode pedir cita para o día de hoxe para poder planificar correctamente a atención aos pacientes. Estas restricións son coñecidas nos centros de saúde, polo que dispoñen de procedementos que lles permiten solucionalas cando se trata dunha urxencia.
Debo esperar a confirmación da cita?
En canto vostede confirma o día e a hora da cita, esta queda rexistrada sen necesidade de ningún paso posterior. Tamén pode imprimir o recordatorio da cita.
Podo consultar as citas para calquera profesional, centro de saúde e tipo de cita?
Sí. Actualmente pódense consultar todas as citas de atención primaria que teña pendentes, independentemente do profesional, centro de saúde e tipo de cita.
Podo modificar o día ou a hora da cita?
Sí. Para modificar o día ou a hora da cita é necesario seleccionar a cita e elixir outro día ou outra hora. Se este servizo non lle permitira facelo por algunha razón manterase o día e a hora da cita solicitada.
Por qué se poño os datos da miña tarxeta sanitaria e premo no botón bórrase a información e aparece de novo a mesma pantalla?
Se ocorre isto é un erro, polo que pode comunicalo a través da canle correspondente. Existe un buzón "contacte connosco" para comunicar os erros e realizar calquera suxestión.
Por qué cando vou modificar ou eliminar unha cita non vexo de que tipo é?
Os datos referentes ao tipo de cita e os recordatorios das citas non se amosarán dende este servizo da Internet coa finalidade de garantir os dereitos de privacidade da información recollidos na Lei orgánica de protección de datos (LOPD).
Por qué teño problemas coas citas de revisión de control de idade incluídas no programa do neno san?
As axendas de pediatría e enfermaría poden cubrir estes ocos rapidamente segundo a poboación en idade de revisión pediátrica correspondentes a cada profesional.
Por outra banda, estas citas poden precisar unha cita de pediatría e outra de enfermaría, polo que será necesario que ambas axendas estean sincronizadas. Se isto acontece, consulte co seu centro de saúde.
Podo pedir unha cita para os especialistas dos hospitais?
As citas para os especialistas dos hospitais non se poden solicitar a través deste servizo da Internet.
Se vostede quere consultar as súas citas e listas de espera nos hospitais pode facelo na ligazón "As súas cita​s e lista de espera nos hospitais" desta páxina. Para isto, é indispensable que teña un certificado dixital de usuario válido expedido pola Fábrica Nacional de Moneda y Timbre (FNMT) ou un DNI electrónico.​
​​