Plan Galego de Hospitalización a Domicilio

Plan Galego de Hospitalización a Domicilio

HADO como un modelo de atención cara o futuro, centrado nas necesidades do paciente
 
As novas demandas asistenciais, fundamentalmente en pacientes maiores cunha ou máis enfermidades crónicas, requiren unha transformación dos servizos sanitarios e que estes sexan prestados no lugar máis próximo e amable para os pacientes, que é o seu domicilio
A hospitalización a domicilio, como alternativa á hospitalización convencional, pasa a ser un eixo fundamental na transformación da asistencia sanitaria, por achegar coidados de rango hospitalario ao domicilio do paciente de xeito efectivo e seguro, é dicir, substitúe o hospital naqueles pacientes para quen, pola súa enfermidade ou evolución, o domicilio en réxime de hospitalización é a mellor opción asistencial.
A hospitalización a domicilio é o modelo de futuro xa que humaniza a atención, permite traballar coordinadamente e leva o hospital alí a onde se necesita.
 
Compromiso de ofertar a toda a poboación de Galicia un acceso equitativo a unha hospitalización a domicilio de calidade os 365 días do ano
 
O Servizo Galego de Saúde está comprometido na abordaxe integral da cronicidade, a achega da sanidade ao domicilio do paciente e a incorporación das novas tecnoloxías como ferramenta facilitadora da calidade asistencial e seguridade do paciente.
Nesta liña de actuación, enmárcase o presente Plan Galego de Hospitalización a Domicilio, que pretende potenciar e consolidar este modelo asistencial no Servizo Galego de Saúde e garantir o seu desenvolvemento nos próximos anos, estendendo a toda a poboación galega unha atención o máis apropiada e eficiente posible, homoxénea, estandarizada e de máxima calidade os 365 días do ano.
Para acadalo, o Plan establece os modelos e os circuítos asistenciais entre a hospitalización a domicilio e os outros ámbitos de atención sanitaria, define a carteira de servizos da hospitalización a domicilio, establece os sistemas de información, homoxenéice a rede asistencial, así como define as estratexias de comunicación e de calidade e mellora continua.
 
Pacientes que se poden beneficiar da hospitalización a domicilio
 
Pacientes que, tras un procedemento cirúrxico realizado no hospital, que precisan dunha atención que, polas súas características, inicialmente non é asumible no ámbito da atención primaria de saúde.
.- Cirurxía de curta estadía ou alta precoz: o paciente pode ser remitido ao seu domicilio nun prazo inferior ás 48 horas, reducindo así estadías hospitalarias postoperatorias.
.- Patoloxía cirúrxica complicada, coa finalidade de evitar estadías hospitalarias prolongadas e innecesarias.
Pacientes con patoloxía médica aguda (como por exemplo enfermidades infecciosas que precisan antibióticos intravenosos ou con tratamentos antineoplasicos), crónica agudizada ou avanzada e pacientes paliativos.
Tamén pacientes que necesitan nutrición parenteral domiciliaria, hemoterapia ou ventilación mecánica domiciliaria.
 
Apoio nas novas tecnoloxías. Traballando desde o domicilio do paciente con información clínica
 
O desenvolvemento tecnolóxico en saúde da nosa comunidade permite que a atención no domicilio do paciente sexa unha realidade.
Isto permite a os equipos de HADO dispoñer da historia clínica electrónica no mesmo domicilio do paciente (HCEMOV) o que facilita que a información clínica xerada durante a atención domiciliaria estea inmediatamente dispoñible para o resto dos profesionais que participen na atención, garantindo a integración e a continuidade asistencial e mellorando a calidade desta e a seguridade do paciente.
Os profesionais de HADO contan para elo con dispositivos físicos fáciles de transportar e interconectados (tabletas).
Tamén dispoñen de ferramentas tecnolóxicas que lles permiten xestionar os ingresos e altas dos pacientes dende o propio lugar no que se presta a atención.
Isto posibilita realizar no domicilio trámites administrativos como solicitude de probas de laboratorio, probas diagnósticas, prescrición electrónica de medicación hospitalaria e extrahospitalaria, acceso a teleasistencia, etc.; o que supón unha gran mellora para os  profesionais e os pacientes e as súas familias.